Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Un día, un grupo de mozos decide fundar un novo club que represente á cidade: o Obradoiro CAB // Coa entidade ferida de morte, José Ramón Mato e José Ángel Docobo, inmunes ao desalento e coa forza da razón, encabezaron a loita polo xusto

Menos mal que quedan tolos

Máis vale un mal acordo que un bo preito. Cando menos, iso aconsellan os letrados sensatos. Parece obvio, tendo en conta o desgaste que supoñen os procedementos xudiciais neste país. Un calvario ao que ninguén quixera enfrontarse, cando menos voluntariamente.

Sen embargo, hai quen escolle loitar. Poñer a cara polo que é xusto a toda costa, aínda que a cruzada lle sexa allea. Quixotes modernos que se poñen á fronte dunha causa perdida por puro altruísmo. No deporte compostelán temos un claro expoñente. Falamos do Caso Obradoiro. Agora que o club está a piques de entrar na cincuentena é bo lembrar esa singradura polos xulgados. Disque esquecer a Historia condénanos a repetila. Neste caso é improbable pero o seu exemplo, extrapolando, debe alumarnos o futuro. Polo que poida pasar.

Antigamente, o baloncesto santiagués vivíase na Quintana. O campo pintábase sobre o empedrado, e as canastras gardábanse entre partido e partido na Casa da Parra. As escaleiras da praza facían de gradas, decote ateigadas de afeccionados. Con eses alicerces, un grupo de mozos decide por en marcha unha iniciativa: fundar un novo club que represente á cidade.

Un día córrese a voz de que se vai celebrar unha reunión. Así se funda o Obradoiro, no mesmo inmoble da rúa do Vilar onde estivo a editorial Nós de Ánxel Casal. Xusto ao lado dese paraíso dos nosos días chamado Airas Nunes Café. Era o 5 de outubro de 1970. Acababa de nacer o Club de Amigos do Baloncesto.

Xa nesa primeira xuntanza atopamos a José Ramón Mato como socio fundador e membro dunha directiva cargada de inocencia e entrega desinteresada. Tanto facían de taquilleiros como de porteiros. O que fixera falta, con tal de darlle pulo ao baloncesto en Compostela.

Pasan os anos. O club comeza a medrar, a subir de categoría, e a idea inicial vai sufrindo cambios inevitables. Nesa primeira etapa o Obradoiro chega a xogar na División de Honra. O que acabaría sendo a ACB. Porén, xa antes Mato dera un paso atrás. Os focos non lle gustan, e prefire deixar sitio a directivos que se sintan cómodos nun palco de autoridades.

Chegamos á campaña 89-90. En pleno play-off de ascenso o rival, daquela Juver Murcia, falsifica a documentación dun xogador arxentino. Unha trampa ben argallada. Chegan mesmo a procurarlle uns proxenitores falsos na propia capital murciana.

Aquí comeza a travesía polo deserto.

É entón cando Ghaleb Jaber Ibrahim, que uns anos antes fora presidente do club, planea un primeiro golpe de audacia. Sufraga unha viaxe do avogado Alejandro Otero a Arxentina -cal James Bond picheleiro- para sacar a verdade á luz. Contra todo prognóstico logran o seu propósito, e o letrado regresa con probas da ilegalidade cometida. Indicios que propician un primeiro recurso exitoso contra a Federación Española. Un episodio clave. Sen este paso previo a loita estaría perdida de antemán.

Mentres tanto, un par de tempadas desgraciadas levan o club ao bordo do abismo. O desánimo provoca que o Obradoiro caia en picado. Tanto, que a directiva toma a decisión de entregarllo á Federación. O que vén sendo a efectos prácticos unha desaparición definitiva.

O CAB Obradoiro estaba ferido de morte.

A situación chega a ouvidos de Mato, que se presenta no local da Federación (daquela en República do Salvador) disposto a rescatar o club. O que fose preciso antes que resignarse a velo desaparecer. Tras concertar unha reunión cos responsables do organismo, xa saíndo, atópase no portal cun xornalista local ao que lle comunica as súas intencións. De paso, pídelle que as difunda entre quen poidera estar interesado en sumarse á operación rescate. Finalmente, dous homes fanse cargo daquel club desafiuzado. Un proxecto en vías de extinción polo que ninguén no seu sano xuízo daría un peso.

Menos mal que quedan tolos dispostos a loitar polo que é xusto.

José Ramón Mato e José Ángel Docobo. Eles asumen a xunta xestora que emprende unha batalla xudicial deseñada polos irmáns Vázquez Guillén. Polo camiño súmanse Laíño, Couceiro e outros nomes que hoxe son xa historia viva do deporte. Non só do noso baloncesto, nin deste club. O Obradoiro é un exemplo a nivel mundial. Trinta anos loitando na cancha e vinte nos xulgados. Resiliencia en estado puro.

Fe, valentía e probablemente unha boa dose de inconsciencia armadas nunha tirafonda. A única munición capaz de derrubar a un Goliath que cada vez loitaba con máis saña.

É doado imaxinar os tragos amargos, as derrotas parciais, as noites sen durmir. Pequenas traizóns e feridas dolorosas día tras día, ano tras ano. Porén, resistiron. Tiñan a forza da razón. Eran inmunes ao desalento.

E por fin, a vitoria. A Xustiza emite fallo irrevocable e o Obradoiro sairá a competir na máxima categoría vinte anos despois. É entón cando Mato volve dar un paso atrás. O presidente dos días amargos cede o posto e retírase. Non lle interesan os laureis. Só lle interesaba salvar o Obradoiro.

Certo que tamén houbo pequenas miserias, como a vella gloria que se empeñou en meter con calzador o seu fillo no corpo técnico. Un enchufe en toda regra, deses que sacan tallada do esforzo alleo. Pero iso é outra historia.

Mato. Docobo. Ibrahim. E tantos outros. Heroes anónimos que se deixaron a pel por unha causa xusta sen esperar nada a cambio. Por iso mesmo, lembralos é un deber para o deporte compostelán.

Permitir que os seus nomes se borrasen da Historia sería darlle ás á inxustiza.

06 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.