Foro EL CORREO GALLEGO
A alianza da ciencia e a pesca en Galicia: "A investigación é a base para garantir o futuro do noso mar"
Administracións, científicos e pescadores traballan da man para afrontar os retos do sector e blindar o seu futuro. Os datos que achega o ecosistema investigador de Galicia son claves para a toma de decisións na xestión diaria dos recursos

Sieira, Vázquez, Piñeiro, Saborido e Gabín, en Los Abetos. / Jesús Prieto

Que o mar lle achega a Galicia o 5% do seu PIB, emprego e unha singularidade única como pobo é de sobra coñecido. O que quizais non se saiba tanto é que arredor dese vínculo dos galegos co salitre agromou nas útimas décadas un ecosistema investigador de tal dimensión e calidade que hoxe é referente a nivel europeo e incluso mundial. E cando as administracións, a ciencia e o sector (pesqueiro, marisqueiro e acuícola) logran alinearse e concentran todos eses recursos na resolución dos problemas propios de Galicia, o éxito está garantido e o futuro do mar galego, blindado.
Esa mensaxe sobre a importancia da cooperación e da focalización dos esforzos en Galicia foi a principal conclusión do Foro EL COREO GALLEGO sobre Ciencia e investigación mariña celebrado no Hotel Los Abetos de Santiago. Nel, os investigadores Carlos Gabín e Francisco Saborido, xunto co presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, avalaron esa triple alianza arredor da ciencia e o mar.

Francisco Saborido. / Jesús Prieto
Programa de Ciencias Mariñas: o camiño a seguir
O mellor exemplo desa filosofía é o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, que coordina o biólogo Francisco Saborido. O plan activouse cos primeiros fondos Next Generation que chegaron a Galicia logo da pandemia. «Ideamos un gran proxecto con doce institucións e 363 investigadores», dos que 130 se contrataron co propio programa. Aínda que o que lle da auténtico valor ao plan é «que fomos quen de traballar conxuntamente», converténdose «na primeira experiencia en España de crear unha rede de investigación e traballar de forma sinérxica para uns retos concretos». «A densidade de investigadores de Galicia é das maiores de Europa, e o noso programa o que fai e poñelos a traballar de forma conxunta».
Financiado con 10 millóns de euros, 4 deles achegados pola Xunta, o obxectivo non é tanto resolver os problemas inmediatos como «sentar as bases para que o día de mañá teñamos maior e mellor acceso a datos, que son a ferramenta clave na toma de decisións» das autoridades en relación coa xestión dos recursos mariños, detalla Saborido. O programa enfócase a tres grandes campos: observación e monitorización; colaboración co sector produtivo, e transformación social das comunidades litorais.

Carlos Gabín. / Jesús Prieto
CIMA, un centro científico e tamén asesor
Unha das institucións que está dentro dese programa é o Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), con 52 profesionais nas súas sedes de Vilanova de Arousa e Ribadeo e medio século de experiencia ás costas. O seu director, Carlos Gabín, fixa as prioridades do CIMA : «Por un lado, desenvolvemos s iniciativas dos propios investigadores; e por outro, somos órgano científico e asesor da Consellería do Mar».
En canto a investigacións, citou algunhas das que teñen en marcha como Ecosistémica 24, que se ocupa «da situación dos bancos de libre marisqueo nas rías de Arousa, Vigo e Ares e Betanzos», cunha serie histórica de datos desde o ano 2000. Ou un proxecto en colaboración coa Universidade de Vigo para o seguemento e presenza de larvas, que inclúe cun visor propio.
No caso das asesorías, o CIMA está a axudarlle á consellería coa xestión da mexilla —cría de mexilllón— dos bancos naturais de Arousa. «É unha encarga que nos fixeron, porque promovemos un proxecto que se chama Apromex, que se basea en tres actividades: xestión e uso do recurso natural nas rochas, medidas para a captación de semente en sistemas de cultivo e producir semilla de mexillón en condicións controladas de criadeiro», detalla Gabín. Este proxecto, iniciado en 2022, busca facilitar información ao sector e á consellería do estado e dos bancos naturais de mexilla. E xa deu froitos, «cun visor dispoñible para todos os sectores onde se pode consultar en tempo real o estado dos bancos de mexilla, con 200 puntos de seguimento», engade o investigador.
En todo caso, Carlos Gabín lanza unha reflexión para dar sentido ao traballo do CIMA. «Todas estas ferramentas que estamos xerando teñen que estar dispoñibles para todo o público, non só para científicos e sector», argumenta. «Así todos poderemos falar coas mismas referencias e do mesmo coa mesma información». E nesa mesma liña, Gabín defende que «a información que xeramos sirva para a toma de decisións». «A investigación non debe quedarse en grandes publicacións, senón que ten que ser unha ferramenta para a toma de decisións. É a aplicación práctica sen a cal o noso traballo non ten sentido».

