Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Repártense máis de 200 premios ao ciclismo en Boiro

O excorredor profesional Alejandro Marque e quince dirixientes dos clubs autonómicos, entre os distinguidos con Mencións Especiais

A Gala Ciclismo Galego recupera hoxe en Boiro a normalidade previa á pandemia. Se no 2022 a Federación Ciclismo Galego (FCG) volveu celebrar a súa gran festa despois da paréntese do ano anterior, pero fíxoo aplicando estritas medidas de prevención sanitaria, esta vez o protocolo principal consistirá en recoñecer traxectorias sobranceiras e aos mellores ciclistas da última tempada. Dende as 19:45 horas, cando se pecharán as portas de acceso, a Casa da Cultura Ramón Martínez López acollerá a única xuntanza anual sen bicicletas do pelotón autonómico.

A nómina de galardoados supera a barreira das dúas centenas. A FCG entregará os premios correspondentes á pasada campaña dos seus rankings de Ciclocrós, Estrada e das especialidades de BTT, así como as distincións aos corredores que obtiveron postos de podio nos Campionatos de España e nas xerais das Copas estatais. Ademais, no caso do Cross Country Maratón coroarase aos gañadores da Copa Galicia, cerimonia que se tivo que adiar tras a suspensión da última proba do calendario.

A Gala Ciclismo Galego’23 servirá para render unha gran homenaxe aos directivos máis históricos do deporte da bicicleta na comunidade. Por ese motivo, o capítulo de Mencións Especiais contará nesta ocasión co apartado “Os Imprescindibles do Ciclismo”.

Unha quincena de dirixentes, que teñen en común a dedicación aos seus clubs durante varias décadas, recibirán un máis que merecido recoñecemento. Outras traxectorias distinguidas serán as de Alejandro Marque, un dos mellores ciclistas profesionais galegos do último decenio e que se retirou ao remate da pasada campaña, e o xuíz árbitro Arturo Roig Pereira. Ademais, lembraranse as figuras dos recentemente desaparecidos José Luis Neira -presidente do Club Ciclista Compostelano-, Benito Carballal -piloto de Moto Volta Galicia- e a do empresario Magín Froiz. Pola súa banda, o galardón polo seu apoio ao ciclismo recaerá na empresa Aluminios Cortizo. As Mencións Especiais serán un total de 27 e unha delas recaerá no Concello de Boiro pola súa aposta pola mobilidade sostible.

11 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito