Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
bo exemplo. Colaboran coa Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea (Asotrame) e contan con Iván Vilariño, outrora coach do Conxo. TEXTO Xosé Antonio Grela (Doutor en Filoloxía Románica)

A nova selección ‘O Camiño de Santiago’: fútbol é máis que goles

Hai uns meses, cando se publicou por José I. Pérez, en Marca, a reportaxe sobre os nenos soldado en Serra Leoa, quedei impresionado da labor dunha ONG, que empregou o fútbol como terapia e costura para remendar os profundos odios nos mozos adolescentes que viviran a guerra civil. Un proxecto de paz entre vítimas e verdugos, que xirou arredor dun balón e funcionou.

Por iso, cando souben desta iniciativa da Selección Camiño de Santiago, que menos! que darlle voz e aplaudir o altruísmo e valores que fomenta. O deporte une, ensina uns valores, a saber gañar e a saber perder, a compartir o éxito, a ser humilde na vitoria e recoñecedor do éxito alleo. Se a todo isto lle sumamos unha causa maior, como a de colaborar e dar publicidade á Asociación Galega de Transplantados de Medula Ósea (Asotrame), os rapaces que forman parte da Selección Camiño de Santiago teñen aínda máis claro, por que xogan o fútbol.

A idea nace dun grupo de pais que querían dar oportunidades a futbolistas de primeiro ano de categoría infantil sub-13, que non caben na selección autonómica nin nos grandes clubs da Comunidade. Eles xeraron un fondo común de gastos para as viaxes, equipamentos... e falaron con esta Asociación Galega de Transplantados de Medula para dar a coñecer o seu traballo a prol do cancro.

Este combinado vén de participar no Torneo Internacional San Bernabé, en Torrelavega (Cantabria) vencendo a verdadeiros colosos.

A selección integra xogadores de toda Galicia, provenientes de clubs como Val Miñor, Conxo, Ribadumia, Choco, Alondras, Pontevedra, Salgueiriños... dirixidos polo guardés, Abel Lomba, adestrador do C. P. Alertanavia. E foi tal o éxito, que xa os chamaron para competir na Douro Cup, en Porto, (Portugal) entre os vindeiros días 11 e 16 de xullo.

Dado o apoio recibido van a estender a idea ao resto de categorías, incluído o deporte feminino e o fútbol sala. Non contan con ningunha axuda pública, pero souberon moverse buscando patrocinios privados.

Ao fronte do proxecto deportivo está Iván Vilariño, outrora coach do Conxo, coordinador da canteira do Pontevedra e agora adestrador do principal equipo de Berna (Suíza).

O nome foi un acerto. Non sei se o Apóstolo é un xogador máis ou se cobra forza nas pernas dos xogadores. Non se trata de facer dun campo de fútbol unha rememoración da batalla de Clavijo pero o nome da selección algo de respecto, si pon.

Moita sorte! a esta selección de O Camiño de Santiago, e moitos parabéns! para mentores, pais e profesionais do deporte por este tipo de iniciativas. Son estas as cousas que deixan fóra da nosa terra, un sinal de identidade, nos definen como pobo, e deixan pegada e recoñecemento polos valores que promoven.

Se me permite Abel Lomba, faríalle chegar a proposta de que o capitán promova un berro pre-partido acorde ao nome da selección, xuntando as mans como sinal de identidade e advertencia ao rival: “un! dous! tres! Ultreia et Suseia!”

29 jun 2022 / 23:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito