Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novos grupos na Preferente e idea de comezar o 29-N

Presentou a RFGF aos clubes o seu proxecto, pendente do protocolo da Xunta e a pandemia

A Real Federación Gallega de Fútbol (RFGF) presentou o mércores, nunha reunión presencial na sede federativa de Santiago de Compostela, unha proposta aos 46 clubs da Preferente Galicia para comezar o campionato ligueiro o próximo 29 de novembro, sempre supeditado á aprobación por parte da Xunta de Galicia do protocolo que presentará a RFGF, á evolución da pandemia e sempre seguindo as indicacións das autoridades sanitarias. A RFGF confía en ter aprobado o protocolo a mediados deste mes para que así os equipos poidan ter esa marxe de seis semanas de pretempada.

A Comisión Deportiva da RFGF presentou aos clubs da categoría un novo formato de competición, adaptado ao novo escenario motivado pola covid-19, xa que a primeira opción presentada resulta imposible de levar á práctica por falta de tempo. O inicio previsto no primeiro formato, o día 1 de novmebro, xa non se ía poder cumprir, polo que este formato remodelado, con máis subgrupos na zona norte e na zona sur, estímase que é de máis probable cumprimento, deixando máis datas libres para o caso de que, como se agarda, cheguen numerosas suspensións de encontros.

O novo formato, que foi aprobado pola maioría, contaría con tres subgrupos tanto na Zona Norte como na Zona Sur. Os Grupos A e B tanto do Norte como do Sur estarían formados por 8 equipos, mentres que o Grupo C tería 7 equipos.

O grupo A da Zona Norte estaría integrado por oito equipos da zona da Coruña, Ferrolterra e comarca de Bergantiños; o grupo B tamén estaría composto por oito clubs, neste caso da zona de Santiago, A Costa e O Barbanza; e o Grupo C tería sete equipos da provincia de Lugo.

Na Preferente Sur tamén haberá tres grupos: dous de oito equipos (o grupo A da zona de Pontevedra e o grupo B da zona de Vigo máis o Moaña) e un de sete (grupo C), onde participarán os equipos ourensáns e o Caselas, que quedou encadrado neste Grupo C segundo os criterios establecidos pola RFGF (o primeiro, xeográfico; e o segundo, ao tratarse dun recén ascendido á categoría).

Deste xeito, os calendarios de todos os grupos son homoxéneos. E repítese que daría tempo a rematar a competición, deixando datas libres prevendo o caso de que cheguen as suspensións provocadas polo covid.

MODELO. Cada un destes subgrupos, tanto da Preferente Norte como da Preferente Sur, disputaría unha primeira fase a dobre volta (14 xornadas nos Grupos A e B e 12 no C, todos fronte a todos en modelo liguilla) e os dous primeiros clasificados lograrían o billete para loitar polo ascenso na segunda fase. O resto de equipos pelexarían por evitar o descenso.

Os clubs non empezarían a segunda fase con cero puntos, senón que a súa posición e puntuación dependerían da clasificación obtida na primeira fase. Finalmente, os dous primeiros clasificados da fase de ascenso subirían a Terceira, mentres que catro equipos descenderían a Primeira Galicia.

Nesa loita polo descenso establécense tres grupos, descendendo os tres últimos de cada grupo e un cuarto que se decidiría por criterio de deportividade entre os penúltimos dos dous subgrupos que teñen seis equipos.

‘Non’ dos equipos ao uso da máscara: piden flexibilizar a normativa
Máis do 60 % dos participantes aceptan os cambios e queren empezar a competir

Santiago. Máis do 60% dos clubs da Preferente Galicia manifestaron na xuntanza o seu desexo de comezar a tempada. A esta porcentaxe podemos sumar o 13% de clubs que teñen dúbidas e que optaron por non dar a súa opinión agora, pero que tampouco se posicionan en contra de comezar a competición.

Os clubs mostraon durante a reunión a difícil situación económica que están a vivir despois de moitos meses de inactividade, polo que piden ao goberno autonómico que flexibilice as medidas de prevención para poder facer fronte a determinados gastos.

A Federación xa está a traballar coa Secretaría Xeral para negociar esa flexibilización das medidas para o fútbol afeccionado e tamén algunha posible colaboración desde a Administración para que os clubs poidan facer fronte ao protocolo.

Quedou moi claro que o fútbol galego é contrario ao uso da máscara na práctica do fútbol. O 100% dos asistentes votaron en contra do uso da máscara e prefiren medidas alternativas, pero sempre que non supoñan un custo engadido para as xa delicadas arcas dos clubs. Neste sentido, piden colaboración no caso de que a alternativa ao uso da máscara sexa realizar test cada catorce días.

Igualmente, agardan os clubes flexibilidade en temas como xogar con público nas bancadas, respectando a distancia de seguridade, ou no uso dos bares nos estadios, sempre con prevención. e. m.

46

equipos en total haberá na categoría, repartidos na zona norte e a sur, que non chegarán a xogar entre sí: dous ascensos de cada zona. Polo que respecta ao Grupo Norte, o subgrupo A terá oito equipos: Galicia Mugardos, Montañeros, Victoria CF, Arteixo, Betanzos, Laracha, Sofán e San Tirso. O B (Santiago, A Costa e Barbanza), outros oito: Xallas, Sigüeiro, Dubra, Noia, Boiro, Puebla, O Pino e Boimorto. E o C contará con sete: Foz, Ribadeo, Santaballés, Residencia, Sarriana, Escairón e Lemos.

09 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.