Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A inxustiza das medidas tomadas para as FPs

o alumnado de Formación Profesional viuse en constante incertidume, como calquera consumidor do sistema educativo. Mais penso que, non só existiu incerteza debido á falta de respostas sobre o que acontecería ou non co curso, senón sobre o que ocorrería ou non coa formación e cos contidos non impartidos. Xa que, garantizar ou facilitar un aprobado, non significa obter os coñecementos: aprobar non sempre conleva aprender.

É moi sinxelo dicir que, o que non se dea agora, xa se dará para o ano seguinte. Porén, deixar contidos e prácticas para o derradeiro ano da formación é moi arriscado, por non dicir que pode ser moi perxudicial para o alumnado, xa que se xuntaría unha cantidade de materia desmesurada. Por iso, consideran, non só alumnado, senón tamén profesorado, que é mellor non deixar para mañá o que se poida facer agora. É dicir, prefiren adiantar materia na fase 2 de desescalada, acudindo ás aulas con medidas de seguridade, para poder así, previr o que poida acontecer ao ano seguinte. Quen nos asegura que non nos vexamos de novo nun curso telemático.

Pero isto de adiantar materia, non se lle pode aplicar a quen estea estudando o último ano. Entón, que ocorre con estas persoas? A variante telemática do curso, derivada da aparición da COVID-19, comezou no 3º trimestre, xusto cando este alumnado estaba a piques de comezar as prácticas en empresas. Isto, xunto co Traballo de Fin de Ciclo, era o único que lles quedaba por diante, e ambas son necesarias para a expedición do título. Así pois, a imposibilidade de realizar as prácticas neste terceiro trimestre, e a necesidade de moitos alumnos e alumnas de adquirir o título axiña para poder presentar solicitude a outro novo curso académico, derivaron en que moitos e moitas simplemente, para ver substituída a nota desta parte, deban ampliar o TFC. Desta maneira, daríaselle por apto o curso.

Mais, ata que punto é xusto estar dous anos estudando para levar á praxe o estudado, e adquirir experiencia, e finalmente non poder realizala? Certo é que, quen non teña que realizar ningunha solicitude e a quen non lle corra presa algunha, pode esperar polas prácticas, porque estas seranlle facilitadas tarde ou cedo. Mais, por que o feito de querer ter o título antes de xuño, xa inhabilita a calquera alumno nesta casuística a poder realizalas posteriormente aínda tendo o título? Semella que, quen queira seguir estudando debe renunciar ao que tanto tempo leva ansiando.

30 may 2020 / 22:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito