Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

A ti, Moraima

    Curioso panorama o que elixiches para nacer... Particular prólogo co que decidiches comezar o teu libro... o libro da túa vida. E digo particular porque esta situación na que estamos, aínda que ti non o saibas, non é habitual, é unha situación diferente, estraño escenario que nos fai vernos como o que en realidade somos e como somos no máis íntegro das nosas entrañas. Cando medres poderás dicir con orgullo que xa fuches diferente antes de nacer, que túa nai, teu pai e túa irmá estiveron durante máis de 50 días e as súas noites, metidos nunha casa agardando por ti, só saíndo fóra para botar o lixo e pouco máis. Que o teu pai non soubo que podería acompañar a túa nai no momento do parto ata o último momento...

    Poderás contar que os primeiros días da túa vida non puideches ter os chuchos, agarimos e apertas de toda a túa familia como moitos outros e como ocorrería se o teu nacemento fora en calquera outra situación. Poderás dicir que naciches cando todo o mundo é quen de opinar e mesmo de xulgar aquilo que se descoñece e os que axuizaban habitualmente con frecuencia e só nunha mesma dirección, agora critican aos que fan o mesmo pero en dirección contraria... criticar, os que criticaban aos que critican por criticar... curioso! E menos mal que polo menos se pode opinar, falar, xulgar, pensar e dicir o que nos pete.

    Os teus avós viviron noutro tempo que iso non estaba permitido e aquilo non o bota ninguén en falta, máis que escuros que nunca aceptarán nada que sexa libre. Curiosa situación na que te empeñaches en nacer! A de que moitas persoas senten un orgullo obrigado e forzado só por aquelas que levan as súas mesmas cores, e rexeitan todo o de aqueloutro que foi pintado de calquera outra cor. Dáste conta?

    Como se calquera fora boa ou mala persoa só pola chaqueta que decidiu vestir. Que tolemia! Pero non te preocupes, non todo é malo neste preciso e concreto momento que ti escolliches. Tamén é fácil ver bondade por todas as partes onde dirixas a mirada. Hai xente, aínda q non o saibas, que dobra os seus esforzos para axudar aos que pouco ou nada lles queda xa, persoas que se esforzan ata a extenuación por salvar vidas arriscando as súas, homes e mulleres que saen aos balcón a aplaudir á boa xente que nin sequera coñecen, xente que ensina e outra que aprende ao lonxe, nenos e nenas que admiten as normas que se lle impoñen pechados e pechadas na casa con resignación e cun sorriso nos beizos... Porque esta situación que escolliches para nacer é diferente e seguramente non a mellor, certo, pero ten o convencemento que desta situación sacaremos máis proveito do que en realidade cremos agora.

    E aínda que che pareza estraño, todo será diferente, nada será igual a antes de que ti naceras. Que consello che podo dar miña filla no teu primeiro día de vida? Que aprendas do diferente, sente orgullo polo dispar, confía e desconfía de todo e de nada, goza, aprende, divírtete, namórate de quen queiras, cando queiras e da forma que queiras... rodéate dos bos e xenerosos, non xulgues sen coñecer, íspete de prexuízos e arróupate de comprensión, salta, baila, aprende e créate a ti mesma... fórmate, escoita, aprende do bo e do malo, experimenta, investiga, pescuda, interésate, proba, sé xusta contigo e coas demais... e cando sintas de preto o sutil olor dunha inxustiza, rexéitao, apertando os dentes tan forte que mesmo che sangren as enxivas... asume, non se pode ser neutral para quen coñece unha inxustiza... medra, ri, emociónate, berra, chora, crea, salta, lánzate, síntete orgullosa do teu e dos teus.

    Ten en conta que está todo por comezar, todo por aparecer, todo por xurdir... Vive miña filla, vive!

    09 may 2020 / 22:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito