Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 12 julio 2020
01:55
h
Historias como as de George Eyser, Óscar Pistorius ou a nadadora Natalie de Toit son un exemplo de que as principais barreiras que debemos derrubar son as mentais // O deporte adaptado está cheo de ensinanzas sobre a superación vital

Simplemente deportistas

O mundo comeza a xirar de novo. Tamén o mundo do deporte, por suposto. Ímonos adentrando devagar nunha peculiar normalidade, e aos poucos reaparece -con pés de la, iso si- todo o que ficou en suspenso alá polo mes de marzo.

Aquel día no que o tempo se conxelou de socato.

O fútbol e o baloncesto xa regresaron, malia facelo en estadios vacíos. Vanse reanudando as competicións, aínda que a que vai ter que agardar é curiosamente a máis importante. O meirande evento -de calquera índole- de cantos celebra o ser humano.

Por primeira vez en décadas non haberá Xogos ao final do ciclo olímpico.

Tokio 2020 vaise celebrar en 2021. Un síntoma significativo, considerando que ata agora só as guerras mundiais foran motivo de cancelación ou aprazamento. Non haberá Xogos Olímpicos nin Paralímpicos este verán. E isto, que implica?

Talvez deberiamos comezar por preguntármonos para que serve o deporte.

O espectáculo deportivo fainos crer no ser humano. Ver como se superan os teóricos límites da nosa natureza devólvenos a fe en nós mesmos. Confiar en que somos capaces de cousas extraordinarias. De aí que os máis grandes deportistas sexan auténticos ídolos. Exemplos aos que imitar.

Porén, seguramente sexa no plano persoal onde a actividade deportiva aporta máis valor. Nese espazo íntimo de esforzo e autosuperación no que libramos pequenas batallas. Aí é onde superamos, de xeito simbólico ou non, os obstáculos que nos depara o día a día. Cada paso que damos, cada kilo que levantamos e cada segundo que rebaixamos son pequenas vitorias contra nós mesmos. O deporte axuda a manternos vivos nesa loita perenne que chamamos vida.

Así o advertiu Ludwig Guttmann, pai dos primeiros Xogos Paralímpicos (1960). A Segunda Guerra Mundial deixara secuelas terribles en milleiros de combatentes arredor do mundo. De súpeto, millóns de persoas novas -a maioría con amputacións- tiñan que afrontar a vida cunha dificultade engadida.

Precisamente por mor diso o deporte convertiuse nun elemento principal das súas vidas. O seguinte paso foi natural. Obviamente, se había praxe tiña que aparecer a competición. Así naceron os Xogos.

Atrás quedaban historias coma a de George Eyser, gañador de seis medallas (tres de ouro) nos xogos de Saint Louis. Faltaban cincuenta e seis anos para os primeiros Paralímpicos, e Eyser só tiña unha perna. El foi o primeiro que venceu a atletas sen discapacidade, pero non foi o único.

Xa nos nosos días, ao mediático atleta sudafricano Óscar Pistorius hai que unir o nome da nadadora Natalie de Toit. Dous paralímpicos competindo en igualdade de condicións con atletas olímpicos. Auténticos titáns.

Pero podemos ir máis alá. Hai catro anos, en Río, na final de 1500m o gañador acadou unha marca de 3:50. Unha carreira lenta, pensarán algúns. Pode ser, pero serviulle para acadar o ouro olímpico. Pouco despois, na final paralímpica da mesma distancia o reloxo detívose en 3:48. De feito, catro atletas paralímpicos entraron por debaixo da marca do campión olímpico. Un exemplo das principais barreiras que debemos derrubar. As mentais.

O deporte adaptado non é para malpocadiños que tratan de recuperarse xogando a algo. Tampouco para persoas limitadas, ou que precisen axuda, ou coas que haxa que ter un coidado especial.

Sendo eu estudante universitario chegoume a oportunidade de adestrar un equipo de baloncesto en cadeira de rodas. Dende o club Nós de Culleredo víanse incapaces de atopar un adestrador. Lembro como o profesor Allende me animou a presentarme. Tamén recordo o impulso instintivo de rexeitalo. Como ía traballar eu con “minusválidos” sen saber nada sobre ese tema? Que ía facer cando me necesitasen, non sei, para iren ao baño? E se algún deles caía e non podía erguerse?

Todos os prexuízos esfareláronse en canto presenciei o primeiro adestramento. O equipo, daquela, competía na División de Honra. Melilla, Madrid, Barcelona e Canarias eran os grandes favoritos. Todo un orgullo para un concello pequeno.

Alí atopei a Fiti e Nino, internacionais pola selección española. Tamén a Wilson e Jordan, cubanos. A Tesouro, Juan e Cantelar, outras tres estrelas da liga. Un vestiario cheo de grandes xogadores. Algúns só sentaban na cadeira para xogar a baloncesto, outros usábana para a súa vida cotiá.

O espectáculo non deixaba a ninguén indiferente. Todo o que ía a un partido por vez primeira ficaba abraiado pola velocidade á que se desprazaban, a violencia dos choques e a calidade do xogo. Era como se as dificultades engadidas os convertesen en superhomes.

Por veces, eu tamén collía unha cadeira e entraba a adestrar con eles. Mellor dito, a estorbar. Entón era cando mellor apreciaba o seu talento, tanto técnico como táctico. Pero sobre todo, era aí cando máis se evidenciaba a súa superioridade física.

Sorprendente, verdade?

Chegou a primeira viaxe. Había que voar a Málaga. Recordo a Fiti ollándome divertido no aeroporto. Debeu verme atafegado ao ter que coller un avión cun equipo enteiro de supostos discapacitados ao meu cargo.

—Non te preocupes por nós, míster –sorriume dende a cadeira–. Pensa que somos simplemente deportistas.

Outra barreira que caeu polo seu propio peso. Aqueles homes manexábanse con total independencia en todas partes. Movíanse en coche pola cidade, e conciliaban a vida familiar e laboral. Voaban, estudaban e quedaban cos amigos. Coma calquera. E aínda sacaban tempo para adicarlle á súa auténtica paixón. O baloncesto.

Ao cabo, as palabras de Fiti acabaron por facerse pequenas.

Eran “simplemente deportistas”, si.

Sen embargo, eran persoas extraordinarias.

29 jun 2020 / 01:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.