Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carta aberta a Caetano Díaz / Educar e vivir na incerteza

Benquerido amigo:

Teño que recoñecer que as súas cartas asombradas do día 10 de maio interpeláronme de maneira moi especial. Na súa primeira carta vostede cuestiona a resposta do sistema educativo ante o grave problema do confinamento que motivou o covid-19. Aposta vostede por unha apertura dos colexios e dos institutos o antes posible e argumenta, con razón, que os que van sufrir as consecuencias deste confinamento serán sobre todo os alumnos e as familias máis desfavorecidas. Pronto o acompañará nesta viaxe o ministro francés de educación Jean-Michel Blanquer e tamén o prestixioso xornal Le Monde cunha editorial na que utiliza os mesmos argumentos que vostede. Na segunda carta afirma con rotundidade que contrariamente ao que repetimos a maioría con insistencia esta pandemia non nos vai cambiar para mellor e escolle vostede como acompañantes a dous grandes escritores, Michel Houellebecq, finalista do Premio de Novela Europea Casino de Santiago, e Yuval N. Harari, gañador do último Premio Bento Spinoza de ensaio. Tiven a impresión de que o que en realidade lle preocupaba a vostede era que nos dous casos pareciamos resignados, é probablemente tiña razón. Vou intentar transmitirlle a miña opinión como lle prometín, uti- lizando o medio epistolar do que vostede é un auténtico mestre.

EDUCAR EN/SEN PANDEMIA

O Centro de Ensino. No que se refire ás respostas dos sistemas educativos non vou negarlle que vostede tiña razón. Era a primeira vez que un confinamento destas características sucedía e os sistemas educativos abordaron o problema que parecía máis preocupante, a posibilidade da perda de coñecementos, como transmitilos on line e como avaliar de maneira razoable. E nisto acordará comigo que o esforzo do noso profesorado foi encomiable e merece o aplauso de todos. É certo que esquecemos talvez de preguntarnos que perdemos cos colexios e cos institutos pechados. É dicir, que aportará un centro de ensino para que un país como Francia considere fundamental volver abrir as escolas o antes posible?

Un centro de ensino é, sen dúbida, un lugar onde ao alumnado se lle transmiten coñecementos pero, sobre todo, é o espazo de garantías e seguridades, fóra do marco familiar, onde alumnas e alumnos segundo as súas necesidades e os seus desexos poderán medrar e construír a súa personalidade en contacto cos seus compañeiros e compañeiras e coas súas profesoras e profesores e onde desexos e soños irán cristalizando en proxectos de futuro.

Non podemos esquecer que para un número importante de alumnos que reside sobre todo nas grandes cidades, aínda que este non é probablemente o caso máis frecuente en Galicia, eses soños pasan por unha comida digna ou por outro espazo que non sexan os corenta metros cadrados do seu apartamento ou o barrio dormitorio onde é difícil respirar ou incluso unha situación fami- liar non doada de soportar.

Para un dos grandes promotores da escola pública gratuíta para todos, Jules Ferry, a escola tiña como rol prioritario ser un igualador social, é dicir levar ao mesmo porto todo o alumnado empezando polo que procedía das clases máis desfavorecidas. Concordo con vostede que para este alumnado o peche dos colexios é un gravísimo problema.

Para os demais alumnos, insisten os especialistas, o peche dos colexios sería un problema menor e incluso insinúan que a ensinanza on line podería remprazar sen dificultades a ensinanza presencial, de feito segundo eles, este sería o método do futuro.

Probablemente se equivoquen porque un centro de ensino é, sen dúbida, un lugar onde se transmiten coñecementos pero é, tamén, moito máis, porque nin sequera eses coñecementos se transmiten de maneira “neutra”, o que non poderían facer os robots ou os algoritmos de Harari porque non senten, nin desexan, nin soñan, nin aman nin odian. É dicir, non posúen emocións nin sentimentos, algo que de momento segundo o neurobiólogo portugués Antonio Damasio, premio Príncipe de Asturias, non está no seu horizonte de posibilidades por moi superintelixentes que sexan. Os Humanos antes que intelixentes somos portadores de emocións, sentimentos, desexos, soños, amores e odios.

