Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xunta e comercio galego apostan por potenciar o sector en base á excelencia

Os profesionais e a consellería do ramo teñen clara a receita: ofrecer a máxima calidade e «agarimar» o consumidor. José González, ilusionado co programa ‘Vilas Vivas’, salienta a «implicación» no deseño do novo Plan Estratéxico

Comercio local galego: presente e futuro / Javier Rosende Novo

Roi Rodríguez

Roi Rodríguez

Santiago

O comercio galego de proximidade aposta por revitalizarse e ter un brillante futuro por diante asentado na «excelencia», aínda que para iso debe afrontar desafíos como a remuda xeracional, a competencia das grandes cadeas, a venda online e a dixitalización, co reto de adaptarse ás novas realidades e demandas do consumidor. Por sorte, os profesionais non están sós. Contan co decidido apoio da Xunta, que xa ten activadas diferentes pancas como a ampliación do Bono Activa Comercio, cun investimento de 2,5 millóns de euros que mobilizarán máis de 11 millóns en vendas co gallo de darlle pulo a unha actividade sen a cal «as nosas vilas e cidades serían algo moi diferente ao que coñecemos».

José González, arroupado por Javier Paz e Isabel Pernas

José González, arroupado por Javier Paz e Isabel Pernas / Jesús Prieto

Con este obxectivo, o Goberno autonómico está a deseñar, en colaboración co sector, o Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, coa intención de telo listo no primeiro trimestre do ano que vén. Unha folla de ruta que marcará as liñas mestras da actividade e da que o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, amósase «moi satisfeito», enfatizando o alto grao de implicación dos profesionais. «Estamos falando con todos os actores, incluídos os recintos feirais, que poden cumprir un papel importante», di, incidindo en que unha das claves é contar coa axuda da administración local «pola parte que lle toca».

Así o constata durante a súa participación nun novo foro organizado por EL CORREO GALLEGO centrado na situación actual e no futuro do comercio polo miúdo, no que tamén interviñeron o presidente da Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal), Javier Paz, e a vicepresidenta de Creativas Galegas, cooperativa que reúne, impulsa e dálle visibilidade aos profesionais do ámbito creativo galego, Isabel Pernas. «A clave é que a xente volva aos comercios , porque é unha realidade que estamos perdendo clientes pola competencia do comercio electrónico. Que perciba que é unha experiencia de compra diferente», asevera González.

«Queremos acadar un emprendemento tradicional e ligado ao territorio, pero á vez tamén rendible»

José González

— Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

A súa opinión coincide coa de Pernas, que fala desde o coñecemento que lle dá a tenda que Cereativas Galegas rexenta na zona monumental compostelá. «Temos que dar un plus, estar sempre aí para o que o cliente necesite. Temos que dar o que eu chamo a garantía El Corte Inglés», apunta. Ademais diso, tamén ve clave que se lle dea confianza ao emprendedor, agradecendo neste eido toda a batería de medidas de colaboración que se ofrezan desde a Administración, pois poñer en marcha un negocio non é doado. «Desde que empezas a ser autónomo tropezas en moitas pedras», asegura, poñendo un exemplo gráfico: «Tes que ser unha persoa orquestra, saber tocar a batería, o bombo, cantar e ser o teu representante». Por fortuna para ela, a experiencia que teñen en canto ás actuacións da Xunta de apoio ao comercio local é « moi positiva», confesa.

Unha idea moi similar á que defende Javier Paz, quen avoga por «aproveitar a forza dos mercados municipais a través dos impulsos que pon a Xunta». No seu caso, pon o foco no pulo ás prazas de abastos e a súa transformación en Mercados Excelentes. Así, lembra que o primeiro que fixeron desde a Federación foi crear unha marca en cada un dos mercados municipais, coa sua vestimenta, para intentar posicionarse. «Apostamos pola calidade, polo produto de proximidade e porque os mercados sexan distintos os uns dos outros, pero cunha mesma imaxe».

«Ser autónomo é como ser persoa orquestra. Toda a colaboración agradecémola »

Isabel Pernas

— Vicepresidenta de Creativas Galegas

Desde esa perspectiva, José González defende que as prazas de abastos deben xogar un papel importante «pola utilización do produto fresco, do produto local e ao mesmo tempo por esa característica de ligala á gastronomía». Isto ten que ver co selo de Mercados Excelentes, abundou, distintivo que a Xunta quere que poidan ter o maior número posible das máis de 90 plazas que hai en Galicia. Para elo chaman á «importantísima» colaboración cos concellos, «que son os que determinan os tráficos para o comercio polo miúdo, se temos que facer aparcamentos disuasorios...». «Hai que facer ese traballo conxunto», subliñou o conselleiro, lembrando que reforzar o comercio polo miúdo, incluídas as plazas de abastos, «é apostar por unha fonte de riqueza e de valor engadido».

