Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

E volta a burra ao trigo!

Xa sei que este dito non é moi galego, pero como vou facer uso do sarcasmo e da ironía neste artigo, confío en que moitos así, non se verán na obriga de traducilo.

Non vou gastar unha soa liña en argumentar que a pesca sen morte non é unha ferramenta de xestión para a pesca, sexa esta fluvial ou marítima. Ademais, a pesar daquela lei da propaganda atribuída ao nazi, Joseph Goebbels, unha mentira repetida mil veces, non sempre se converte nunha verdade.

A pesca en Galicia esta bipolarizada. Isto é un feito. E que unha unha minoría intenta impoñer o seu credo a unha maioría, tamén é outro feito. É dicir, que a bipolarización non é equitativa. Os defensores da pesca sen morte son cuantitativamente, numericamente, infinitamente... moitísimos menos. Entre os argumentos dos virtual-fishermen fronte aos real-fishermen, esgrímese, que levar proteínas para casa ou que unha actividade sexa tradicional, non son suficientes argumentos, e que, sen base científica algunha, simplemente para satisfacer caprichos e costumes, non se poden soster nin defender.

Que prosodia semántica! Todo se volve falar de León, como se as troitas en León se botasen fóra dos ríos. Miren vostedes, que casualidade! A Comunidade veciña vén de aprobar a través da súa Consellería de Medio Ambiente un plan de repoboacións de troita común para os anos 2022, 2023 e 2024, co fin de reforzar esta especie nos ríos leoneses. Empregarán como recursos xenéticos o repertorio de reprodutores das 17 liñas puras de troita común, conservados nos Centros de Acuicultura de Vegas del Condado (León) e de la Aliseda de Tormes (Ávila). E con esta técnica garántese o control do material xenético de orixe, reducindo a mortaldade nas repoboacións a niveis mínimos. Este repertorio xenético, a modo de Arca de Noé, emprégase para recuperar tramos afectados por catástrofes como a falta de osíxeno, turbidez, episodios prolongados de seca, vertidos contaminantes, mortaldades accidentais...

Se tan ben están eses ríos e son un exemplo, despois de tantos anos de panacea coa pesca sen morte, para que dan luz verde a plans de repoboacións tan ambiciosos? Non será que eses plans son os verdadeiros artífices e non estes pescadores pseudo-ecolóxicos, amantes das selfi-capturas?

Igualiño que en Galicia! Aquí despedimos ao director da estación de Hidrobioloxía, EHEC-USC; non se permiten as repoboacións; no se controlan os depredadores “ex vetere novum”, como os corvos mariños, vellos profesionais na arte da pesca e advenedizos nos ríos asemade; esquécense os vertidos, (de tantos que hai) como o último que afectou ao Tambre desde o regato de Portaferreiros, en Trazo, que os técnicos aproximaron nuns 300.000 l de xurro, cando houbo cálculos bastantes superiores... Pero nada, en Galicia “rien de rien” para axudar aos ríos. Aquí o máis doado é botarlle a culpa aos pescadores con cana que levan 4 troitas para cear: unha para a muller, unha para un fillo, outra para outro fillo, se o hai, e outra con sorte para el. Os avós terán que agardar a seguinte saída, porque ten máis dereitos o corvo mariño a comer troitas, que o pescador tradicional. Faltaría máis! Vaia comparación! Ese pescador que alcuman do Neolítico e “morto de fame” é ao que queren chimpar dos ríos galegos: “quédanlle dous telediarios”! en palabras dos pescadores virtuais. Que curioso! que en democracia as minorías se impoñan ideoloxicamente ás maiorías. Logo, que se estrañen da xuntanza de miles de pescadores e cazadores para alumear unha nova forza política que os representen, que se estrañen!

Por último, non quixera abandonar este ton irónico sen antes advertir que estes pescadores pseudo-ecolóxicos serán os seguintes en abandonar os ríos. Por que? Porque, polo camiño animalista que andamos, as troitas e peixes, como seres vivos que son, tamén teñen os seus dereitos.

Preguntáronlle a elas se aceptan estar sufrindo unha pseudo-captura durante minutos nunha loita pre-mortem, para goce e presunción dun selfi? Preguntáronlle as troitas por que teñen que servir elas de obxecto de pracer para estes pescadores pseudo-ecolóxicos? Acaso, non sofren un estrés e un medo inminente, con momentos de asfixia? Ollo! pescadores de captura e solta. Voulles facer unha premonición co maior dos respectos. A solución non está en demonizar e botar fóra dos ríos aos pescadores con morte, porque os seguintes serán vostedes. Terán que pescar virtualmente con xogos no móbil ou na Play, a verdade, bastante realistas. E para aqueles máis resignados, practicar a captura e solta de ras con trapos vermellos, inofensivos e sen anzois, nalgunha lagoa para a ocasión. Ríanse, ríanse!

Voulles contar unha anécdota real: nunha clase da ESO, os alumnos comezaron a berrar nunha performance intencionada por mor dunha araña que se paseaba polo taboleiro dixital. A profesora, seguindo o protocolo chamou ao profesor de garda, este, para non meterse en problemas, chamou pola compañeira de Bioloxía, que sacou a araña nun folio para ser liberada no exterior do patio do IES, entre as palmadas de toda a clase e algún que outro: - hala Madrid! Sei de boa tinta, que o profesor de garda ao rematar semellante festa de liberación, preguntoulle a compañeira de Bioloxía se ía facer o mesmo con cada mosca que entrase no verán. Non estou autorizado a revelar a resposta literal da bióloga, por isto do segredo das fontes, pero saiban que ten moitas concomitancias coa palabra paripé, e que hai que gardar as formas diante dos alumnos.

“Paripé”. Palabra que non está recollida na lingua galega. Isto é o que é a pesca sen morte nos ríos galegos, un paripé! E por riba, coa beizón dunha administración pusilánime que pensan, van a ter de man. Equivócanse de inimigo, pero alá cada un co seu credo. Todos cabemos nos ríos e todas as opcións son respetables. Os pescadores con morte non son os responsables de que, cando un levanta unha pedra no río, non teña ningún macroinvertebrado. Verdadeiros indicadores da calidade biolóxica das augas. A desfeita dos ríos galegos non é por levar unhas troitas. Non se leva o que non hai. Pero aí seguen, erre que erre, co mesmo mantra. Fiando o seu crédito a unha ferramenta tan inocente como inxenua.

Se mañá todos os pescadores galegos nos fixeramos pseudo-ecoloxistas, segundo eles faríamos de Galicia outro mar de Galilea. Por certo, e isto vai para os crentes: os discípulos de Xesús non devolveron os peixes a auga. Permítanme lembrarlle que o credo animalista non fará distincións entre con/sen morte, e iso de divertise a conta dun animal - por moita solta que prediquen - vai ter pouco percorrido. A pesca sen morte é unha opción de pesca, tan respectable como ser monárquico ou republicano, do Madrid ou do Barsa, vegano ou carnívoro, pero nunca debe ser unha obriga baseada nunha extraordinaria solución ecolóxica.

Se os pescadores que levan unhas troitas para comer son asasinos e responsables de todas as desfeitas, e por riba sinalados por aqueles que lles fan padecer un estrés traumático para goce e deleite persoal, que non se enganen! Os ríos non van quedar só para eles, porque se un non pode comela o outro tampouco pode facela sufrir. Voulles dar un consello para que non vivan enganados e tomen nota dun dito, agora si, moi galego: “quen dá pan a can alleo, queda sen pan e máis sen can!”

27 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito