Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Tras meses de confinamento, o mar simboliza máis que nunca unha arela de liberdade // Galicia oferta un gran catálogo de actividades náuticas // Vilagarcía, a só 19 minutos en tren, convértese a efectos prácticos en porto de Compostela

Eu tamén navegar

Cando Alberti clamaba aquilo de “El mar, la mar / El mar, ¡sólo la mar!”, en realidade estaba evocando a liberdade. O mar, ese espazo sen sebes nin fronteiras, patria de ronseis en zigzag e derivas incertas. Praias douradas e o sol a brillar no ceo azul. Paraísos desertos que nos trasladan a ese lecer sosegado que chamamos vacacións.

E agora, cando nos decatamos do libres que eramos sen sabelo, o océano comeza a tirar por nós con forza. O confinamento dispara o noso devezo de horizontes abertos, talvez, máis que nunca.

Mágoa que Santiago non teña costa, pensarán algúns. Pero... seguro que non a ten?

O certo é que cun tren que leva do centro da nosa cidade ao porto de Vilagarcía en dezanove minutos, temos o mar ao alcance da man. Tanto como dende algún barrio de Vigo ou da Coruña situado terra adentro, ou cecais máis.

Tendo a costa tan preto e o formigo dentro, pensar en botarse ao mar non semella un disparate.

Preséntase un verán incerto no tocante ao uso que imos poder facer das praias. Por iso a navegación empeza a aparecer como unha opción non só apetecible, senón tamén recomendable. Aí, o deporte da vela xorde coma unha alternativa ideal.

En efecto, nas rías galegas danse unhas condicións idóneas para a práctica deste deporte. Son seguras, pois as súas augas son tranquilas. Conteñen multitude de portos deportivos onde atracar. Así pódense visitar vilas tan monumentais coma Cambados, Baiona ou a Pobra do Caramiñal. Pero tamén hai calas idílicas nas que fondear e mergullar. Ata un Parque Nacional, o das Illas Atlánticas, ao que se pode chegar doadamente tras unha breve singradura. E sobre todo, a nosa costa atesoura unha beleza paisaxística practicamente única.

Unha contorna privilexiada, pois, para navegar.

Para sermos coma Ulises no seu regreso a Ítaca. Para, tras este confinamento eterno que xa vai chegando á súa fin, sentírmonos libres de novo. Converternos en Odiseo tras tanto tempo confinados cal Penélope, destecendo de noite o que teciamos de día mentres agardabamos que este virus nos dese unha tregua.

Porque un barco, nas condicións axeitadas, é un entorno seguro.

Como afirma Xosé Iglesias, mariñeiro, pintor e poeta, “o medo está en terra. No mar non hai medo”. É certo. Unha embarcación apórtanos un entorno controlado, ao contrario que unha praia aglomerada. Hoxe cobran máis sentido que nunca os seus versos “Achicamos o salitre deste sangue / cinguidos a esta terra / que nos exilia”.

Por iso o turismo mariñeiro supón unha alternativa segura. E non só unha, senón moitas e moi variadas. Por exemplo, as que oferta a empresa Alvamar (https://alvamarnautica.com), precisamente dende o porto deportivo da capital da Arousa. A un paso de Compostela. Dende aluguer de iates ata o camiño de Santiago por mar, pasando por toda a gama de titulacións náuticas e rutas polo Parque Nacional. Un catálogo de aventuras ao noso alcance que se complementa, nas nosas augas, con moitas outras. Só hai que dar unha voltiña por algún buscador de Internet para comprobalo. A propia Xunta ten un portal adicado ao “Turismo mariñeiro” que ben vale uns minutiños do noso tempo. Difícil non atopar algo que chame por nós.

Moita oferta. Vela e turismo mariñeiro. Unha pequena mostra do que as nosas augas nos poden ofrecer. Pero en Galicia, paraíso náutico como poucos, deportes coma o windsurf ou o kite tamén teñen a súa parcela. Mesmo o surf. En moitos spots da nosa costa pódese atopar unha escola na que dar os nosos primeiros pasos sobre a táboa. E se o mar é demasiado grande para nós, podemos probar en augas interiores. Alí, o piragüismo -en todas as súas modalidades, que son moitas- é o rei.

Auga e deporte son, na nosa terra, unha combinación gañadora. Proba disto é o carácter de Galicia como potencia en deportes náuticos. Do total de vinte e cinco medallas olímpicas acadadas por deportistas galegas e galegos, dez foron en piragüismo, catro en vela e unha en triathlon, que tamén comprende deporte en augas abertas. Aí é nada.

Ese sería un aliciente máis. Emular a figuras de talla mundial que saíron das nosas augas como David Cal, Fernando Echavarri, Tàmara Echegoyen ou Christian Toro. E moitos outros, como Luís Gregorio Ramos Misioné, o pioneiro que obtivo unha prata en Montreal 1976 e un bronce en Moscú 1980.

Botémonos á auga, pois. Temos o verán por diante.

Abondou de agardar por Ulises entre catro paredes. Se respectamos as normas de seguridade, a bordo poderemos recuperar cando menos un retrinco desa liberdade que o virus nos secuestrou. É tempo de converternos en Penélope, pero non na de Homero. Mellor convirtámonos na da gran poeta galega Xohana Torres. A mesma que, farta de esperar mentres o seu home corre fabulosas aventuras entre cíclopes e sereas, decide coller o leme da propia vida e poñer rumbo ao descoñecido. A que dixo aquilo de “Existe a maxia e pode ser de todos / ¿A que tanto novelo e tanta historia? / Eu tamén navegar.”

24 may 2020 / 22:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.