A veciñanza do parque Mondigo contará con descontos en enerxía
A infraestrutura eólica, adquirida pola sociedade RDG, na que a Xunta de Galicia é principal accionista, encabezará un novo modelo de política eólica que busca repercutir no tecido local

Fotografía das obras de construcción do parque de Mondigo, que comezou a operar a finais do 2025. / ECG
B. C.
O parque eólico Mondigo, ubicado na Mariña lucense, será o punto de partida para o novo modelo de xestión enerxética impulsado pola Xunta de Galicia.
A sociedade público-privada Recursos de Galicia (RDG), na que a Xunta é accionista maioritario, adquiriu as instalacións o pasado mes de febreiro, nunha operación de compravenda que se pechou por 75 millóns de euros. O anterior propietario do parque era Sinia Renovables, a filial 100% de Banco Sabadell. Con este movemento, RDG suma por primeira vez á súa carteira de proxectos un parque eólico.
Capacidade de produción
Mondigo é un proxecto de nova execución, que comezou a finais de 2025 a producir electricidade. O parque consta de 11 muíños que totalizan 49,5 MW de potencia instalada e está previsto que anualmente xere uns 131 GWh. Grazas a este investimento, nun escenario de bloqueo xudicial do sector, RDG faise así coa metade da renovable instalada en Galicia o ano pasado. A propiedade do parque, á que tamén aspiraba capital foráneo, queda por tanto na comunidade autónoma.
Neste eido, RDG abriu a propiedade do parque eólico aos concellos nos que este se empraza (Ribadeo e Trabada), así como ao de Barreiros, polo que discorre a liña de evacuación das instalacións. No seu conxunto, os concellos poderán incorporar ata un 10% do accionariado da sociedade do parque.
«En Mondigo aplicaremos a nosa política de reversión do beneficio no territorio e nas persoas», afirma o conselleiro delegado de RDG, Emilio Bruquetas. O parque supón unha oportunidade para avanzar no seu plan estratéxico, que busca prover de electricidade competitiva aos galegos e estabilizar os custos para as empresas da comunidade, entre outras misións.
Unha nova política éolica
O parque de Mondigo convértese así no paradigma da nova política eólica de Galicia, asentada sobre catro puntos principais: descontos directos na factura eléctrica para a veciñanza dos parques; democratización dos PPA (acordos de compra de enerxía entre produtores de enerxía renovale e consumidores ou comercializadoras); incorporación do interese local a través do diálogo constante cos veciños e os concellos e da apertura da propiedade dos parques á súa participación directa; e, por último, a repercusión do 100% da enerxía producida en Galicia, no propio territorio galego.
Todas estas novidades foron adiantadas nos últimos meses, pero o vindeiro día 19 de maio explicaranse de forma directa nunha reunión aos alcaldes e empresarios dos municipios onde se asenta o parque eólico Mondigo. Participarán no encontro representantes da Xunta e de RDG.
«En Mondigo aplicaremos a nosa política de reversión do beneficio no territorio e nas persoas»
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzaba a finais de abril que xa se está traballando en activar os descontos que recibirán os fogares máis próximos a Mondigo, englobados baixo o nome ‘Mondigo Beneficia’. Concretamente, uns 500 fogares poderán gozar dun 80% de desconto no seu consumo de electricidade. A veciñanza foi informada mediante o envío dunha carta directa e tamén se habilitou a páxina web rdgmondigo.gal para consultar todos os detalles e tramitar a rebaixa na factura.
Así mesmo, estase a iniciar o deseño dun plan industrial para estender as bonificacións ás empresas locais. «Se queremos que haxa industria nun territorio temos que saber crear as condicións, a industria non chega por casualidade, faino porque hai unha política económica clara», declara Lorenzana.
Sobre Recursos de Galicia
RDG é unha sociedade pioneira en España creada para descarbonizar a economía, reforzar a autonomía enerxética, promover prezos competitivos e impulsar a relación enerxía-industria-sociedade, garantindo beneficios para o territorio e a cidadanía. En síntese, busca un desenvolvemento enerxético equitativo que impulse o progreso de Galicia. Así o di o seu lema: «Os nosos recursos, ao noso servizo».
Trátase dunha compañía representativa da sociedade galega e exemplifica a colaboración entre as esferas pública e privada que preconiza a Comisión Europea. Esta condición robustece a empresa, á vez que lle confire a transversalidade que a converte nun proxecto de país. A Xunta de Galicia é o principal accionista.
A parte privada está integrada actualmente por 32 empresas de toda clase que sosteñen máis de 21.000 empregos directos e achegan anualmente un 14 % do produto interior bruto de Galicia.
- Las nuevas conexiones nacionales de Lavacolla permitirán viajar a Italia por 30 euros
- Ghaleb Jaber Ibrahim, empresario e impulsor de la Fundación Araguaney, será el pregonero de las Festas do Apóstolo 2026
- Cambio de tiempo en Santiago: MeteoGalicia alerta de fuertes precipitaciones este lunes
- Piden cuatro años de prisión para un policía urbanístico de Santiago por falsificar el informe de una obra en Fontiñas
- El cementerio gallego que opta a ser el mejor camposanto de España: 'Una nueva forma de entender los espacios funerarios
- Borja Iglesias sorprende en la celebración del Mundial cantando un clásico del rap español
- Excarcelan a un hombre tras chocar su coche contra un camión aparcado en Santiago
- Santiago celebra en la Plaza Roxa el Mundial de España