Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Vedra acolle o Concurso de Saltos Nacional 2*

O Concello de Vedra acolleu a presentación do Concurso Nacional de Saltos de 2 estrelas, organizado por Concursos Hípicos no Camiño, que terá lugar do 9 ao 11 de xullo na Carballeira de San Fins.

Coa presenza do alcalde, Carlos Martínez, o presidente de Concursos Hípicos no Camiño, Javier Masaguer, o director técnico do concurso, Diego Gómez, e a madriña do concurso, Ofelia Hentschel, o edil destacou que “é un orgullo poder levar a cabo un concurso deste calibre, coa gran tradición cabalar que temos. Por iso estamos seguros de que será un verdadeiro éxito”.

Pola súa banda, Javier Masaguer confesou que “dende o primeiro día sentimos o agarimo tanto da corporación municipal como dos veciños. E isto é algo fundamental para sacar adiante un evento desta importancia, onde contamos poder encher as 160 prazas dispoñibles, podendo inscribirse dende hoxe mesmo”.

Con respecto ao tipo de evento que se celebrará, Masaguer explicou que “queremos facer algo diferente e que chame a atención. Haberá espazos gastronómicos e culturais, teremos marcas de roupa galegas na carballeira de San Fins e remataremos cada xornada cun pequeno concerto. Queremos que os pilotos veñan a Vedra non só para a competición puramente deportiva, senón tamén para gozar e divertirse”.

Na rolda de prensa anunciouse que a concursante compostelá de MasterChef, Ofelia Hentschel, será a madriña desta edición: “Ofelia é unha persoa vinculada ao mundo da hípica e xa participou nun concurso no que colaboramos. É moi consciente das dificultades que supón organizar un evento deste calibre e, ao mesmo tempo, o goce dos xinetes fóra do día a día dos seus clubs”, declararon os organizadores.

A propia Ofelia sinalou que “concursos coma este son moi necesarios. Os pilotos e as amazonas estamos moi agradecidos de poder deixar os nosos clubs para saltar, xa que temos a opción de poder gozar da nosa paixón fóra da casa, interactuar con outra xente e coñecer novos lugares. A hípica é un deporte no que se transmiten valores coma o compañeirismo, o desexo de mellorar, así como fomentar as relacións sociais máis alá da competencia”.

O director técnico do concurso, Diego Gómez, falou das diferentes probas das que se poderá gozar: “Teremos probas dos chamados bares do mundo ecuestre, que consisten nunha altura simbólica, pasando por 0.50; 0.80; 1; 1.10; 1.20 e 1.30 metros. Á súa vez teremos tamén ponis B e C”.

Diego Gómez rematou destacando que “queremos que todos os participantes, familiares e público, ademais de estar pendentes dos resultados deportivos, gocen do medio ambiente, da natureza e da gastronomía que nos ofrece un concello como o de Vedra”.

22 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.