El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Deportes | deportes@elcorreogallego.es  |   RSS - Deportes RSS

Compostela deixa a súa pegada na festa do atletismo galego

Os Campionatos Autonómicos de Pontevedra foron excelentes en marcas e en emocións

FOTO: ECG
FOTO: ECG

ELVA VALLE   | 22.07.2019 
A- A+

Pontevedra acolleu a gran festa do atletismo galego coa disputa duns Campionatos Autonómicos excelente en marcas, emoción e organización na que tiveron tamén protagonismo os atletas compostelás.

A cita abriuse coa disputa da marcha na que venceron os dous irmáns de Cuntis: Antía (23:14.05) -finalista do Campionato de Europa sub-20- e Dani Chamosa, da Gimnástica (20:56.59).

Os concursos de lanzamentos acapararon os focos coa presenza de dúas lendas: o heptaolímpico Frank Casañas, que logrou o ouro en disco (54.07 m.) e en peso do atleta máis laureado en activo do atletismo galego, Victor Gallego (15.72 m). No martelo feminino a medalla foi Patricia Correa, da Gimnástica (44.08 m.), Paula Piñón, do A.F. Celta, lanzou o disco ata os 37.12 m., e no concurso de altura destacou Raúl Cortizo, da Gimnástica (1.94 m.). Ademáis, Raquel Villa do A.F. Celta apuntou no seu primeiro intento ata os 11.83 m. no concurso de peso que lle levou ao máis alto do podio.En pértega feminina Bea Viteri, do A.F. Celta, suma un novo título autonómico que fan dela a muller con máis ouros de todas as participantes con sete, logo de saltar 3.72 m.

Xa nos 5.000 m. Manuel Hurtado foi o máis rápido (14:35.03) xunto a Uxía Pérez (17:02.34). Nos 800 m., con Elian Numa e Raquel Meaños nos Europeos sub-20, foron Eugenía Gil, da Gimnástica (2:16.06) e o compostelán Fernando Vales, C.A. Santiago (1:51.90) os protagonistas.

A lonxitude foi para Pablo Modia, do Lucus CRG, (7.10 m.) e as dúas finais dos 400 valos para Iago Núñez, do Lucus (54.46) e Claudia Rojo, Valencia (1:01.28).

Xa pola tarde, a final de triplo foi para Alexandre Barreirodo (14.38 m.) e para a internacional do F.C. Barcelona Ruth Marie Ndoumbe (13.08 m.).

Nos lanzamentos, o vigués Carlos Revuelta mandou no podio de martelo (58.06 m.), mentres que en xavelina a Manolo Uriz bastoulle cun só lanzamento (66.42 m.) e Carmen Sánchez Parrondo fiou ata o cuarto (54.00 m.). A internacional sub-23 Andrea González rematou con 47.46 m. e a tetra-olímpica Felicea Tilea con 42.91.

Nas probas de velocidade destacaron Ari Iglesias, do Lucus Caixa Rural, que gañou tanto dos 100 m. como os 200 m. con 12.23 e 25.27, e o internacional coruñés Mauro Triana, do Playas de Castellón, quen faría o propio con 10.65 e 21.50. O compostelá do C.A. Santiago Javi Cancela colgouse a prata (10.97).

Nos 400 m. o ouro foi para a coruñesa Paula Iglesias do Riazor (54.59) cun récord do campionato. David de la Fuente, do Narón, foi o máis rápido nos homes (49.61). Sandra Mosquera, do Proinor, venceu nos 1.500 m. (4:40.37) xunto a Pablo Bocelo (3:59.38), ao igual que Esteban Iglesias, do Lucus, e de Sofía Freaza, do Rúa Ferrol con 9:38.38 e 11:12.73 nos obstáculos.

Os valos curtos foron para Antía Martínez do Ría Ferrol (14.41) e Miguel Pérez, do Lucus (14.56) e a lonxitude para Leticia Gil (6.25). A integración contou ademáis con Susana Rodríguez nos 1.500 m. (5:06.11).

Por último, o Riazor Coruña gañou os 4×100 (47.96; novo récord galego sub-23 e do Campionato) e os 4×400 (4:00.36) femininos mentres o O Lucus o 4×100 (42.89) e o Narón o 4×400 (3:25.09) en homes cunha dobre prata para o CA Santiago en ambas distancias.

 

Fernando Vales, no máis alto do podio nos 800 m.

O compostelá de 20 anos Fernando Vales acadou un novo ouro tras impoñerse nos 800 metros cun rexistro de 1:51.90 e ademais axudou na prata por relevos nos 4x400 dun Atletismo Santiago que tamén foi segundo nos 4x100.

Unha prata moi feliz nos 100 m. para Javi Cancela

Semella invencible o internacional coruñés Mauro Triana, do Playas de Castellón, nos 100 m. pero o compostelá do C.A. Santiago Javi Cancela intentouno. Por iso rematou feliz coa medalla de prata no Autonómico (10.97).

Non se baixa do caixón a lanzadora Andrea González

Non se baixa do podio desde que comezara nesta disciplina hai tres anos de ahí o mérito do subcampionato para a compostelá Andrea González en xavelina cun lanzamento de 47.46 polos 54.00 de Carmen Sánchez Parrondo.