Compartirá comigo, don Caetano, que o día que nos centros de ensino o profesor sexa substituído por un robot ou nos hospitais a médica ou o enfermeiro por outro, os Humanos desapareceriamos como raza e tería razón Harari, os robots e os algoritmos ganaríannos a partida. Pero non creo que o aplauso do robot poida substituír o sorriso cómplice, compartido e entusiasta do profesor ante o traballo do seu alumno e tampouco o aplauso doutro robot substitúa a despedida emocionante que os sanitarios lle tributaban nesta pandemia ao enfermo recuperado. E estas emocións xorden porque como diría David Trueba tanto a profesores como a sanitarios vailles a vida no que están a facer.

O profesor poderá amar ou non pero o seu rol, o seu ser íntimo como profesor, é de amar.

O profesor poderá ilusionar ou non pero o seu rol é de ilusionar.

O profesor poderá ser un referente ou non pero o seu rol é de ser un referente.

Educar desde a certeza. Insiste vostede, don Caetano, sobre todo que a estas alturas se algo precisa o sector é preparar o novo curso dende o territorio das certidumes. Recoñezo que ten toda a razón pero para iso os centros de ensino necesitan un proxecto de país que lles ofreza un mínimo de seguridades. Ese umbral de seguridade ten que ver co que foron as nosas fraxilidades nesta pandemia: recursos sanitarios, atención aos maiores, recursos fundamentais como país, garantías mínimas de subsistencia e proxecto de futuro crible, un recoñecemento dos perigos da globalización. Non se pode facer un proxecto de centro de ensino á marxe dos problemas do entorno social no que o centro de ensino vive e respira, por iso ese proxecto de país é algo que necesitamos urxentemente.

Como ve coincido con vostede, eu tampouco espero un gran cambio, un Grand Soir, só un mínimo de cambios que é imprescindible levar a cabo se non queremos manter no horizonte un permanente pesadelo cheo de ameazas.

Ese mínimo de certezas, ese colchón de seguridade será indispensable para que os centros de ensino, as comunidades educativas no seu conxunto poidan plasmar sobre el, xa desde agora, un proxecto de centro crible para o mes de setembro dotado das certezas que vostede reclama e que ademais leve consigo a marca da ilusión. Eses proxectos de inicio de curso probablemente serán diferentes segundo as posibilidades de espazo de cada centro, o número de profesores e tamén segundo cada etapa. Pero sería importantísimo que os alumnos que levan varios meses vivindo nun centro virtual, reanuden dalgunha maneira os lazos co seu centro real a través dese proxecto e poidan xa antes de ir de vacacións visualizar e soñar, nunha palabra “sentir”, o que vai ser a súa realidade no mes de setembro e poñer, así, un punto final ao curso que termina.

QUE NOS ESTÁ PERMITIDO ESPERAR?

O mundo irá a peor. Entendo o seu pesimismo ante as proclamacións piadosas de que todo cambiará para mellor nun marco de relacións crispadas nas que un mínimo de empatía brilla pola súa ausencia. As chamadas a unha necesaria solidariedade internacional que fan os grandes pensadores de Sloterdijk a Zizek pasando polo mesmo Harari chocan cunha realidade que non permite albergar moitas esperanzas incluso na mesma Europa da que formamos parte.

As reflexións dos dous grandes escritores que vostede cita, Houellebecq e Harari, son preocupantes. Para os dous o gran desenvolvemento tecnolóxico está a provocar a nosa degradación como Humanos como insiste continuamente Houellebecq e levaría consigo a nosa substitución por algoritmos superintelixentes como nos promete Harari. É certo que os dous impresionaron a políticos e a emprendedores coma a Obama, Macron ou Bill Gates. Probablemente non impresionarían nin a Helmut Kohl nin a François Mitterand. A Kohl porque xa coñecía os proxectos de mellora de raza do nazismo e ademais era un pragmático dotado dun instinto especial para distinguir o importante do accidental, e tampouco a Mitterand porque acumulaba demasiadas lecturas.

