El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Deportes | deportes@elcorreogallego.es  |   RSS - Deportes RSS

Director deportivo da SD Compostela

Manuel Castiñeiras: "Yago é a miña primeira opción, no club confían nel, e eu son optimista"

O ‘NEGOCIADOR’ Manuel Castiñeiras debe encarar as renovacións e altas no Compos - FOTO: Antonio Hernández
O ‘NEGOCIADOR’ Manuel Castiñeiras debe encarar as renovacións e altas no Compos - FOTO: Antonio Hernández

IVÁN FERNÁNDEZ SANTIAGO  | 05.06.2019 
A- A+

Rematada a tempada, coa eliminación do Compostela na primeira rolda do play-off, as miradas póusanse agora no director deportivo, Manuel Castiñeiras, que terá que xestionar as renovacións, posibles altas e convencer a Yago, a súa "primeira opción", para que continúe.

Pasaron tres días. ¿Tivo ocasión de falar cos xogadores trala eliminación?

Falei non con todos, pero con tres ou catro, e seguen como estamos todos. Non dan crédito ao que pasou, están fastidiados, porque saben que fixeron o máis difícil, darlle a volta á eliminatoria, e perdela como foi, no desconto, non o asimilaron ben de todo.

Mañá farán a despedida.

Quedamos mañá, xoves, en facer esa cea de despedida, de todo o grupo, pois é imposible que todos sigan xuntos o ano que vén, loxicamente. A partir de aí cada un terá que mirar o seu futuro e ver o que pasa.

Sempre se dixo que o obxectivo era o play-off, nunca se citou a palabra ascenso. ¿Damos, xa que logo, a tempada por boa?

Cando chegas ao play-off é coa intención de ascender. Sempre dixemos que o noso obxectivo era xogar o play-off porque dáche opcións de subir. Para min foi decepcionante quedar eliminado. Non o considero un fracaso, porque é dificilísimo chegar dous anos consecutivos a xogar un play-off. E ascender tamén é moi difícil. Moitas veces dise que o play-off se define por pequenos detalles e así foi. A tempada eu douna por boa porque o equipo estivo nunha liña moi boa, salvo un pequeno contratempo que houbo na segunda volta, sobre todo fóra da casa.

O tempo pasa e dentro dese medio-largo prazo xa van tres anos. ¿Hai que esixir o ascenso o vindeiro curso?

A nosa intención é esa: pelexar polo ascenso. Esixir, penso que non se pode esixir porque non imos co orzamento como pode ir, por exemplo, o Racing de Ferrol, que para el era unha obligación. Marcarémonos o obxectivo outra vez de xogar o play-off e intentar dar o salto de categoría. Neste terceiro ano a idea era igual dar o salto á Segunda B.

¿Vai traballar na confección do equipo antes de ter adestrador?

Eu primeiro quero falar con Yago para ver cal é a súa idea. A partir de aí poñerémonos a traballar na plantilla. Se pode ser el, mellor. Se non pode ser, o tempo vai correndo e mentres se busca outro candidato hai que intentar dar un paso máis na renovación da plantilla.

A idea o ano pasado era ofrecerlle a renovación a todo o plantel. Este ano, ¿tamén?

A todos probablemente non, pero a unha gran maioría, si. Vai haber un grupo moi importante que queremos que siga. Iremos nunha liña de manter un bloque de doce ou trece e incorporar eses seis ou sete, os que se poidan, pois en función das renovacións, hai que manexar tamén o orzamento que queda para fichaxes, e dependendo do custe que poidan ter as fichaxes poden ser seis, poden ser sete...

¿Teme que poida haber unha desbandada?

Xogadores novos que fixeron unha boa tempada é posible que teñan unha oferta de superior categoría e queiran medrar. Desbandada espero que non. Creo que hai moitísimos xogadores que están moi a gusto aquí, moi contentos, como é o caso de Álvaro Casas, que acaba de renovar.

Esa primeira renovación chega antes de saber quen será o adestrador. Entendo que o tipo de xogadores vai estar por enriba de calquera técnico.

A liña que temos que continuar é a que temos ata agora, a nivel continuista, con Yago. Se Yago non continúa, o perfil vai ser moi similar, que se adapte un pouquiño á idea que levamos destes últimos tres anos, que creo que é a correcta, que nos levou a estar estes dous anos no play-off, a que o Compos sexa recoñecible por un modelo de xogo.

¿Cal vai ser o perfil que se busque no mercado?

Temos unha liña e querémola manter. Pero dependendo da posición, igual buscamos algo diferente. Como este ano buscamos con Piscu máis veteranía, igual podemos buscar máis experiencia nesa ou noutra posición. Pero seguindo coa liña destas tempadas con xente nova con progresión, e con ese retoque de experiencia que lle dea un pouquiño de carácter ao equipo.

¿As limitacións económicas seguirán na mesma liña?

Estou pendente da reunión co tesoureiro e a directiva para facer números, pero entendo que máis orzamento vai ser difícil, porque o ano pasado tivemos o plus de xogar a Copa do Rei, co que había máis ingresos, e este ano non os imos ter. Eu estou satisfeito co esforzo que fai a directiva para ter o orzamento máis alto posible.

