Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Paco López-Barxas, escritor

“A Xeración Nós puxo a Galicia no mapa de Fontán”

Nós garda aínda hoxe nas súas páxinas, abertas a todos, a súa enorme forza creadora, toda a súa emocionante paixón por Galicia. É un cofre de papel que encerra un tesouro inesgotable. Poucas veces nun país aparece un fenómeno desta natureza.

“Risco dicía que eran orientalistas respecto a Europa e, sen embargo, con respecto a España dicía que eran europeístas. Ben, é certo que os compoñentes do grupo Nós tiveron a Irlanda como un espello xeográfico, histórico e político no que podía mirarse Galicia”

A relevancia da revista Nós é indiscutible na cultura galega. Aínda que son moitas as publicacións periódicas ao redor de Galicia que viron a luz no último século, xa fosen publicadas na nosa terra ou fóra dela, Nós sempre aparece no horizonte envolvida nunha atmosfera especial, como o gran logro dos verdadeiros pioneiros da modernidade. Nós garda aínda hoxe nas súas páxinas, abertas a todos, a súa enorme forza creadora, toda a súa emocionante paixón por Galicia. É un cofre de papel que encerra un tesouro inesgotable. É o reflexo perfecto dun gran momento transformador e das persoas que decidiron, a través do seu impulso persoal, construír un contexto de palabras e imaxes que servira para entender e para explicar Galicia, que fixera que Galicia avanzase e fora percibida dunha maneira diferente. Nós significou un impulso extraordinario, que non podemos deixar de celebrar con enorme alegría.

Poucas veces nun país aparece un fenómeno desta natureza. Porque poucas veces un grupo de mentes brillantes se confabulan para pór en marcha unha empresa cultural destas características. Para calquera investigador, penetrar nas marabillosas páxinas de Nós segue sendo unha necesidade, porque Nós é unhafonte da que segue a agromar gran parte do impulso a favor da identidade de Galicia do último século, pero tamén é o primeiro gran intento de internacionalización da nosa cultura e da nosa lingua, unha nova mirada cara á modernidade na que Europa era considerada un elemento imprescindible. Nós, xusto agora, a piques de celebrar o seu centenario, reaparece como un instrumento case máxico, unha ferramenta concibida desde a mente dun reducido grupo de inesgotables escritores e intelectuais que tamén pertencían a outros grupos de índole cultural e académica, dentro da gran fervura intelectual e tamén política do momento, pero que, sobre todo, achegaban o seu inmenso entusiasmo por Galicia e amosaban a necesidade depór a Galicia dunha vez no mapa que sen dúbida merecía. Se Fontán foi o autor do primeiro mapa elaborado con métodos matemáticos do noso territorio, se Fontán foi quen de levar a Galicia á vangarda da cartografía, en realidade á vangarda de España e de Europa neste eido, cos seus coñecementos topográficos e a súa mirada ilustrada, non podemos menos que dicir que a Xeración Nós completou o proceso desde o lado literario, etnográfico, antropolóxico, e por suposto artístico.

Porque o labor de Nós foi un labor total. Un labor que vai do académico ao popular, con singular acerto, que bebe das raíces do pobo e que se eleva sobre os aspectos máis nobres da cultura. A afirmación contemporánea de que todo vai do local ao universal, sen abandonar o estritamente parroquial, como dicía Kavanagh en Irlanda, é exactamente a que mellor corresponde ao inxente traballo da xeración Nós. O feito de que este grupo de intelectuais estivese formado por personalidades coincidentes, mais tamén dispares, con intereses en territorios tan diversos como a filosofía, a antropoloxía, a xeografía, a historia, a arte, e, por suposto, a literatura, foi o que proporcionou a Nós a súa inmensa forza, a súa gran capacidade transformadora. Aínda hoxe nos asombra como a revista atende á todas as olladas, a todos os aspectos, con Europa sempre como gran referencia, coa mirada atenta a Irlanda, onde adiviñaban unha alma xemelga. Tanto foi así que, como é ben coñecido, Otero Pedrayo, non sen dificultades, traducirá varias páxinas de ‘Ulises’, de Joyce, ao galego, antes de que a complexa obra do irlandés fose traducida ao español por primeira vez. Só é un exemplo dese interese pola internacionalización da cultura, pola procura de referentes sólidos. Nós marca así, hai xa cen anos, moitas das liñas de traballo e de investigación que están perfectamente vixentes no momento actual, sitúa a Galicia no mapa que Fontán elaborara, e encheuno desa carga significativa, outorgándolle a alma verdadeira da cultura, xunto á precisión xeográfica, tan querida, por outra banda, polos membros da xeración (lembremos que, en 1929, tres membros do Nós saíron de Ourense para pelegrinar á San Andrés de Teixido...: a necesidade de percorrer a pel de Galicia, mesmo físicamente, sempre estivo no espírito do Grupo).

