Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Ruta Xacobea, percorrida por millóns de persoas, é unha gran descoñecida para a poboación compostelá // Experiencias como a do baloncestista Jose Calderón contribúen á súa difusión

O Camiño, Extremoduro e un coitelo de pau

Xa pasaron uns aniños dende que o gran Robe Iniesta cantara aquilo de “sólo el viento me sirve de guía / por los caminos de las utopías.” Unha canción, como tantas outras do xenial compositor extremeño, que podería servir de banda sonora para unha das experiencias máis globais que ofrecen os tempos que nos tocou vivir.

O Camiño de Santiago.

Así o debeu pensar o seu paisano Jose Calderón cando emprendeu esa iniciativa promovida dende o CAB Obradoiro consistente en que unha estrela do baloncesto mundial faga a pé un tramo do camiño.

Unha aventura que deron en chamar “O camiño remata en Obradoiro”. Toda unha declaración de intencións, si, pero tamén unha gran estratexia de marketing para o club, para a propia ruta xacobea e para a cidade en si.

Antes de Calderón xa protagonizaron as súas particulares xeiras peregrinas figuras como Nikos Gallis, Terry Porter ou Aleksandar Petrovic. Aquí, permítanme un minuto de silencio. O irmán deste último, para min, só admite comparanza coa súa maxestade Michael Jordan.

Drazen, o Robe Iniesta das pistas de baloncesto.

Pero voltemos ao Camiño, ese grande descoñecido, paradoxalmente, para os composteláns e as compostelás. Xa non me refiro a variantes minoritarias como a que acaba de percorrer a comitiva de Calderón, senón ao camiño en xeral. O base extremeño percorreu o chamado Camiño de Inverno, máis longo que o Francés pero menos perigoso ante a climatoloxía invernal. No canto de afrontar o Cebreiro, esta ruta desvíase en Ponferrada cara ao sur para entrar en Galicia a carón do Sil. Alá polas Médulas, cara a Valdeorras e Ourense. Caso curioso que non se escollese neste caso a Vía da Prata ou camiño do Sudeste, que é o que provén de Extremadura.

Pero iso é o de menos, supoño. Como se escollesen o Camiño Primitivo, chamado así porque foi o primeiro que percorreu un peregrino para visitar a tumba do apóstolo. Foi alá polo 830. O rei de Galiza (chamado de Oviedo, de Asturias ou mesmo de León por algúns), Afonso II, acode á chamada do bispo de Iria Flavia, Teodomiro, para atestiguar que acaba de aparecer tan sinalado sartego nas abas do monte Libredón. O resto, ata hoxe, é Historia.

Ou que escollesen, por exemplo, o Camiño Esquecido. Esta variante foi unha das primixenias naquela Hispania ocupada polo dominio musulmán. Por iso viña sorteando os montes cántabros polo sur, nun equilibrio máis que precario entre o terreo accidentado e a ameaza da guerra.

Mesmo poderían ter escollido o Camiño Sanabrés, o Inglés ou a denominada Variante Espiritual do Camiño Portugués. Calquera vieiro vale se leva a Santiago.

E todos, como é sabido, conducen á nosa cidade.

Por iso resulta máis sorprendente se cabe o enorme descoñecemento do Camiño de Santiago por parte da poboación compostelá. Tanto máis tendo en conta a importancia que ten en lugares afastados.

O porcentaxe de galegos e galegas entre os romeiros que chegan a Compostela é inferior ao 7%. Aínda que non hai datos por concello, atrévome a dicir que aínda entre eses os santiagueses supoñen unha contía mínima. Non contan, obviamente, as xeiras dun día ou dous por mera curiosidade.

Eu levo facendo o Camiño como mínimo unha vez ao ano nos últimos vinte. Dende Roncesvales a pé, dende Lisboa ou Pamplona en bicicleta, incluso Soncillo, Navia ou Burgos. Experiencias que me deron outra perspectiva respecto a Compostela. E é que no tocante ao Camiño e aos composteláns teño que dicir que na casa do ferreiro, coitelo de pau. O Camiño é o que lle dá sentido á cidade. É o que dá resposta a moitas preguntas que nos deberiamos facer ao percorrer estas rúas ateigadas de símbolos.

É a nosa mesma esencia.

Non porque Goethe ou Dante, por exemplo, sinalaran a súa importancia. Porque sen o Camiño, Santiago non sería Santiago.

Milleiros de persoas viaxan miles de quilómetros cada ano para percorrelo. Para chegar á mesma cidade que para nós é un escenario cotián, pero que para eles e elas supón un soño. Unha arela de liberdade, de triunfo contra un mesmo, contra os propios límites. A aventura que os fará renacer convertidos en persoas novas.

E nós pasamos a cotío pola Porta do Camiño como se tal cousa.

Hai moitos, iso si, que o teñen na listaxe de tarefas pendentes. Para eses, ademais de recomendarlles o perfil @secretosperegrinos en instagram, van os seguintes consellos.

1. O camiño é a pé. Esquece inicialmente outras opcións. 2. Vai só ou soa. 3. Reserva un mínimo de dúas semanas. Outramente, non experimentarás a autenticidade. 4. Empeza lonxe de Compostela. De Sarria a aquí pérdese a esencia. 5. Leva todo ás costas, na mochila. Esa é a sensación: o ceo sobre a cabeza, o vieiro baixo os pés e todo o que precisas contigo. 6. Ti sabes os motivos polo que o fas, a ninguén máis lle importa. 7. Chegar a Santiago é o de menos, goza de cada instante. 8. Infórmate ben, le, investiga. Así coñecerás os lugares polos que vas pasar, monumentos, ritos, tradicións.

Vivimos nunha cidade nacida dun soño. Un lugar de lenda para os millóns de persoas que levan percorrido o Camiño ao longo dos últimos mil douscentos anos. Pensamos que a coñecemos, pero talvez non sexa así.

Vai sendo hora de gardar o coitelo de pau.

24 ago 2020 / 00:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.