El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Deportes | deportes@elcorreogallego.es  |   RSS - Deportes RSS

Lete loa as dúas primeiras decisións da Comisión de Control da Violencia

O secretario xeral destaca o seu papel "na salvagarda dos valores do deporte"

Lete Lasa (i), durante a xuntanza da Comisión - FOTO: ECG
Lete Lasa (i), durante a xuntanza da Comisión - FOTO: ECG

ECG   | 16.03.2019 
A- A+

Santiago. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiuonte a segunda xuntanza da Comisión Galega de Control da Violencia, da que destacou a súa "responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte". "Hai unha radical incompatibilidade entre deporte e calquera forma de violencia polo que debemos actuar con contundencia e con firmeza pero tamén desde o sosego e a proporcionalidade", sentenciou.

Na reunión estudáronse dez feitos relacionados con actitudes violentas producidos nas últimas datas. Resolveuse a apertura de catro expedientes sancionadores e seis dilixencias previas para identificar ás persoas responsables dos feitos.

Os casos analizados foron as agresións dun espectador nun partido de fútbol de veteranos Compostela-Muebles Guadalupe de Boiro; increpacións a un colexiado no campo de Cabreche na Pobra do Caramiñal; increpacións a un árbitro no campo de Paiosaco; conduta discriminatoria por razón de sexo sobre unha alevín no campo de Laxe; conduta racista sobre un árbitro en Viveiro (Lugo); pelexa na grada entre pais e nais no campo da Xunqueira; agresión a un médico que ía atender a un árbitro no campo da Torre da Coruña e enfrontamento dun técnico co público no partido de fútbol 8 da Liga Feminina en Betanzos.

"Debemos mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte pero sen criminalizar ao conxunto do deporte galego", dixo Lete. Destacou a importancia de traballar na formación e a prevención. Vaise dar entrada na Comisión a representantes dos clubes. Tamén se creará un Premio ao Xogo Limpo a persoas ou entidades.