Como é ben coñecido, a revista Nós cumprirá cen anos a próxima semana, desde a súa aparición en Ourense o 30 de outubro de 1920. Detrás da súa andaina atópase, como di Paco López-Barxas, “unha xeración irrepetible”, a Xeración Nós, á que o escritor e xornalista ourensán dedica, por este motivo, unha publicación que sairá á rúa nas vésperas da efeméride. Unha publicación á altura dos protagonistas do “cenáculo ourensán” que conformaron Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas, Noguerol, aos que se uniría Castelao. A obra está ilustrada con collages doutro ourensán, Baldomero Moreiras, e foi publicada na factoría editorial de Teófilo Edicións.

Este novo libro teu, que leva por título‘Nós arredor de nós’, fala, polo que vexo, da importancia desta xeración para os cidadáns do século XXI. É unha mirada contemporánea da xigantesca obra de aqueles persoeiros, unha obra que é necesario reivindicar e salientar, porque a súa enerxía persiste.

Espero que este libro produza no lector unha doble satisfación. Por un lado o placer da lectura e, por outro, o disfrute sensorial dunha edición de luxo para o luxo dunha gran xeración. Creo que nesto coincidimos o editor e máis eu cando falamos de homenaxear deste xeito a unha xeración de vangarda, cuns libros de divulgación que, tanto polo continente como polo contido, estivesen de verdadeá altura da súa importancia.

Como será esa edición que teremos nas mans en apenas uns días...?

Nós arredor de nós é un libro de libros. Unha publicación, en forma de estoxo, que acolle no interior o agasallo de catro exemplares monográficos: Arredor de nós e de Castelao, Eu son Otero Pedrayo, Eu son Risco e o cuarto, Eu son ‘Floro’ Cuevillas. Penso que é unha xoia bibliográfica para gozar cos cinco sentidos, ademáis dun sexto sentido emocional, o da Xeración Nós. Trátase, polo tanto, dunha edición conmemorativa, coa que pretendo homenaxear o espírito daqueles homes que proxectaron os nosos sinais identitarios no plano dunha galeguidade universal, sen a que non podemos entender a Galicia moderna do noso tempo.

Como foron concebidos estes libros? Seguindo en todos eles unha disposición semellante?

Si, todos teñen unha estrutura similar. Nestas páxinas, o que trato é de que os homes de Nós falen de si mesmos, da súa vida e da súa obra, é dicir, en primeira persoa, sen esquecer o seu pensamento, o que din e o que contan deles os seus propios contemporáneos e amigos. É unha maneira cercana de achegarse aeles. Por eso quixen presentalos dunha forma moi sinxela, directa, amena e didáctica, achegando a súa figura e facéndoa máis próxima a todos os lectores que sintan a curiosidade por descubrir a estes persoeiros dunha xeración verdadeiramente irrepetible. Daquela, eu diría que hai texto e máis contexto. Como non pode ser doutra forma cando estamos a falar de Nós, Ourense está moi presente. Neste sentido, o libro está ó alcance de todas as idades de comprensión lectora porque o relato e o retrato están construídos a partir de testemuñas, cartas, artigos... así como, evidentemente, a partir da obra dos integrantes desta xeración.

Como definirías entón este libro?

Pois tal vez dicindo o que non é. Este libro non é un ensaio, esto non é un estudo erudito nin un traballo de investigación, senón un traballo de doada lectura que pretende achegar de maneira divulgativa, repito, a figura destes persoeiros a un lector que non coñece a súa obra. Neste sentido creo que pode ser un estímulo para moita xente. E cada libro pode lerse no tempo que tardamos en percorrer o traxecto en tren entre Santiago e Ourense na actualidade. Polo tanto é un libro de prosa coloquial e xornalística, enriquecido polas espléndidas collages de Baldomero Moreiras.

Nestes día, eu diría que sempre, hai que falar da relevancia da XeraciónNós, un faro da nosa cultura.

Adoito dicir que a Xeración Nós puxo a Galicia no mapa de Fontán. Eles son o GPS que nos leva e que conecta co exterior nos anos vinte. A revista Nós é un espello deste receptor de bolsillo, de este GPS que nos guía polo mundo adiante. Non hai máis que ver nas páxinas da revista as importantes achegas de Castelao no seu ‘Diario’, no que describe o seu peregrinar polo occidente europeo; a tradución dun soneto de Dante de Losada Diéguez; a primeira tradución en galego, dentro dunha lingua peninsular, de algúns fragmentos do ‘Ulises’, de James Joyce, como dis, unha tradución realizada por Otero Pedrayo; ‘Dos nosos tempos’, de Cuevillas; ou os numerosos traballos de Risco, como expresión desde contacto co saber extranxeiro, no que estaban tan interesados.

E polo que se refire á construción de Galicia, como identidade, que significa Nós?

De portas a dentro, a Xeración Nós representa sen dúbida un novo Rexurdimento, tras o legado dos precursores e o esplendor poético de Rosalía, Pondal e Curros; a conexión coas Irmandades da Fala no seu afán por dignificar a lingua e convertela nun idioma actual, desenvolvendo os xéneros literarios menos cultivados como a narrativa, o ensaio, o artigo xornalístico e, sobre todo, o teatro como xénero popular, do que foi un expoñente Cotarelo Valledor cos seus dramas rurais e mariñeiros. A prosa adquire un altísimo nivel en todos os eidos. Hai unhagrande confluencia rexeneradora e modernista neses primeiros anos vinte. Fíxate que o manifesto ‘Máis alá’ de Manuel Antonio é do ano 1922, que é outra chamada para rexeitar os vellos tempos.

Adoitamos falar moito de Risco, de Pedrayo, mesmo de Cuevillas, mais Losada Diéguez é unha figura imprescindible na toma de conciencia galeguista dos homes da Xeración Nós, non sí?

Sí, claro. Risco, Otero e Cuevillas son nun principio elitistas e individualistas ata que, por iniciativa de Losada Diéguez, que está comprometido co agrarismo desde 1914, volven a mirada cara á Galicia, illándose dun mundo materialista que non lles gusta, e no que se sinten realmente inadaptados. O mesmo Otero recoñece que lle debe a Losada Diéguez esta conciencia galeguista. Losada foi, en efecto, “o guieiro” desaxeración.

Cen anos despois, a XeraciónNós ten aínda moito que dicir.

Podemos aprender moitas cousas. Por exemplo que a cultura ten un papel fundamental no desenvolvemento dun país. Vistos individualmente todos son portadores dunha altura intelectual inmensa, dunha calidade humana e duns valores que seguen a marcar moitas das nosas directrices como galegos. Castelao era capaz de tirarlle das orellas a Risco e despois fundirse con él nunha aperta enorme. Temos a sorte de sabernos herdeiros dunha xeración histórica que nos deixou unha obra e unha forma de ser únicas, non sei se repetibles.

Pensaba sobre a importancia das revistas publicadas en cen anos neste país, moitas delas ben coñecidas. Podemos decir que a revista Nós está moi por encima de todas as demais?

Creo que, en maior ou menor medida, sí que ten máis peso que outras revistas contemporáneas como Ronsel, Cristal, Resol... porque a revista Nós céntrase na cultura galega do momento cunha proxección vangardista e universal en determinados contidos, sobre todo literarios, xunto a unha posición abertamente nacionalista. O ideario artístico xa é outra cousa. Véxase o pensamento, por exemplo, de Castelao en canto aos preceptos estéticos da arte rusa ou as contradicións artísticas de Risco. Creo que neste sentido a revista Alfar é, con todos os matices que podemos discutir, máis europeista e progresista. E sen embargo, polas súas páxinas transitaron tamén, non o esquezamos, os escritores da Xeración Nós xunto a colaboradores españois e americanos como Azorín, Max Aub, Alberti, Borges, Cansinos-Assens, Vallejo, Huidobro, ou colaboradores gráficos de moito renome como Maruja Mallo, Gregorio Prieto, Picasso, Benjamin Palencia, Dalí ou Juan Gris entre outros.