Ángeles V. Suárez. / Jesús Prieto
Redemar, a transferencia do labor cientifico ao sector
Outro exemplo desa colaboración produtiva arredor do mar galego é Redemar, a rede tecida entre o sector pesqueiro e os organismos científicos da comunidade. «É unha ferramenta pioneira de 2022 e que impulsa a colaboración entre a administración, os centros de investigación e o sector e facilita a transferencia de coñecemento, así como o intercambio de experiencias e de boas prácticas», explica a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez. Pero Redemar ten ademais outra vantaxe: «Facilítanos á Administración información actualizada, sólida e rigorosa que nos permite tomar decisións de xestión deses recursos máis eficaces».
A representante da Consellería do Mar tamén pon en valor a rede de centros investigadores dependente da Xunta, onde «temos en marcha múltiples accións» ás que só a dirección xeral destina máis de 1.200.000 euros. «E colaboramos con centros doutras administracións», o que acaba por constituir «un sólido sistema de centros ao servizo do mar galego».

José Antonio Pérez Sieira. / Jesús Prieto
O sector: «Aprendemos dos científicos e eles de nós»
Unha das partes fundamentais da ecuación do mar galego é o sector profesional da pesca, marisqueo e acuicultura e a súa capacidade de colaborar coa ciencia. Desde Ribeira, o presidente da Federación Galega de Confrarías e armador, José Antonio Pérez Sieira, lembra que «os propios estatutos dos pósitos recollen esa colaboración», máis relevante que nunca «cos cambios que estamos sufrindo». E as confrarías contan coas «asistencias técnicas», que son «unha parte fundamental na xestión dos plans de explotación de cada zona».
Aínda que no pasado houbo reticencias no mundo do mar aos primeiros biólogos, hoxe esa visión mudou. «É imprescindible estar ao lado da ciencia para sacar isto adiante», indica o presidente das confrarías. «Os pescadores aprendemos moito dos científicos e eles tamén aprenden de nós, porque o sector é quen mellor coñece o mar e quen máis datos lles poden dar. A unión entre científicos e sector é unha base fundamental para que nós podamos seguir traballando e podamos seguir vivindo desde recurso», conclúe Pérez Sieira.
Sobre o futuro, el é "optimista", sobre todo vendo a capacidade de adaptación que sempre tivo a pesca galega aos cambios. Hoxe, o reto máis grande qe ten por diante é o cambio climático, que xa achega a Galicia especies doutras latitudes, mentres afasta as galegas. "Levamos dous anos moi malos de xarda, e o impacto no marisco é evidente", admite Pérez Sieira ao falar do cambio climático. "Está aí e non non se pode negar", di. "Temos que estar unidos, como estamos agora mesmo, e temos que contar coa ciencia, que nos van a informar e nos van a dicir como temos que facer", conclúe.

