El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Deportes | deportes@elcorreogallego.es  |   RSS - Deportes RSS

Álvaro Casas convértese na primeira renovación do novo proxecto do Compos

O central asina a súa continuidade e súmase a Naveira, Alberto e Queiruga, con contrato

Casas, nun partido contra o Ribadumia - FOTO: Antonio Hernández
Casas, nun partido contra o Ribadumia - FOTO: Antonio Hernández

IVÁN FERNÁNDEZ SANTIAGO  | 05.06.2019 
A- A+

O Compostela xa comezou a dar os primeiros pasos para compoñer o plantel da vindeira tempada. Álvaro Casas, un dos capitáns do equipo, foi o primeiro en confirmar a súa continuidade no club, que a día de hoxe conta con catro efectivos.

Álvaro Casas volverá defender a camiseta da SD Compostela. O zagueiro santiagués vén de renovar a súa vinculación co club da súa cidade por outra tempada, encarando a súa terceira campaña no Vero Boquete de San Lázaro.

A continuidade dun dos capitáns da tempada que vén de finalizar reflicte a filosofía do club de cara á confección do plantel para o curso 2019/2020. A dirección deportiva do Compostela volverá apostar unha vez máis por xente nova, polivalente, da contorna e con gañas de medrar no mundo do fútbol.

Casas foi un dos alicerces do equipo branquiazul desde que chegou á entidad, dous anos atrás. Nestas dúas tempadas foi un dos xogadores con maior protagonismo no equipo, sendo un dos máis utilizados por Yago Iglesias. O zagueiro santiagués chegou a superar os 3.000 minutos de xogo en cada unha destas dúas campañas, contando as súas participacións na liga de Terceira División, play-off de ascenso, Copa do Rei e Copa Deputación.

Ás súas costas, o segundo capitán do plantel compostelanista xa acumula 75 partidos coa camiseta do Compostela, sendo un dos referentes do equipo no eixo da zaga, se ben tamén pode actuar como mediocentro. Durante estes encontros, o central acadou un total de dous goles, ambos na tempada que acaba de rematar. Estreouse fronte ao Paiosaco, na quinta xornada de liga, e repetiu na décima semana, esta vez xogando contra o Porriño Industrial.

Álvaro Casas convértese así no cuarto compoñente do novo proxecto. A súa continuidade súmase á de Álvaro Naveira, Alberto e Queiruga (regresa tras cesión), que teñen contrato en vigor.