Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Colleita galega 2021: a poesía, no seu mellor momento

Entre os autores do ano, Diego Ameixeiras, Manuel Rivas, Marilar Aleixandre, Ismael Ramos, Ledicia Costas, Francisco Castro, César Souto, Domingo Villar, Rosa Aneiros, Cecilia Santomé, Rodrigo Costoya, Alberto Lema e Manuel Veiga e o labor como tradutores de María Alonso Seisdedos, Darío Xohán Cabana, María López Suárez, Luciano Rodríguez e Samuel Solleiro

En lingua galega, ségueme parecendo que o labor das nosas dúas grandes editoriais históricas, Galaxia (as súas edicións actualizadas da Biblioteca Nós son extraordinarias, luminosas e imprescindibles) e Xerais, é encomiable, mais tamén a de diversas editoriais máis pequenas, con achegas brillantes e a miúdo vangardistas.

Galaxia multiplicou os seus títulos e realizou un esforzo en poesía que non deberían perderse. Son tantas as novidades de poesía (colección Dombate) e é tal a forza deste xénero en Galicia que lles convido á aventura de descubrir a grandes poetas: desde Isaac Xubín a César Souto Vilanova, pasando por Carlos Callón (‘A abertura da boca’) a Pilar García Rego (‘Humanario’).

Por suposto, cómpre citar como unha das grandes referencias poéticas do momento a Ismael Ramos (‘Lixeiro’, Xerais). Noutros selos, importante a gran actividade tradutora que está a levar a cabo Lupe Gómez da súa propia obra en galego (xunto a outras traducións xa publicadas), unha autora nun gran momento creativo que se reivindica con varios premios nas últimas semanas. O seu incansable labor literario aparece representado tamén polos premios otorgados en 2021 a ‘Muiñeira da Pinguela’, que gañou o primeiro premio no X Certame de Poesía Leiras Pulpeiro e a ‘Montaña loga’, premio de poesía Fiz Vergara Vilariño. E, desde logo, cómpre salientar aquí o labor editorial encomiábel, contra vento e marea, de Chan da Pólvora, Apiario (‘O que fica fóra’, de Manuel Rivas, un dos libros importantes de 2021) e por suposto a coruñesa Medulia Editorial, cun catálogo excelente, que non deixa de medrar, entre outras.

Tamén en poesía quero sinalar a importancia da publicación de ‘Un edén diferente’ (Dedalus Press), unha antoloxía en inglés e galego de poetas irlandeses e galegos ao redor da natureza e a perspectiva ecolóxica contemporánea. Esta excelente antoloxía, editada por Keith Payne, Lorna Shaughnessy e Martín Veiga, continúa a tradición doutras antoloxías, tamén de poetas galegos e irlandeses, publicadas en anos pasados por Manuela Palacios (Salmon Poetry, xunto a Mary O’Donell, Libros da Frouma, etc), ou, no ano 2020, por Antonio de Toro e quen escribe estas liñas, unha antoloxía trilingüe (inglés, galego, castelán) ao redor de Fisterra e seu simbolismo, que apareceu en Medulia.

Dentro da Biblioteca da Fisterranía, xa que de Fisterra falamos, paréceme necesario sinalar a publicación en 2021 da obra selecta de Francisco Esmorís Recamán, en magnífica edición de Modesto Fraga.

Ao meu ver, cómpre destacar, no capítulo de ficción, co risco de deixar títulos salientables fóra, a Diego Ameixeiras (‘O cervo e a sombra’, Xerais) e a Ledicia Costas (‘Golpes de luz’, Xerais), do mellor deste ano 2021. Igualmente, Marilar Aleixandre (‘As malas mulleres’, Galaxia), excelente retrato social das mulleres excluídas, ingresadas no cárcere de Galera. Da mesma maneira, parécenme destacables libros como ‘A velocidade crítica’, de Ramón Caride Ogando (Embora), as ‘Cartas de Bernardino Graña’, de Héitor Mera (Morgante), ou ‘Misarela’, de Rodrigo Costoya (Galaxia), volume monumental de máis de mil páxinas que segue a investigar na historia de Galicia desde a óptica dos enigmas, agora ao redor do final da Idade Media. Finalmente, lembrar aquí os premios García Barros e Narrativa Breve de Repsol para ‘Pazo de Inverno’ de Alberto Lema (Galaxia) e ‘Eternity’, de Xosé Monteagudo, na mesma editorial. Do mesmo xeito, considero moi recomendable, en publicación ilustrada, ‘Anacos da vida’, de Víctor Rivas (Galaxia), un relato emocionante da vida cotiá na contorna rural.

No ano da desaparición de Darío Xohán Cabana, paréceme importante sinalar non só toda a súa obra, imprescindible sempre, senón a súa derradeira e excelente tradución, ‘Xácome o Fatalista’, de Diderot (Galaxia).

