I+D

A minería galega potenciará unha industria europea máis independente

A Xunta impulsa a investigación dos materiais minerais autonómicos co primeiro Plan de dereitos mineiros de Galicia en liña coas demandas do sector e da normativa comunitaria

A minería galega potenciará unha industria europea máis independente.

A minería galega potenciará unha industria europea máis independente. / SHUTTERSTOCK

B.C

A Consellería de Economía e Industria vén de pór en marcha o primeiro ‘Plan de desenvolvemento dos dereitos mineiros de Galicia’, co que quere impulsar a investigación de materiais minerais fundamentais para sectores estratéxicos da economía de cara ao seu futuro aproveitamento. 

Unha iniciativa que atende unha das principais reivindicacións do sector mineiro galego ao reverter o problema dos permisos mineiros caducados ao tempo que se aliña co ‘Regulamento de Materias Primas Críticas’, aprobado polo Consello da UE para reducir a dependencia de terceiros países como China, Turquía ou Sudáfrica.

Un reto para toda Europa

O presidente da Cámara Mineira de Galicia, Juan José López Muñoz, que celebra con énfase o plan do Goberno galego, explica que foi “a raíz da pandemia, a crise do Canal de Suez ou a guerra de Ucraína”, cando a Unión Europea se decatou de que tiña un problema de dependencia de terceiros países en materiais esenciais para o normal funcionamento da economía e a sociedade. 

Neste contexto, o Consello da UE aprobou o novo regulamento que obriga aos países membros a investigar a dispoñibilidade destes recursos naturais minerais nos seus territorios. Son elementos sen os que a maioría de sectores das nosas sociedades non poderían funcionar: falamos de compoñentes chave para a produción de móbiles, vidro, automóbiles eléctricos, avións ou mesmo escáneres de uso médico

A nosa posición estratéxica

E é aquí onde Galicia conta cunha posición estratéxica ao estar “situada nunha zona xeolóxicamente singular: o macizo Ibérico”, en palabras de López Muñoz, que engade:“A nivel teórico xa sabemos que contamos con 15 dos 34 elementos recollidos como ‘críticos’ polo Regulamento do Consello”. 

A Comunidade galega non só conta con recursos naturais minerais de enorme valor como o cobre, o magnesio, o silicio metálico, o antimonio, o titanio, o wolframio, o platino, o litio, as terras raras, o cobalto, o tántalo e o niobio; senón que, no caso dalgúns, é a única rexión europea na que se ten detectado a súa presencia ata a data.

“Que Galicia é singular desde o punto de vista xeolóxico non é nada novo, xa o sabían os romanos; o que ocorre e que hai minerais como o litio ou as terras raras cuxo potencial non coñecíamos ata hai uns anos. Por iso, estamos nun bo momento para aumentar a exploración destes recursos a través da renovación dos permisos caducados, que se refiren fundamentalmente a permisos de investigación”, conclúe o experto. 

O plan do Goberno galego

Neste escenario, e seguindo a folla de ruta da Axenda de impulso da minería sostible de Galicia 2030, o Goberno galego aspira a converter o sector da minería nun aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial, asegurando que o proceso de transición ecolóxica e dixital actual se abastece de maneira sustentable con recursos minerais autóctonos. 

Porén, a Xunta activa este plan que a Consellería de Economía e Industria prevé desenvolver en varias fases. A primeira delas arranca coa análise preliminar sobre uns 200 dereitos caducados e a posibilidade de volver sacar concesións nos casos nos que proceda atendendo a aspectos como a clase de recurso ou o tipo de dereito; nomeadamente: permiso de exploración, de investigación, concesión directa de explotación e concesión de explotación. 

Deste xeito, será nas fases posteriores cando se definirán os dereitos e os criterios de baremación dos concursos e se procederá a súa convocatoria, na que aquelas empresas interesadas poderán solicitar nun primeiro momento permisos de investigación que lles permitan determinar o potencial do subsolo e, posteriormente, e de ser o caso, solicitar a concesión de explotación para poñer en marcha proxectos mineiros que empreguen métodos de extracción e produción respectuosos co medio ambiente.