Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
María Victoria Carballo-Calero Ramos, catedrática de Historia da Arte Contemporánea na Universidade de Vigo

17 maio

Texto: Carmen Ces

Tivo algunha vez a sensación e ue o seu pai foi un maldito, de que estivo demonizado polo galeguismo institucional?

Nesta pregunta, como noutras, eu vou ser estritamente fiel ao que el declarou e explicou en vida, en varios libros de conversas: el definiuse como “excomungado” polo establishment, tanto político como cultural, nomeadamente –mais non só– polas súas posicións lingüísticas. Sempre foi leal ás ideas e aos principios do Partido Galeguista de antes da guerra e ironizaba sobre os “galeguistas de nome e de nómina” dos tempos modernos... “Maldito” foi, coma tantos máis, para o franquismo, claro.

Que supón para vostede que por fin se recoñeza a figura de Carvalho Calero coa homenaxe no Día das Letras?

Eu adoito repetir que na familia sempre soubemos do valor e da transcendencia da súa obra. Que a Real Academia Galega, despois de tantos anos, o recoñeza agora con esta distinción do Día das Letras Galegas supón unha posta ao día da súa persoa e obra e está a facilitar que moitos aspectos de ambas se coñezan e difundan.

Cal é o futuro da lingua galega: a vía normativa, o reintegracionismo, unha fórmula mixta...?

Eu non son filóloga nin lingüista. Como usuaria do galego, desexo que se admitan todas as formas escritas que hoxe posúe o galego e que poidamos ler todos os autores da literatura galega tal e como eles e elas se expresaron.

Sentiuse seu pai recoñecido en vida, ou estaba a gusto sendo un outsider da cultura oficial?

El endexamais se sentiu un outsider de nada. Moi polo contrario, leal á ortodoxia do nacionalismo galego de preguerra (Castelao, Otero Pedraio...) e, por isto, contrario dos que escolleron o camiño de liquidación da mesma. Sentiuse plenamente recoñecido e admirado por múltiples asociacións e entidades de toda a Galiza, que sempre puideron contar con el para todo tipo de actos de exaltación da lingua, da literatura e da cultura galegas.

Esperar contra todo esperanza podería ser o lema que resume o traballo de don Ricardo a prol da lingua e da cultura de Galicia. Hai esperanza no camiño que aínda queda por percorrer? Vivirá o galego mil primaveras máis?

Si, esperar contra toda esperanza é unha frase lapidaria de meu pai, que ten sido moi citada. Tamén reiterou que cumpría rectificar a historia e que a historia merecía ser rectificada. Así mesmo, dixo que as mil primaveras para a lingua desexadas por Cunqueiro habían ser diferentes ás vividas polo escritor de Mondoñedo: habían ser unhas primaveras, afirmou, onde Cunqueiro puidese ser aínda máis Cunqueiro, isto é, desenvolver toda a súa obra en galego, e, por suposto, que o galego fose a lingua normal dos galegos.

Cal é o Carvalho Calero que máis apreza vostede: o ensaísta, o novelista, o poeta?

Eu penso que hai que procurar lelo en toda a variedade da súa obra, a estritamente literaria e toda a que realizou como historiador da literatura. Escollería, quizabes, Scórpio, e, por suposto, a súa Historia da Literatura Galega Contemporánea.

Como viviu a súa familia a represión franquista contra o seu pai, que pagou co cárcere a súa participación na creación do Partido Galeguista, a súa contribución ao anteproxecto do Estatuto de Autonomía do 36 e a súa fidelidade á República?

Nós sempre procuramos adaptar a vida ás circunstancias negativas e continuar a traballar e a formarnos, algo que el sempre nos inculcou. Axudou moito tamén a fortaleza de miña nai, e as tres colaboramos en todo o que puidemos a que el realizase a súa obra, tan abruptamente interrompida pola guerra civil e a posguerra e que reemprendeu coa mesma paixón de sempre por Galiza e a súa cultura.

Como era don Ricardo en familia, que o facía feliz?

Non era moi dado a exteriorizar os seus sentimentos, agás en circunstancias extremas, o cal non significa que fose unha persoa fría ou insensíbel: era só unha cuestión de carácter e, tamén, de educación do seu tempo, e, por suposto, de todo o que lle tocou pasar na vida. Sei que, nos últimos tempos da mesma, foi feliz retomando o contacto co público de toda a Galiza, a través de tantas conferencias e actos en que participou e interveu.

TRAXECTORIA

Naceu en Ferrol. Catedrática de Historia da Arte Contemporánea na universidade de Vigo. Membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes. É académica correspondente das Reais Academias de Bellas Artes de San Fernando (Madrid) e Santa Isabel de Hungría (Sevilla).

Estudos: doutora en Filosofía e Letras (sección Historia). Cargos anteriores: decana da Facultade de Humanidades (Vigo), vogal do Comité Español de Historia da arte e do Padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea // Publicacións: coordinadora do libro “Arte de fin de século” (2000) e autora de “Julia Minguillón” (1981), “A ilustración na revista Nós” (1983), “Antonio Faílde” (1986), “Vos Castelaos de Ourense” (1985 e 1989), “O Santuario da nosa Señora das Ermidas” (en colaboración) e “A arquitectura dunha cidade” (en colaboración) // Distincións: Premio Galicia Investigación 2010. Membro do Padroado do CGAC //

17 may 2020 / 02:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.