Experiencia en Ribadavia

Nesta estratexia, o titular da Consellería de Comercio amosou confianza e ilusión no tirón de Vilas Vivas, que escolleu o concello ourensán de Ribadavia para levar a cabo con notable éxito a pasada fin de semana un proxecto piloto deste programa de dinamización orientado ás cabeceiras de comarca. O que pretende é que a «a partir de marzo ou abril de 2025» se poidan abrir, da man dos propietarios, os locais comerciais dos cascos históricos que hoxe están pechados e que sempre foron un referente comercial nas comarcas».

Esta proposta, explicou, trae consigo, por un lado, apoiar os comerciantes das vilas, pero tamén poder atraer xente de fóra. «Estamos pensando en colaborar cos artesáns, xa que temos unha marca como Artesanía de Galicia». Ser capaces de traelos a esas cabeceiras de comarca buscando ligalos non só ao comercio, senón a actividades lúdico-culturais. «A idea é que movamos xente que non iría a esas vilas, sobre todo nas fins de semana, e que os artesáns e comerciantes que veñan a ocupar os locais que hoxe están pechados, que van ser alugados pola Xunta e rehabilitados se é necesario, vaian facer cartos».

Artesanía de Galicia

Precisamente sobre a importancia de selos como Artesanía de Galicia falou Isabel Pernas, afirmando que nesta imaxe de marca, de calidade, de bo produto «estase a traballar moi ben». «Nós sempre fomentamos que todas as marcas que teñan o taller inscrito en Artesanía de Galicia teñan aí a sua placa», salientou. A renglón seguido, incidiu novamente en que é moi necesario traballar con todas as administracións. «Nestes sectores aínda hai que aprender moitísimo para chegar a ser bos profesionais e todos estes impulsos son moi necesarios», considera.

En Galicia, afonda, «non sabemos vendernos». Na súa opinión, «parece que nos da vergoña vender un produto ou poñerlle prezo ao noso traballo». Non en van, dentro do sector da creatividade fálase aínda de «traballos manuais» e non dun traballo profesional, resume . «Nós poñemos un pequeno gran de area, pero non temos os recursos para facer un gran movemento. Necesitamos colaborar con Artesanía de Galicia, coa Xunta e co conxunto das administracións para que potencien que todo esto paga a pena».

«Se non sabemos valorarnos nós non o vai facer ninguén. Unha cousa que temos que facer é dignificarnos »

Javier Paz

— Presidente de Fapragal

Unha percepción que non dista da expresada polo presidente de Fapragal. «Temos que entender que somos profesionais . Se non sabes valorarte ti, ninguén o vai facer. Tes que poñer un prezo enriba da mesa e un local onde se vexa que estás investindo no teu negocio. Unha das cousas que temos que facer é dignificarnos», apuntou . De feito, Javier Paz está convencido de que en Galicia trabállase «tan ben ou mellor que no exterior», algo que refrenda a súa experiencia cando sae fóra. «A nós invitáronnos a formar a Confederación de Mercados Nacionales, fomos alá e viñemos coa sensación de que o estivemos facendo ben. Moitas veces velo cando saes».

José González reforzou esta mensaxe. «A ver se nolo cremos todos dunha vez e de verdade», dixo, lembrando que moitas veces ten que vir xente de fóra a decirlles aos galegos o potencial que teñen. «Temos que ser quen de sacarlles máis rendemento as nosas capacidades», recetou. Nese senso, enlazando coas outras «patas» da Consellería, o emprendemento e a emigración, insistiu en que «aquí fai falta todo o mundo que veña a aportar. Non sobra ninguén». Define así a incorporación de talento do exterior para traballar por conta propia ou allea, sempre dun xeito ordenado, como un complemento necesario para atender as necesidades do tecido económico galego —tamén no sector do comercio—, e que se suma á potente batería de apoios destinados dentro da nosa comunidade aos galegos e galegas con eixos estratéxicos como os destinados aos autónomos, lembrou. De feito, trátase de xente «que vén con ideas de negocio diferentes e que pode animar a esa recuperación do comercio polo miúdo», especialmente na necesidade dun emprendemento tradicional. «A este paso, hai sitios nos que só imos poder comer pan conxelado», exemplificou.