Á hora de confeccionar o plantel, ¿goza de total liberdade e responsabilidade ou necesita o visto e prace da directiva?

A min danme liberdade para fichar. Loxicamente, cando estou en conversacións cun xogador, comunícollo, pois tamén quero que eles estean de acordo. Pero nestes anos que levo aquí, en ningún momento se meteron en nada. Teñen confianza plena no meu traballo e eu a verdade é que traballo moi a gusto.

¿Cales cre que serán os xogadores máis complicados de reter?

O máis complicado sempre é a xente de medio campo para adiante, que fixo unha tempada moi boa, que fixo goles. A priori é o máis difícil de que continúen, polo feito de que poden ter ofertas de superior categoría, non por outra cousa. Eu estou convencido de que se seguen en Terceira seguramente escollerían o Compos outra vez.

¿Que botou en falta no equipo esta tempada que agora vaia buscar no mercado?

Faltou un pouquiño de solidez defensiva, e non falo de defensa, senón en xeral. Hai que intentar buscar un perfil de xogador en determinada posición que nos dea un plus de calidade defensiva e igual de carácter e de mando en determinadas circunstancias.

A idea é incidir na veteranía, ou nese outro fútbol.

Si, máis que outro fútbol, algún xogador que poida controlar dentro do campo esa situación, cando o partido está un pouco descontrolado, que cando o partido se pon nese fútbol que nós non controlamos tanto sexa capaz de tranquilizar o grupo e dominar un pouquiño esa situación. Non creo que haxa que dar un xiro brusco, só atopar un par de futbolistas que sexan capaces de manexar esas situacións.

Temos que falar do tema de moda: o banco. ¿É Yago Iglesias a súa primeira opción?

Si, a miña primeira opción, e no club xa o saben tamén da miña boca, é Yago. Foi a persoa coa que comezamos este proxecto fai tres anos. Empezámolo cunha idea dun equipo novo que tivese alguén que os fixese medrar e mellorar como futbolistas, tanto no individual como no colectivo, e creo que atopamos a persoa idónea, que foi Yago. El foi o que trouxo, basicamente, o modelo e proposta de xogo que implantou o club. Agora mesmo o Compostela é un equipo que ten un selo e unha identidade, que é moi recoñecible pola súa proposta e que todos loan, e iso é mérito de Yago. Creo que estamos no camiño correcto. Yago implantou este modelo desde o primeiro día que empezou a adestrar aquí e penso que ten capacidade para seguilo mellorando.

Imaxino que tivo ocasión de falar con el. ¿Como se atopa a nivel anímico despois da eliminación?

Aínda que segue tocado, está un pouco máis animado xa que fai dous días. Na rolda de prensa púidose percibir que parecía que se despedía, con esa frase de que igual era bo que viñera outra persoa para conseguir o obxectivo. Esas declaracións creo que viñan dadas polo desánimo do momento, porque creo que se o analiza friamente el sabe perfectamente que está capacitado e os que estamos no club, tanto eu como a directiva, sabemos que con el se pode conseguir e confiamos nel. Que el poida ter algunha dúbida vén polo desánimo da eliminación. Por iso lle quero dar uns días para que estea tranquilo, coa familia, que descanse, e partir de aí que colla forzas para sentarnos a falar.

¿É optimista sobre a súa continuidade á fronte do equipo?

Si, eu son optimista. Porque teño confianza nel, el sabe que a teño e que no club hai confianza nel. Eu entendo que despois de dous anos de levar un golpe duro en dous play-off poidan ter esas pequenas dúbidas de se é a persoa idónea para continuar no proxecto e ascender o equipo. Eu estou convencido de que el vai valorar a opción de seguir aquí, independentemente de que teña outras opcións doutros equipos, que descoñezo se as ten.

¿Cando comenzarán a falar?

Mañá temos a cea. Esperarei a disfrutar dese momento e aproveitarei que vou estar con el para intentar concertar un día para falar con el e falar as cousas.

Se Yago decide marchar, ¿cal será o perfil do seu sustituto?

Se se dera ese caso, a idea miña e tanto do club é continuista, de buscar algo similar a el, o máis parecido posible, para continuar con esta proposta que implantamos fai tres anos. Temos un perfil de xogador que todos coñecemos, para xogar un tipo de fútbol, queremos que ese bloque continúe e non ten sentido traer algo diferente a el.

Moitos xogadores medraron da man de Yago. ¿Teme que puidera levar a algúns con el?

Non o sei. Penso que non, penso que por respeto ao club igual non o faría, pero se o fai, tamén está no seu dereito. Os xogadores están encantados coa súa filosofía, pero tamén están contentos co funcionamento do club. En caso de que non estivera Yago penso que iso tamén pesaría para que continuaran.

"Agora mesmo o Compostela ten unha proposta que todos loan, e iso é mérito de Yago Iglesias"

"Iremos nunha liña de manter un bloque de doce ou trece xogadores e incorporar eses seis ou sete"

"Seguiremos con xente nova con progresión, e con ese retoque de experiencia que lle dea un pouquiño de carácter ao equipo"

"Hai que buscar un perfil de xogador que nos poida dar un plus de calidade defensiva, de carácter e de mando"