Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Inicio en Pontevedra: homenaxe do Gran Camiño ao berce do ciclismo

A 1.ª etapa, Porriño-Vigo, foi presentada pola presidenta da Deputación, Carmela Silva , e Ezequiel Mosquera // Asistiron Pereiro, Delio, Samuel Blanco e Álex Marque

Vanse desvelando detalles do Gran Camiño, a carreira coa que, do 24 ao 27 de febreiro de 20022, retornará unha proba ciclista profesional a Galicia. Onte foi presentada na sede viguesa da Deputación de Pontevedra, por parte da súa presidenta, Carmela Silva, e por Ezequiel Mosquera, xerente de EME Sports, empresa organizadora da proba, a primeira etapa desta: a xornada Porriño-Vigo. O inicio da rolda quere e vai ser unha homenaxe “ao berce do ciclismo galego”, apuntouse.

De feito, acudiron á presentación catro grandes corredores que deu a provincia pontevedresa: Óscar Pereiro (o único ciclista galego gañador do Tour de Francia), Delio Fernández, Samuel Blanco e Álex Marque. Os dous últimos tomarán a saída no Gran Camiño, nesa etapa “con aroma a clásica”, formando parte do Tavira portugués, o equipo profesional máis antigo de Europa. Non se descarta en absoluto a participación de Delio, pendente de definir o seu futuro profesional para a próxima tempada.

Álex Marque, da Estrada, amosou a motivación especial para un ciclista galego. El, tras dezasete tempadas coma profesional, confesou que “xa pensei que nunca participaría nunha carreira profesional galega”, dixo. O Gran Camiño farao posible, e correndo na casa será a mellor forma de pechar unha gran carreira ciclista: Álex anunciou que 2022 será o seu derradeiro ano no pelotón profesional. Tanto Álex Marque coma Samuel Blanco mostraron seu grande “orgullo” por correr en Galicia, algo moi emotivo para eles.

A excelente resposta que a iniciativa atopou en toda Galicia faino posible. A proba conta co forte apoio das catro deputacións provinciais, cada unha na etapa que cruzará o seu territorio, e unindo todo xunto a el está o da Xunta.

A unión garante o éxito da proba. Seguro que o terá xa, con masiva afluenza de público, a primeira etapa, con saída no Porriño e chegada en Vigo. Carmela Silva subliñou a profunda vinculación deste deporte coa provincia, “berce do ciclismo”, á vez que eloxiou a “capacidade de proxección” a nivel turístico e económico do ciclismo.

Silva tamén destacou que poñer en marcha este “gran evento” é unha “idea valente” e recoñeceu a importancia de axuntar para iso a implicación de “cinco administracións”, as catro deputacións provinciais e a Xunta.

Ezequiel Mosquera agradeceu o apoio amosado por estas administracións, especialmente neste caso pola Deputación de Pontevedra, e explicou que esta primeira etapa será “un escaparate” para unha provincia que é “capital do ciclismo galego”.

RUTA. Aínda a pesar de que o percorrido concreto do Gran Camiño, polas catro provincias galegas, está por pecharse (darase a coñecer a mediados de decembro), xa se sabe o perfil das catro etapas: a primera, Porriño-Vigo, será o máis parecido a unha clásica; unha de media montaña, outra de montaña e a contrarreloxo final. Un Gran Camiño.

PARTICIPACIÓN
confirmado O israel, equipo de froome

··· Tamén vai crecendo a lista de equipos relevantes, entre os máis destacados do panorama internacional e coa etiqueta Pro Tour, que van participar no Gran Camiño. Despois de que a semana pasada se confirmase a participación dun dos mellores equipos españois, o Movistar, agora Ezequiel Mosquera notificou que está confirmada a presenza do Israel Start-Up Nation, equipo que ten nas súas filas a Chris Froome, o ciclista inglés que gañou catro veces o Tour de Francia e unha o Giro de Italia. Foi dúas veces segundo no Tour e na Volta Ciclista a España, outro podio máis, terceiro, no Tour, e librou duelos inesquecibles con Alberto Contador.

··· A presenza do propio Froome, un dos líderes do seu equipo, no Gran Camiño non se pode confirmar agora, cando o calendario de cada ciclista non está definido. A organización segue a negociar coas escuadras a súa participación, pola que de entrada hai un gran interés.

24 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.