Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Dun tempo a esta parte proliferan cal cogumelos unhas probas deportivas con aspecto de reto suicida // Son eventos que avalan esa tendencia innata do ser humano para intentar ir máis alá dos teóricos teitos de cristal da especie

Para que serven os límites

“Deus está morto. Viva o Superhome.” A famosa sentenza de Nietzsche refírese ao fin dunha ética imposta. O crepúsculo dunha sociedade onde as persoas ven limitada a súa natureza a causa de determinadas imposicións morais. Imperativos arbitrarios, creados de xeito artificial. Antinatural, incluso. Ese Übermensch (Suprapersoa, diriamos hoxe) sería quen de superar esas limitacións, impoñendo unha especie de lei innata chamada vontade de poder (Der Wille zur Macht). Unha mistura de vitalismo radical, enerxía creativa e conexión coa nosa natureza que constituiría a esencia real das persoas.

O que naturalmente seriamos se non se nos inculcasen eses factores limitantes.

Xa, xa sei. Isto é a sección de deportes.

Máis alá de teorías transhumanistas e filosofía decimonónica, algo está a suceder no eido deportivo que parece confirmar que os deuses se van facendo cada vez máis pequenos. A medida que o ser humano vai pulverizando os teóricos límites da especie, o lema olímpico Citius, altius, fortius (Máis rápido, máis alto, máis forte) adquire unha nova dimensión.

E é que dun tempo a esta parte proliferan cal cogumelos unhas probas deportivas con aspecto de reto suicida. Carreiras que parecen nacer dos recunchos máis retorcidos do maxín do marqués de Sade. Velaquí algúns exemplos:

1. Marathon des Sables. Comezamos por un clásico. 250 kms nunha semana a través do deserto portando os propios víveres. De promedio, unha marathon diaria sobre as dunas do Sahara.

2. Titán Desert. A versión en MTB. Pedalear sobre as areas do deserto ao longo de 600 kms, prestando atención aos sistemas de navegación baixo temperaturas extremas.

3. 6633 Arctic Ultra. 593 kms a pé polo círculo polar arrastrando o propio trineo con todo o necesario para sobrevivir. Unha aventura a –40ºC.

4. Badwater Ultramarathon. 217 kms separan a saída, a 86 metros baixo o nivel do mar en Badwater, da chegada no monte Whitney a 4.421 de altitude.

5. Spartathlon. A auténtica Marathon, que segue o percorrido de Filípides entre a chaira da batalla e a cidade de Esparta para pedir reforzos ante o desembarco das tropas persas. 2.500 anos despois, a carreira recupera a súa orixe coa distancia de 246 kms. O verdadeiro trazado recollido por Heródoto de Halicarnaso. Cabe lembrar que a distancia actual da marathon (42.195 km) corresponde co trazado dos Xogos de Londres (1908), deseñado para compracer á raíña de Inglaterra.

6. Volvo Ocean Race. 45.000 millas náuticas a vela en condicións extremas e sen apenas descanso. Outra proba clásica que nos nosos días segue cobrándose vidas humanas.

7. Race Across America. 12 días para cruzar Estados Unidos de punta a punta en bicicleta. 4.287 kms, a 400 de media por día para non ser descalificado e unha primeira etapa de máis de 700 kms.

8. Isklar Norseman Xtreme. 4 kms a nado entre o xeo, 180 kms a bicicleta de gran verticalidade e unha marathon para acabar (42 kms) no alto dunha montaña. Así é o ironman máis duro do planeta.

9. World Marathon Challenge. Sete marathons en sete días consecutivos nos sete continentes. Cun voo charter diario para que competidores e organización vaian dunha sede a outra, parece obvio que o prezo da inscrición é tan prohibitivo coma o esforzo necesario para completala.

10. Jungle Marathon, Self Trascendence 3100 mile, Ultratrail do Mont Blanc, Hardrock 100, Ironman de Kona... Como diciamos, este tipo de probas proliferan por doquier nos últimos tempos. E o que é máis sorprendente, adoitan esgotarse as prazas dispoñibles en días, incluso en horas.

Eventos deportivos que avalan esa tendencia innata do ser humano a superar os teóricos límites da especie. A ir máis alá para demostrar que, como dicía Nietzsche, os teitos de cristal son en realidade un artificio que nos inculcan.

Máis que persoas, titáns.

En calquera caso, estas probas descoran ao lado de fazañas de outro planeta como as protagonizadas por Riki Abad. O ultrafondista navarro, tras asumir retos menores emprende en 2012 o desafío de superar o record mundial de marathons consecutivos. O anterior estaba en 365, un en cada día ao longo dun ano enteiro. Ao chegar aos 366 anuncia que vai polos 500. Si, medio millar de días seguidos correndo 42 kms diarios. Non contento con completar o reto percorrendo 50 provincias españolas, anuncia que dobra o reto. Que vai polos 1000 marathons seguidos.

Curiosamente, non foi capaz de acadar esta marca. Pero non por limitacións físicas. Simplemente fallaron os patrocinadores e tivo que abandonar.

Aí queda, de todos modos, o record de 607 marathons en outros tantos días consecutivos. Entón embárcase no Reto 52IM (unha Ironman en cada unha das semanas dun ano). Lembremos: 4 kms a nado, 180 en bicicleta e 42 kms a pé.

Xa na nosa cidade, faise inevitable lembrar os recordmen do Camiño de Santiago. Miguel Mataix a pé, completando os 790 kms dende Saint Jean de Pied de Port en seis días e dez horas, e Mikel Azparren en bicicleta cunha marca de 23:48. Foi en 2018. Acadar a proeza de baixar das 24h para chegar e que un familiar tire contigo ao chan, en pleno Obradoiro, e che rompa a clavícula.

En calquera caso, mostras de que o Übermensch deportivo chegou para ficar. A tendencia é imparable. Esa vontade de poder nietzscheana que se está a manifestar no deporte non fai máis que medrar, demostrando para que lle serven en realidade os límites impostos ao ser humano.

Para pulverizalos.

13 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.