Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Bertamiráns foi unha festa na saída de ‘O Gran Camiño’

O alcalde Blas García destacou “que milleiros de espectadores doutros países puideran seguir a etapa é moi importante para nós”

Bertamiráns acolleu a presentación e o arranque da segunda etapa da volta ciclista O Gran Camiño. A avenida da Maía foi o punto de partida do percorrido, que foi inaugurado por representantes da Xunta, da Deputación da Coruña, do Concello de Ames e da organización da proba. O pelotón partiu pola rúa Alcalde Lorenzo en dirección Teo, para cruzar despois O Milladoiro, volver a Bertamiráns e coller dirección Muxía, pasando pola parroquia de Ames, Lens e Ponte Maceira.

A avenida da Maía amenceu e co tráfico cortado e cun amplo despregue policial e loxístico. A vía principal de Bertamiráns foi escollida para acoller ás infraestruturas da organización e dos equipos ciclistas, que disputaban a segunda das súas catro etapas. Autobuses e coches de equipos, bicicletas, persoal técnico e medios de comunicación acompañaban ao gran arco de meta instalado no centro da vila.

As escuadras e deportistas do pelotón foron pasando polo podio instalado ao carón da meta, onde foron presentados e recibidos cos aplausos da veciñanza. Neste senso, o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís, dedicaron unhas palabras de agradecemento á organización e aos ciclistas, antes de recibir ao equipo Movistar, liderado por Alejandro Valverdes.

Unha vez rematadas as presentacións, os responsables políticos xuntáronse para iniciar oficialmente o percorrido. Cortaron a cinta inaugural o vicepresidente Alfonso Rueda; Xosé Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte; o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e Ezequiel Mosquera, director da organización, acompañados de varios membros do Goberno local e da Corporación municipal.

Sobre as 10:30 horas, o pelotón ciclista, liderado polo gañador da primeira etapa e maillot amarelo, Magnus Cort Nielsen, arrancou pola avenida da Maía e xirou cara á rúa Alcalde Lorenzo, onde daba comezo a saída neutralizada. Dende aí, o pelotón dirixiuse a Teo, subiu polo Milladoiro ata a zona sur de Santiago e volveu a Bertamiráns.

A etapa continuou polas parroquias de Ames e Lens, onde unha primeira fuga de sete corredores disputou o porto de terceira categoría situado na zona. Os puntos da montaña repartíronse entre Jon Barrenetxea, do Caja Rural-Seguros RG; Antonio Angulo, do Euskaltel-Euskadi, e Joni Brandão, do W52/FC. Tras pasar por Ponte Maceira, a etapa continuou dirección Costa da Morte, co final no mirador do Ézaro.

O alcalde de Ames, Blas García, cualificou a xornada como un “día de satisfacción”. “Cun evento coma este poñemos ao concello de Ames, a Bertamiráns e a toda a contorna nos ollos do mundo. Que milleiros de espectadores doutros países poidan seguir esta etapa é moi importante para nós”, sinalou García.

No mesmo ton, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou a importancia e a repercusión da proba para mostrar o concello. “Que unha volta ciclista coma esta, que Galicia non acollía dende hai máis de dúas décadas, teña saída no noso concello, servirá para dar a coñecer Ames a todas as persoas que sigan a proba a través da televisión ou da rede. É unha promoción importante”.

26 feb 2022 / 00:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.