Os catro participantes no foro. / Jesús Prieto
Outros proxectos e retos que ten por diante o mar galego
O foro confirmou que a investigación mariña galega é case infinita. Francisco Saborido citou a estratexia galega de observación e monitorización, «onde fixemos 35 novas tecnoloxías de observación que a abaratan notablemente os custos» que supón medir contaminantes, plancton, toxinas, pesca... Tamén elaboraron ferramentas para anticiparse ás chuvias e facer unha xestión dos encoros que minimice a mortalidade de marisco polo exceso de agua doce nas rías.
Tamén introduciu Saborido o concepto de «acuicultura multitrófica», que é «o futuro» do sector. «Consiste en crear un miniecosistema, tanto no medio aberto como na acuicultura en terra, con varias especies que sirvan de alimento e que limpen», o que permite resolver algúns dos problemas de sustentabilidade máis grandes que ten hoxe o sector. Deste xeito, o sector tamén se adapta ás novas esixencias do consumidor, baseadas en moitos casos en criterios ambientais e prácticas sustentables.
Ángeles Vázquez, na súa quenda, citou o proxeto SALROC do CIMA, para tratar de «domesticar» e cultivar salmonete de rocha, nun novo exemplo de colaboración co sector e tamén de acción público-privada na experimentación con novas especies de alto valor comercial susceptibles de ser explotadas en catividade.
Máis lonxe parece o futuro da cría en catividade do polbo, pero segundo Carlos Gabín e Francisco Saborido «por factores externos», en referencia á campaña de protección do polbo dos animalistas. "É moi difícil loitar contra frases que proceden de artistas de relevancia de Hollywood aos que lles parece un animal moi interesante, sensible e intelixente... pero que non saben nada da súa bioloxía", chancea Gabín. «Para criar polbo queda un largo treito, pero antes hai que sacar ruído dun lado e doutro», conclúe Saborido.
En todo caso, hai unha mensaxe clave que se puxo sobre a mesa no foro de EL CORREO GALLEGO: a necesidade de que o bo momento que vive a ciencia mariña galega non sexa unha foto fixa dun tempo determinado. «Todo isto ten que ter continuidade», di Gabín. «Non ten sentido o esforzo feito entre 2023 e 2025, con 10 millóns, máis de 300 investigadores e uns resultados palpables, se en 2026 non hai financiamento». E Fran Saborido respáldao: «Non hai nada peor na investigación que as interrupcións e a falta de continuidade». E para evitar que ocorra iso, "estamos traballando con dúas consellerías para dar unha continuidade seria e forte ao Programa de Ciencias Mariñas para os próximos anos", para cando rematen os fondos NG da UE.
"A aposta de Galicia pola investigación mariña é firme"
A ciencia e a investigación mariña de Galicia son «recoñecidas» e están «á vangarda» a nivel nacional e europeo. Para Ángeles Vázquez, o feito de que historicamente «milleiros de persoas vivan dos recursos pesqueiros, marisqueiros e acuícolas en Galicia» impulsou a necesidade de desenvolver investigacións para optimizar ese aproveitamento e facelo ademais dun xeito sustentable.
A directora xeral da Xunta lembra que eses recursos se desenvolven nun medio natural «cambiante e suxeito a moitos condicionantes» alleos ao factor humano, polo que esa investigación «ten que ser algo vivo e adaptarse ás necesidades de cada momento».
Para iso, Galicia conta cunha rede de centros propios da Xunta como o CIMA, o Cetmar e o Intecmar; e outros baixo paraugas doutras administracións «cos que colaboramos activamente», como o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ou o Instituto de Investigaciones Marinas do CSIC, explica a directora xeral. A eses centros engádeselles «un sólido sistema universitario» que proporciona formación en materia de investigación mariña, «pero que tamén conta con centros de investigación propios» como a Estación Biolóxica da Graña de Ferrol (USC) ou o centro de investigacións da UVigo.
«Todo este entramado conforma ese sólido ecosistema de centros que dá resposta ás necesidades que tanto o medio mariño como o noso sector pesqueiro e marisqueiro nos vai trasladando e que confirma que, sen dúbida, estamos á vangarda en investigación, tanto a nivel nacional como a nivel europeo».
Soster todo isto implica un compromiso económico da propia Xunta. «A nivel orzamentario, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro contempla para o ano 2026 unha dotación de algo máis de 3,8 millóns de euros para a xestión e accións dos centros de investigacións mariñas e tamén para proxectos no marco de Redemar. Isto supón aproximadamente medio millón de euros máis que en 2025», explica Ángeles Vázquez Suárez.
Un compromiso económico que avala que a ciencia e investigación mariñas están no centro da axenda da Consellería do Mar. «A investigación mariña é sen dúbida a base esencial para construír o futuro do noso mar e para construír tamén o futuro do noso sector marítimo pesqueiro», garante Vázquez. «Precisamente a través do coñecemento científico, a través da investigación e a través da innovación, Galicia consegue mellorar a xestión dos seus recursos, consegue tamén impulsar a sustentabilidade da actividade do sector marítimo-pesqueiro e por último, garante novas oportunidades de desenvolvemento tanto social como económico vencellado ao mar», reflexiona a directora xeral.
Por iso, a conclusión de Ángeles Vázquez é clara: «A nosa aposta pola ciencia, a investigación e a innovación mariña é firme».
- Un famoso compostelano, la viuda de Camilo José Cela y una atleta gallega, participantes de la nueva gran apuesta de RTVE
- La nieve y el frío intenso regresan a Galicia: una masa de aire polar llega para desplomar las temperaturas
- Tormentas, granizo, nieve y vientos de intensidad huracanada: lo peor del temporal llega a Galicia
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- Oleada de robos: 'Queda la luz encendida para que parezca que hay gente en casa
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos