Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
As vereas históricas que entran e saen polos catro costados, vivas a día de hoxe tras tantos séculos de tránsito, dan boa fe deste carácter andadeiro de Compostela // A cidade vai recuperando pouco a pouco o ritmo pausado das pegadas lentas

Capital mundial dos camiñantes

Dicía Fernando Birri que a utopía sempre permanece no horizonte. O caso é que alcanzala é imposible, pois a medida que avanzamos aparece un novo máis alá. Para que serve a utopía, entón, se nunca imos dar chegado a ela?

Para camiñar na dirección correcta.

Camiñar. Cecais a acción motriz que máis identifica o ser humano, o único animal bípedo deseñado para percorrer longas distancias a pé. E sen embargo, nos últimos tempos esa actividade tan humana case que desapareceu das nosas vidas. Entre os medios de transporte mecánicos, un estilo de vida sedentario de máis e que a escasa actividade deportiva que facemos é indoor, parece que o feito de andar se convertise en algo fóra do común.

Un oxímoro latexante, tendo en conta onde vivimos.

Imaxinemos unha cidade tan particular que, por diversos motivos, centos de miles de persoas deciden chegar a ela cada ano camiñando. Milleiros de visitantes que poderían chegar en avión ou en tren, pero que escollen facelo a pé. Un caso único no mundo, dende logo. Unha pequena urbe nos confíns de Europa, final de todos os camiños. A meta última dese tipo especial de viaxeiros que chamamos peregrinos.

Como é evidente, non fai falta imaxinar ese lugar. Esa cidade é a nosa. Compostela.

Tanto é así que a propia tipoloxía urbana de Santiago reflicte ese carácter. Un bo exemplo é o Camiño Francés ao entrar por San Pedro, prototipo de rúa medieval xurdida ás beiras da calzada. En Puente la Reina, Castrojeriz ou aquí ao ladiño, nunha aldea do Pino chamada A Rúa, temos outros exemplos claros. Pero tamén na rúa de Sar, que desemboca na porta de Mazarelos. Por aquí non só entra a Vía da Prata, senón tamén o viño do Ribeiro dende tempos inmemoriais. Así se afirmaba xa no Códice Calixtino hai 900 anos. Ese viño hoxe desprestixiado, por certo, pero que no seu día foi considerado como o mellor do mundo. Tanto, que só un conflito relixioso decantou aos ingleses a establecerse na Ribeira do Douro para a explotación dos seus viñedos a través de Porto, no canto de facelo en Ribadavia.

Faltan as outras dúas portas da vila. Pola Faxeira entra o Camiño Portugués, e pola Porta da Pena o Inglés. E canda estes camiños, por suposto, todas as variantes que antes ou despois desembocan nalgunha das rutas principais.

Mais non todos os vieiros de romaxe entran na capital. Pola rúa das Hortas, cara ao mosteiro de Trasouto e a Ponte Sarela, saen os peregrinos que dirixen os seus pasos á fin do mundo. Reminiscencias, talvez, dun roteiro iniciático previo á primeira peregrinación oficial, a iniciada polo rei Afonso II alá polo S. IX. Así é Compostela, capital mundial dos camiñantes. As vereas históricas que entran e saen da cidade polos catro costados, vivas a día de hoxe tras séculos de tránsito, dan boa fe deste carácter andadeiro. Pero... somos camiñeiros os composteláns, ou máis ben ferreiros con coitelos de pau?

A imaxe inicial do desconfinamento pode dar lugar a confusión. Naqueles primeiros días post-corentena rúas, parques e sendeiros fervían de runners improvisados. Algo parecido a zombies en mallas, de fazulas amoratadas e tempas suorentas (houbo quen lles chamou The running dead), sobresaltaban aos paseantes que paseaban por desentalar as pernas ataviados con chándal e tapabocas.

Outfits que eran auténticas declaracións de intencións. E cales non o son, diría a gran Ana Iglesias.

Agora que as augas van voltando ao rego, e que o verán asoma xa as orellas, parece que a cidade dos camiñantes recupera o ritmo pausado das pegadas lentas. Será que sempre fomos máis de andar que de correr. Talvez por mor do clima temperado, si, pero tamén pola calidade do noso aire. De feito, Santiago foi recentemente premiada como cidade de Europa co aire máis limpo. E iso sen esquecer a contorna privilexiada que nos rodea.

Vieiros como o das Brañas do Sar, que nos leva ata o Paxonal e ao Bosque do Banquete, xa en Conxo, son boa mostra. Ou as sendas do Sarela, do Pedroso ou calquera outra que enlace as zonas verdes da cidade. Alameda, Bonaval e Belvís son os parques máis coñecidos, pero non debemos esquecer as fincas Simeón e do Espiño, a Selva Negra ou o propio Campus Sur, entre outros.

Unha manchea de posibilidades para o paseo.

E se os camiños de Santiago, as vereas sinalizadas e os parques da cidade non abondasen, aínda quedan as mellores opcións. A escasos minutos de calquera punto da cidade atópase ese conglomerado de touzas, veigas, agros, campíos, searas e forestas que é a Galicia rural. Un paraíso natural para botarse a andar, sen pretexto que valla.

Andar, si. Ese privilexio.

Pode parecernos algo común, mais non o é. O espazo urbano adoita ser agresivo de máis para o viandante. Incluso restritivo. Ben sexa por causa do tráfico, da contaminación ou da inseguridade cidadá, en moitos lugares do planeta camiñar é unha auténtica regalía. Algo practicamente inaccesible.

Semella que é hora, entón, de botármonos aos camiños. Sexa por todo o antedito, porque a nosa cidade agarda medio millón de romeiros no ano próximo ou por compensar os meses de inactividade forzada. Polo motivo que prefira cadaquén. Ao longo de roteiros marcados, por etapas do Camiño ou monte a través.

A capital mundial dos camiñantes pode ser, tamén, fogar de camiñantes felices.

15 jun 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.