El Correo Gallego

Deportes » Polideportivo

desde as bancadas

A Chave: xogo, deporte popular e tradición

MANUEL PORTAS PROFESOR  | 12.12.2007 
A- A+

Non hai tanto tempo, era frecuente escoitar á caída da tarde o tintineo metálico da chave saíndo das eiras das tabernas, nomeadamente nalgúns barrios compostelanos como Conxo ou o Castiñeiriño. Era como un reclamo para ir tomar unha taza e ao mesmo tempo comprobar a arte da precisión e a puntaría no xogo máis ancestral do lecer popular. Antes da chegada da televisión e doutros entretementos ou xogos, a chave competía coas cartas no tempo de descanso de moitos composteláns.

A chave é un xogo popular xenuinamente galego, aínda que semellante a outras prácticas de lanzamento e precisión peninsulares. Consiste en lanzar uns discos redondos e planos, denominados pesos na zona de Santiago (pellos, pellas ou peletres noutras zonas do país), sobre unha peza metálica chamada chave, colocada a unha distancia determinada da zona de tiro onde se sitúan os xogadores, podéndose practicar individualmente, por parellas ou por equipos. O obxectivo é petar cos pesos na chave o maior número de veces. A chave colócase inclinada sobre o cepo e cunha pequena gabia ou caixón atrás para que non roden os pesos.

En cada zona de Galiza hai peculiaridades que supoñen diferenzas canto ao tamaño e forma da chave (con aspas ou sen elas), na distancia de tiro, no tamaño dos pesos e mesmo no xeito de puntuar. En Santiago, a chave ten forma de lingua, sen aspas arriba, que se estreita na base, cun pé cilíndrico para se apoiar. A distancia entre a base da chave e a liña de lanzamento é de 14,20 metros para os homes e de 12 para as mulleres, situándose o xogador que tira por detrás da liña. O terreo de xogo ten de ser unha superficie dura, rectangular, libre de obstáculos. En Santiago, a modalidade practicada é a de parellas. Tiran os pesos un xogador de cada parella, dous tiros cada, mentres os compañeiros se acaroan á chave para a colocar no caso de aqueles acertaren. A puntuación dunha partida é de 100 tantos. Cada peso que acerte na chave son 8 tantos, tendo que ser o lanzamento directo, sen rebotes nen ter petado antes no chan ou no cepo. Non é preciso derrubar a chave para contar unha diana, abonda con rozala. Os pesos que non atinen na chave mais que queden máis próximos a esta contan un tanto. A puntuación faise descontando os tantos conseguidos dos acadados polo xogador do equipo contrario. Se houber discusión, serán os dous xogadores que están a carón da chave quen decidan e, no caso de non haber acordo, a Mesa que arbitra.

Desde mediados dos anos 60, temos en Santiago unha entusiasta Asociación de Xogadores da Chave, presidida por D. Xosé Puente Iglesias, que conta cuns 200 xogadores e xogadoras. Entre outras actividades, organiza todos os anos os campionatos da Ascensión e do Apóstolo, durante a celebración das festas, así como un Open da Chave en Conxo no que participan xogadores de todas as asociacións da Galiza, tendo participado en Francia e en Italia en eventos e exhibicións a nivel europeo. A asociación ten ademais o mérito de ser a primeira en fomentar a participación das mulleres, contando cun grupo estábel de xogadoras. Como entidade, está aberta sempre a colaborar cos centros educativos que o demanden e cos composteláns e compostelás que queiran iniciarse no xogo da chave. Desde o ano 2006, Santiago conta cunhas instalacións permanentes nos xardíns de Galeras, construídas polo Concello e xestionadas directamente pola Asociación.