Tanto Houellebecq como Harari insisten en que os avances tecnolóxicos ao mesmo tempo que aportan melloras están a transformarnos de tal maneira que corremos o perigo de converternos noutra raza.

Que un perigo existe é certo, xa nolo anunciou Heidegger a mediados do século pasado. Heidegger, ademais do seu lado oscuro, tiña intuicións lúcidas que recolleron poetas como René Char, ou o propio Jacques Lacan. Heidegger, ao mesmo tempo que nos anunciaba o perigo, indicábanos cal era o camiño da salvación utilizando un fermoso poema de Höderlin: “Alí onde está o perigo, medra tamén o que salva”. A nós de entender a mensaxe! María Zambrano, Premio Cervantes, máis cerca de nós lembrábanos tamén esa mensaxe.

Por outra parte polo que se refire ao perigo da robótica e dos algoritmos cos que nos ameaza Harari, a nós tamén de coñecer ata onde chega o que Heidegger chamaba o perigo da “técnica”! Compartirá comigo que non existe un perigo inminente para que os Humanos desaparezamos pero si para que o Humano se degrade fortemente. Definir a utilidade e a función da técnica no desenvolvemento do conxunto do universo é probablemente a nosa gran materia pendente xuntamente coa aposta pola defensa do planeta.

Que podemos construír? Primeiro temos que ser conscientes de que o telón de fondo da nosa realidade é a Incerteza, nunca existiu a seguridade total como nos sinala o profesor Ángel Gabilondo e nos lembra o profesor Abraham Rubín nun precioso vídeo. A certeza nunha seguridade total debémoslla á nosa crenza en que somos todopoderosos; o soño da omnipotencia e da omniscencia é unha enfermidade infantil da humanidade que aínda que é unha etapa normal na maduración dos nosos nenos e nenas non deixa de ser un grave perigo na idade adulta. Compartirá comigo e co prestixioso psiquiatra e psicoanalista J. D. Nasio que unha cura de humildade do conxunto da sociedade, dos científicos aos políticos e aos empresarios pasando polos cidadáns de a pé debería ser para todos unha prioridade e unha das principais aprendizaxes desta paralización mundial que nos provocou un simple virus. O mesmo profesor Gabilondo, en vez de grandes solucións de futuro máis ou menos fantasiosas, suxire que o fundamental sería construír un Espazo ao que todos puideramos aportar ideas e proxectos cos que iríamos construíndo eses territorios das certezas que vostede reclama, sempre co telón de fondo da Incerteza que non veu para quedarse senón que estaba aí dende sempre.

E agora, que ?, Dirá vostede. Pensei, don Caetano, proporlle dúas opcións, u nha a da esperanza que personificaría Boris Cirulnik, o gran teórico da resilencia, que afirma que en situacións extremas os Humanos somos capaces dunha resistencia case ilimitada.

A outra apelaría máis ben á ilusión e ao esforzo que simbolizaría unha fermosa frase de Fernando Pessoa, quen tanto admiraba o pofesor Carvalho Calero: O homem é do tamanho do seu sonho.

Os Centros de Ensino e os Países tamén son do tamanho dos seus sonhos!

Vostede seguro que adiviña cal é a miña preferencia.

E xa para rematar gustaríame compartir con vostede a confianza e a seguridade de que, sen lugar a dúbidas, os nosos centros de ensino estarán á altura do difícil reto que lles espera no mes de setembro. O éxito do inicio do curso de bería ser unha prioridade para todos. A nós de construílo desde xa! Saúdos moi cordiais. Foi un pracer. Siga interpelándonos.

07 jun 2020 / 02:11
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.