Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Unha nova realidade para Martín Bouzas: estudar para as oposicións

Despois de retirarse con 22 anos, o exciclista de Rois aspira a acceder a unha praza en Correos

Santiago. Martín Bouzas prepara oposicións para entrar en Correos meses despois de anunciar a súa retirada do ciclismo cando vivía a súa primeira experiencia como profesional. É a nova realidade do tres veces campión de España contra o cronómetro, que descansa no seu fogar, na súa casa de Rois.

Con 22 anos, Bouzas anunciou o final da súa breve carreira, mentres aínda estaba enrolado nas filas do Kern Pharma. “Terei un pouco de morriña despois de tanto tempo dedicándome ao ciclismo, pero teño claro que a decisión a tomei polo meu ben, porque non me atopaba a gusto”, reafírmase o galego, inmerso nunha nova etapa.

“A miña vida cambiou completamente. Antes, por exemplo, só podía parar ao mellor un día cada dúas ou tres semanas. Pero non eran só as horas de bici, senón tamén todas as rutinas que impón o ciclismo: o descanso, a alimentación, etc.”, indica.

O deportista de Rois contou no seu día que entre as razóns para deixar a bicicleta estaba a dificultade para soportar a presión e a autoesixencia. En definitiva, non era feliz sobre as dúas rodas. Agora está xa afeito a ter os libros como ferramenta principal. “Ao principio custoume poñerme a estudar porque xa había varios anos que deixara os libros polo ciclismo, xusto despois da Selectividade, pero agora lévoo moi ben”, explica.

Asentado en Rois, Martín Bouzas non descarta saír ás estradas coa bici, pero con outro espírito. “Si, a min gústame saír cos amigos. Aínda que a verdade é que me tomei unha temporadiña longa de descanso para desconectar e o ciclismo saca bastante tempo, así que pode que me veña mellor o atletismo. Teño que volver facer un pouco de exercicio”, recoñece o galego de 23 anos. REDACCIÓN

14 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.