Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 27 septiembre 2021
02:15
h

Lete gaba o berce de Ponteareas na posta de largo da XIX Volta

Cita o secretario xeral a heroes ciclistas: Pino, Delio ou Gómez // A cita, de mañá ao domingo

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de onte da presentación da décimo novena edición da Volta Ciclista a Galicia que terá lugar do vindeiro 16 ao 19 de setembro. O mandatario galego asegurou que a reedición da proba ciclista galega é unha homenaxe “aos deportistas, aos clubs, ás federacións, ás institucións, a todos os que puxemos o noso grao de area para levar adiante o deporte galego en todas as súas formas e todas as súas vertentes durante a pandemia provocada pola covid-19”.

“Un traballo que hoxe representa a federación galega, que volve celebrar con ilusión e profesionalidade a súa gran competición e que tamén representa a Xunta, pendente de que se cumpran os protocolos, as medidas de seguridade e que aposta, como apostará sempre, polo deporte feito en Galicia, polo deporte galego que salva vidas”, enfatizou.

O dirixente do Deporte galego destacou 2021 como un ano de ciclismo galego xa que tras un novo paso da Vuelta Ciclista a España polos concellos de Castroverde, Lugo, Sarria, Monforte de Lemos, Sanxenxo, Pontevedra, Redondela, O Porriño, Baiona, Mos e por suposto, Santiago de Compostela, agora a Volta a Galicia colle a remuda para pasar por Ponteareas, Porriño, Salceda de Caselas, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, A Cañiza, Muras, Ourol, Viveiro, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Vilalba, Cariño, Ortigueira, Mañón, Cerdido e Cedeira.

Respecto do inicio no concello de Ponteareas, lugar onde tivo lugar a presentación do evento, Lete Lasa sinalou a efeméride dos 35 anos que se cumpren da vitoria de Álvaro Pino na Vuelta de 1986. Neste sentido tamén destacou a outros dous ciclistas ponteareáns de gran calado como Delio Rodríguez, que conta co récord de maior número de vitorias na ronda española (39) e mais Borja Gómez, quen “derribou un muro, ao ser o primeiro ciclista con síndrome de Down en disputar un Campionato de España, neste caso o de ciclocross en 2018”. Borja Gómez foi alumno do colexio onde se presentou a proba.

Regresa o mellor ciclismo a Galicia. Tras acoller tres etapas da Vuelta e catro da Challenge La Vuelta feminina, chega a quenda da Volta Ciclista Galicia que se disputará do 16 ao 19 de setembro baixo a organización da Federación Ciclismo Galego.

O Colexio Fermín Bouza Brey en Ponteareas acolleu a presentación da carreira, coa presenza de José Ramón Lete Lasa; Cristina Fernández Davila, alcaldesa de Ponteareas; Miguel Bouzó, concelleiro de Deportes de Ponteareas; Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; os exciclistas Álvaro Pino e Ezequiel Mosquera; representantes do Sector de Tráfico da Garda Civil; e membros de varios equipos.

PERCORRIDO. A Volta inclúe unha contra o reloxo inicial en Ponteareas de 6 quilómetros. A segunda xornada tamén en Ponteareas expón un total de 143 quilómetros con dúas ascensións. A terceira etapa, en Lugo, con saída e meta en Muras, con dúas subidas de segunda categoría como As Lobeiras e San Vicente e a definitiva ascensión a Viveiró a 10 quilómetros de meta. E o domingo en Cariño, decidirá a Garita de Herbeira, de primeira, cos seus últimos 5 quilómetros a máis do 7%.

Entre os 17 equipos, os galegos Aluminios Cortizo, GSport-Grupo Innova Tormo, Lasal Cociñas-Louriña, CC Vigués/ Telcom On Clima Osés, Oiense Turonia Maglia, Team Farto BTC, Supermercados Froiz, Retelec Alca e Vigo-Rías Baixas. A carreira terá emisión por streaming en directo a través de EMESport.

HOMENAXES. Esta edición da Volta está dedicada a Guillermo Sande, falecido en xaneiro. Anye as súas irmás María del Mar e Nuria, enxalzouse a figura de quen foi durante case 25 anos responsable técnico da FCG. “O voso irmán tiña moitos amigos e, sobre todo, era unha persoa querida”, asegurou Muñiz. Tamén tivo homenaxe Álvaro Pino.

15 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.