Sen dúbida, a revista Nós foi un elemento aglutinador de tendencias estéticas e literarias, unha revista moi diversa e culturalmente ambiciosa, á vista dos seus creadores e colaboradores.

Sí, porque tanto a revista Nós como o Seminario de Estudios Galegos aglutinaron aos intelectuais que daquela trataban de facer unha nova Galicia. De feito, Bouza Brey, Carballo Calero, Pimentel, Blanco Amor, Cunqueiro, Iglesia Alvariño, entre outros, eran “os novos” que, na década dos vinte, debatían con Otero e Risco. A eles, xunto con Cuevillas, debémoslle que fixeran da revista Nós un medio de comunicación e de intercambio coa cultura europea. E a eles, incluído Castelao, debémoslle que acomodaran a lingua para os rexistros da expresión científica e doutras áreas do saber. Na prosa, diría eu, ninguén está á altura da riqueza idiomática dun Otero Pedrayo.

Penso qué é importante sinalar que tal vez hai unha ollada máis céltica, penso eu, en Risco, Cuevillas... Unha preocupación pola materia de Bretaña, as afinidades entre Galicia e Irlanda... Na revista Nós aparecen, como diciamos, traducións de James Joyce, Yeats...

Sí, vamos a ver... Risco dicía que eran orientalistas respecto a Europa e, sen embargo, con respecto a España dicía que eran europeístas. Ben, é certo que os compoñentes do grupo Nós tiveron a Irlanda como un espello xeográfico, histórico e político no que podía mirarse Galicia. O nacionalismo irlandés, que foi o motor da súa independencia, estaba na base teórica e cultural de Risco, Otero, Castelao, Cuevillas, Losada Diéguez, ounas “sagas célticas” de Ramón Cabanillas. Eso é moicerto...!

Ourense ten unha fonda relación con Nós, naturalmente, que por certo sempre tivo o enderezo personal de Risco como a súa sede recoñecida. Como adoitas dicir ás veces, Paco, que ten Ourense para ser considerada como a Atenas de Galicia...?

Pois, por exemplo, no plano cultural ten case douscentos escritores, poetas, intelectuais e investigadores de proxección internacionalao longo da súa historia... Que cidades poden dicir o mesmo...? (sorriso) Ourense é unha cidade termal na que agroma a auga da creatividade a máis de setenta graos. Tense dito, e disculpa que non lembre agora quen o dixo, que despois do Dublín de Joyce (xa que estabamos a falar de conexións con Irlanda), Ourense é a cidade máis importante de Europa. Daquela, permíteme que me sinta orgulloso de ser ourensán...!

Faltaría máis. Paco, ao longo das conversas que tiven contigo no pasado, que non son poucas, sei que coñeciches a algúns membros da Xeración Nós. Cómo foi ese contacto?

Fun afortunado evidentemente, ainda que debo dicir que coñecin máis a algúns dos epígonos da Xeración Nós ou membros do Seminario de Estudios Galegos. A Otero Pedrayo teño a lembranza de facerlle a primeira entrevista da miña vida, sendo eu un rapaz. Tamén entrevistei a Xaquin Lorenzo ‘Xocas’, ao que lembro co seu batín na súa casa da rúa da Paz. Mantiven contacto con Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, Paco del Riego, aos que tiña de colaboradores no periódico que dirixin en Pontevedra, ‘Xornal Diario’, no ano 1991. Con Carballo Calero mantiven correspondencia para facilitarlle algúns datos desde Madrid cando elaboraba a súa ‘Historia da Literatura Contemporánea’. Tamén tiven a sorte de ser amigo e veciño de Ben-Cho-Shey en Madrid, do que Otero dixo que era o máis achegado ao grupo Nós. En fin... O que podo dicir é que de todos eles gardo unha pegada imborrable.

25 oct 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito