El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Deportes | deportes@elcorreogallego.es  |   RSS - Deportes RSS

Feijóo enaltece os valores dos 195 medallistas galegos

Núñez Feijóo e Lete Lasa, cos deportistas galegos recoñecidos onte na Cidade da Cultura de Santiago - FOTO: ECG
Núñez Feijóo e Lete Lasa, cos deportistas galegos recoñecidos onte na Cidade da Cultura de Santiago - FOTO: ECG

E. P.   | 11.01.2019 
A- A+

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, salientou onte os valores de 195 medallistas galegos que foron campións en competicións internacionais entre 2017 e 2018 como "inspiración" para os deportistas máis novos.

"Estamos falando de 353 medallas internacionais, 126 delas de ouro, e de 353 veces nas que toda Galicia compartiu o orgullo de conseguir todas esas vitorias e de ser os mellores en medio cento de especialidades deportivas", abordou.

Durante o acto de recepción aos medallistas na Cidade da Cultura, en Santiago, Feijóo aseverou que, para seguir sumando vitorias, os deportistas contarán co apoio da Xunta, e destacou as 200 axudas xa resoltas para deportistas galegos de alto nivel, dotadas cun orzamento de 350.000 euros.

Na súa intervención, o presidente autonómico enxalzou "o esforzo, a capacidade de superación e os éxitos conseguidos" por todos eles, froito tamén do "traballo e a vocación dos técnicos, adestradores, clubes, federacións e das familias que os apoian".

Ademais, incidiu en que son o maior incentivo para o deporte base, "porque ademais de levar a bandeira galega polo mundo enteiro, abandeiran tamén os valores que a xuventude debe seguir", dixo, ao que engadiu que o fomento do deporte e da actividade física é xa "unha aposta por transformar a sociedade".

"Grazas por ensinarnos cada día a soñar, desexar, sorprendernos e creer", concluíu Alberto Núñez Feijóo no acto do Gaiás.