Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Yago Iglesias anuncia cambios ante o Marino

O adestrador do Compostela quere que o equipo recupere sensacións // Primo e Hugo, ausentes

O adestrador do Compostela, Yago Iglesias, anuncia cambios no equipo que se enfrontará mañá ao Marino de Luanco (Miramar, 17.00 horas). O técnico buscar dar descanso e modificar certas pezar para recuperar sensacións de xornadas pasadas. Primo e Hugo volverán causar baixa.

PARTE MÉDICO. “Primo está facendo cousas con maior intensidade, e Hugo aínda á marxe. O resto están todos dispoñibles”.

MARINO DE LUANCO. “Sorprendeunos a súa idea de xogo. Máis alá do que a xente poida pensar polo club ou o campo que pode ter, en canto á fama de equipos máis aguerridos no grupo asturiano, para nada ten ese perfil. Ten un sistema moi claro desde a chegada do seu adestrador nesta segunda volta: 5-3-2 e xogo combinativo. Ten xente con moita calidade no medio campo e dous puntas que se complementan moi ben. Vai ser un equipo moi complicado. Na súa casa desde a chegada do seu adestrador non perdeu. 17 dos 22 puntos fíxoos na casa”.

ESIXENCIA. “No momento en que alguén poida pensar que un grupo é máis asequible ca outro non sabe de que vai isto. O fútbol trátase do que pasa nos 90 minutos de xogo. Nesta categoría todos os rivais son complicadísimo. Púxolle as cousas moi difíciles ao Deportivo. Este equipo está no top-3 dos mellores equipos a nivel colectivo. Gúsanme as cousas que fan e saca rédito do que fai”.

RECUPERAR SENSACIÓNS. “O que queremos sempre é competir cada semana e conseguir os máximos puntos posibles. O que vaiamos conseguindo cada domingo vainos poñer no noso sitio na clasificación. Con este formato partimos en desvantaxe con outros equipos e con moi poucos partidos. O máis importante é que nós aos equipos do noso grupo non lle podemos restar puntos por non xogar contra eles, imos depender de que eles estean atinados ou non. Non pensamos máis alá do domingo, o noso obxectivo é ser competitivo cada fin de semana. Queremos volver ter sensacións de xogo que tivemos en xornadas anteriores, xerar ocasións, estar cómodos no terreo de xogo...”

NUMANCIA. “Contra o Numancia creo que foi o noso peor partido da tempada, xunto coa primeira parte do Salamanca. Fíxonos recapactiar en que o equipo chegou a este momento da tempada un pouco agotado e depende de nós volver coller a forma e volver ser competitivos”.

RELAXACIÓN. “Hai cousas que non son controlables. Moitas veces cando se acada o obxectivo principal despois desa tensión pode pasar algo diso (relaxación). Pero eu véxoos adestrar e o que percibimos é que o equipo quere seguir facendo as cousas ben e competindo ata o último día. Pero seguramente teñamos que volver en certos matices ao punto de partida. Certas cousas como a falta de gol ou encaixar a balón parado son elementos circunstanciais do xogo, canta máis importancia lle deas, peor”.

RECUPERAR NIVEL. “Depende de nós volver a ese nivel. Entre esas cousas están facer algún cambio na alineación, cambiar a maneira de adestrar...”.

DESPRAZAMENTO NO DÍA. “Hai que ser conscientes do que somos. A min gustaríame ir 24 horas antes, poder descansar antes, quedar nun sitio de máximo nivel... Pero hai que comprender a nosa realidade, tampouco pasa nada. Son tres horas ou tres horas e media. O ano pasado tamén iamos ao Barco de Valdeorras ou a Ribadeo. Non é o mellor baixar do autobús e competir, pero tampouco nos imos flaxelar. A semana pasada vía fotos do Burgos co autobús personalizado diante do Parador de Zamora. Nós estivemos no hotel que puidemos e cando saímos dar unha volta vimos o Parador. Eles empataron 0-0; nós fomos noutras condicións e empatamos 1-1. Non é tanto a viaxe. Algúns clubs non temos as capacidades doutros, e a min como adestrador sérveme para motivar á xente”.

CAMBIOS NO ONCE. “Vai haber cambios. Xa llelo dixen aos xogadores. Xogue quen xogue temos claro o plan de partido e o que queremos facer. Sen ningún tipo de pudor nin problema. Este ano sendo unha competición máis curta e propiciado polo nivel individual de certos xogadores, que era difícil quitalos do once, rotamos menos que noutras tempadas. Chegado a este punto que o equipo a nivel colectivo non está rendendo como quixeramos pode ser o momento para facer cambios. Trátase de dar descanso a quen o necesita, reactivar a cabeza, as gañas e a ilusión. E a partir de aí, competir e sacar o máximo rendemento dos xogadores ata a última xornada. Faremos algún cambio non só de nomes, senón de posicións. É o momento de probar cousas que estamos adestrando. Pero non imos inventar a roda agora”.

09 abr 2021 / 18:25
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.