Uso das novas tecnoloxías

En todo caso, para evitar ou minimizar as posibilidades de fracaso, o responsable do departamento autonómico avanzou que nos Polos de Emprendemento trabállase para analizar e poder predicir, a través das novas tecnoloxías, cales son os comercios que «si ou si temos que soster» . Tamén para asesorar sobre os negocios con mellor viabilidade. Neste punto, o conselleiro foi diáfano: «Atendendo a realidade de cada comarca , ao mellor no podes recomendar abrir unha perruquería. Pero se hai moitos cans, si se pode abrir unha perruquería para mascotas.» Ese, dixo, é o traballo que se quere facer nos Polos para acadar un emprendemento «ligado ao territorio e tradicional, pero á vez rendible».

Isabel Pernas, Roi Rodríguez, José González e Javier Paz, durante o foro organizado por EL CORREO GALLEGO

Isabel Pernas, Roi Rodríguez, José González e Javier Paz, durante o foro organizado por EL CORREO GALLEGO / Jesús Prieto

Sobre este fío condutor, Isabel Pernas ten claro que as novas ferramentas están aí para utilizalas e que os avances «teñen que ser os nosos aliados». Ao seu xuízo, teñen que ser instrumentos para axudar as persoas, non para substituílas, pois tamén «hai que seguir conservando o que somos, a nosa esencia». «A min paréceme moi ben a globalización, pero sen perder a esencia», resumiu, avogando por explicarlles aos novos cousas como o sabor real dos alimentos. «Aínda quedamos xeracións que podemos contar cales son eses sabores e experiencias».

Atención ao consumidor

Un bo exemplo dun uso axeitado da dixitalización e as novas tecnoloxías debe enfocarse, tal como expuxo José González, é o que vai orientado á xestión das reclamacións, no caso de que as houbera. «Ao consumidor temos que agarimalo e coidalo», remarcou, o que se traduce en darlle unha boa garantía, que ao mesmo tempo suporía tamén unha vantaxe para o establecemento, porque é unha forma «máis agradable» de relacionarse co cliente neste tipo de circunstancias. Con ese enfoque, fai poucas semanas que a Xunta activou o novo sistema de queixas dixital, que está tendo moita receptividade. «Creo que e un síntoma máis do bo facer do noso comercio, que o que quere é facilitarlle ao consumidor que se hai algunha queixa se aborde do xeito más áxil e efectivo posible», afirmou o conselleiro .

«Estamos nun mundo onde o consumidor está moi ben informado e ten moitas opcións. A diferenza vai estar en que a experiencia que teña sexa positivísima, impecable», ratificou Pernas, asegurando que ao final «non mercamos produtos, senón experiencias». A vicepresidenta de Creativas Galegas comentou que cando xunto as súas socias comezou a emprender, coa fin de estudar a competencia fixo unha compra en Amazon para ver cal era a experiencia. «Abrín a caixa e o primeiro que tiña era a folla de rclamacións. E o primeiro que dixen foi: Ole!. Con esta práctica xa lle estás dicindo ao cliente que o vas a facer tan ben que non hai ningún problema».

Premios

En canto á mellora da experiencia do cliente e tamén ao engarce coas novas xeracións, o presidente da Federación de Prazas de Abastos de Galicia opina que cando se volve a vista atrás, un dáse conta de que «en Galicia fixemos moitas cousas ben», con iniciativas que agora son éxito a nivel nacional. Entre outras levadas a cabo nos mercados lembra Os Pequechefs, na que «os rapaces viñan aos mercados e disfrutaban un montón, ensinámoslles como era un peixe, unha carne, contratamos cociñeiros...». Medidas que ás veces non tiveron a visibilidade e o recoñecemento social que merecían.

Unha notoriedade para a que é importante a concesión de recoñecementos como os Premios do Comercio Galego ou os Premios Artesanía de Galicia, cuxas edicións deste ano foron entregadas nos últimos días, que, como salienta Gonzalez, son «un elemento máis de contacto co sector». «Sempre custa moito decidir eses premios, porque hai proxectos moi bos», admite. Ao seu modo de ver, a clave» de todo é entender que cando se fala de comercio polo miúdo fálase dunha parte moi importante do noso tecido empresarial. «Se desaparecera sería moi negativo. A aposta ten que ser o seu reforzo. Coa colaboración de todos, eu creo que imos dar a batalla e ser quen de pegarlle un pulo», concluíu.

Tracking Pixel Contents