Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un soño cumprido: a marca Institutos de Compostela xa é real

A Consellería de Educación apoiará o proxecto de Fedesa para o deporte escolar e federado

A Xunta de Galicia e a Fundación Educación e Deporte de Santiago (Fedesa) firmaron onte unha alianza que cumpre un vello devezo de Ubaldo Rueda e do Club de Baloncesto Ulla Oil Rosalía que preside. Con este novo vínculo a Consellería de Educación prestará o seu apoio aos equipos de baloncesto de Fedesa, que competirán baixo a marca Institutos de Compostela-Xunta de Galicia.

O acordo foi presentado na Cidade da Cultura coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e de directores e alumnos (algúns xogadores) dos institutos implicados, pois compiten nos equipos de Fedesa: Rosalía de Castro, Xelmírez I, Xelmírez II, Eduardo Pondal, Antonio Fraguas, Pontepedriña, Fontiñas e Sar; todos eles englobados na ensinanza pública. Ubaldo Rueda, exdirector do IES Rosalía e presidente do Ulla Oil Rosalía, recoñece esta noticia como “a realización do noso primeiro gran soño, que comezou hai vinte anos”. Califica este “proxecto de cidade” como “pioneiro”.

Pola súa banda, o conselleiro Román Rodríguez puxo en valor o traballo do club no tocante ao fomento do deporte en Santiago e na súa contorna, tanto a nivel escolar como federado. Son 500 os alumnos que participan nas súas actividades, con equipos federados en todas as categorías. Serán os sénior (o de Liga Femenina-2 e o da Primeira Masculina) e os júnior os que mostren a marca Institutos de Compostela-Xunta de Galicia.

“A creación desta marca permitirá proxectar o encomiable labor que realizan os centros da capital galega á hora de fomentar a práctica deportiva e máis en concreto a práctica do baloncesto, ademais dos valores que achegan á nosa xuventude como o compañerismo, o traballo en equipo ou o esforzo”, engadiu Román Rodríguez

No acto Ubaldo Rueda tamén fixo fincapé no traballo realizado por Ramón Boullón en favor do baloncesto de base nos anos 80, ademais da importancia de Tonecho Lorenzo, Maribel Martín, Kiko Montero, Jesús García Rendo e Ángel Cabana nos albores do proxecto rosaliano. Asemade salientou o labor de Manuel Portas como concelleiro de Deportes santiagués.

Rueda quixo agradecer de forma especial o apoio prestado polo actual titular da Consellería de Educación e insistiu en que sen ese respaldo “sería imposible desenvolver un proxecto desta dimensión”, perseguido ao longo de dúas décadas.

Os presentes tamén felicitaron ao Ulla Oil Rosalía pola pelexada permanencia na Liga Femenina-2, un fito que permitirá ao equipo dirixido por Chiqui Barros manterse nun dos escalóns máis altos deste deporte en España.

12 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.