Absolutamente imprescindible tamén é a biografía de Castelao escrita por Miguel Anxo Seixas: ‘Castelao, construtor da nación’. Trátase dun traballo monumental e rigoroso. O derradeiro tomo desta obra extraordinaria vén de ser publicado hai apenas un mes por Editorial Galaxia xunto ao Consorcio de Santiago. Estamos, como dicimos, ante un traballo de referencia que, por unha banda, consolida as excelentes biografías dos personaxes incomparables da historia e a literatura galega que poden atoparse no fondo editorial de Galaxia, e, por outro, ofrece unha visión moi completa da complexa biografía de Castelao, unha visión alternativa aos moitos traballos e estudos biográficos que existen sobre o autor de Rianxo. Nesta triloxía de Miguel Anxo Seixas Seoane atopamos a mirada máis próxima e doméstica de Castelao, pero tamén unha análise profunda da súa traxectoria pública e política, particularmente, neste último tomo, a súa etapa en Arxentina, as súas viaxes a Nova York e México, o seu traballo a favor da República, con abundantes testemuños froito dunha ampla e rigorosa investigación, como, por exemplo, a utilización de numerosas cartas que supoñen unha fonte imprescindible de coñecemento, non só da vida de Castelao, senón doutros grandes personaxes da intelectualidade galega do momento. Unha obra asombrosa que non debería faltar nas bibliotecas deste país.

Igualmente, quero sinalar a relevancia da recente publicación de ‘O idioma galego baixo ou franquismo’, de Henrique Monteagudo, tamén en Galaxia. Este volume, que acaba de saír do prelo, paréceme un dos libros fundamentais de 2021 no que se refire á contextualización da lingua galega nun período de política represiva, a ditadura, á vez que se estuda o que se deu en chamar a resistencia político-cultural galeguista, o activismo da cultura, o grupo Galaxia, Ramón Piñeiro, a lingua galega na Arxentina, etc. Este libro, que, como se indica, é unha continuación da ‘Historia social da lingua galega’, abonda no territorio investigador ben coñecido de Henrique Monteagudo e ofrece, sen dúbida, un panorama detallado e clarificador da evolución da lingua galega no contexto histórico, “da resistencia á normalización”.

Finalmente, dentro do capítulo imprescindible de recuperación dos grandes clásicos galegos, e ao calor da celebración do centenario de 2020, incidir unha vez máis no excelente labor editorial que leva a cabo Galaxia coa publicación da Biblioteca Nós. Entre os últimos volumes (reimpresiones e actualizacións), salientar os ‘Escritos políticos da época republicana’, de Castelao, o ‘Triptico teatral’ de Antón Vilar Ponte (que conta cun limiar de Inma López Silva), ‘O porco de pé’, unha edición anotada de Risco, as ‘Prosas Galegas’, de Florentino L. Cuevillas, ‘Do ermo’, de Antonio Noriega Varela. Foron moitos os textos sobre Nós publicados en 2020 e tamén en 2021, algúns deles analizados xa polo miúdo nestas páxinas, como, entre outros moitos, o libro electrónico en EPub, que recolle os 144 números de Nós (Xunta de Galicia), ou o estoxo ‘Nós arredor de nós’, de López-Barxas (Teófilo), ou a selección ‘Do mellor de Nós’, de Hércules Edicións, recompilado por Camilo F. Valdehorras.

JAVIER PINTOR (ASESOR CULTURAL, CRITICO, FORMADOR). Un libro delicioso e moi recomendable é ‘Algúns contos completos’ de Domingo Villar, en Galaxia. Moi interesante paréceme ‘Sibila’, de Rosa Aneiros (Xerais), unha novela construída sobre o silencio e as imaxes, amasada co peso do pasado, cos vestixios de odios remotos. A novela é como unha expirar na que tes que entrar. E, por suposto, ‘Golpes de luz’ (Xerais, Destino), de Ledicia Costas, coa súa poder para o misterio e a intriga, pero tamén polo tema dos afectos. Nesta novela vemos o mundo a través de distintas ópticas xeracionais. Gustoume moito tamén a última de Ameixeiras, o gran autor de novela negra en Galicia, sen discusión. Ninguén debuxa como el os mundos máis sórdidos.

Por último, citarei ‘As mellorestendas de Madrid’ (Xerais) de Manuel Veiga Taboada, sobre a crise de 2008, e ‘Unha rapaza de provincia’ (Xerais), de Cecilia F. Santomé.

Non quero deixar de citar o último de Xavier Seoane, ‘Razón do desencanto’, que apareceu, en versión bilingüe en Reino de Cordelia. Sempre no seu ton de celebración da vida. En poesía galega quero recomendar como un dos nosos grandes autores a Ismael Ramos, con ‘Lixeiro’, (Xerais) e a súa mirada asombrada do mundo.

MERCEDES CORBILLÓN (CRONOPIOS, SANTIAGO E PONTEVEDRA). En lingua galega quedo coa última obra de Diego Ameixeiras, ‘O cervo e a sombra’ (Xerais) que borda o xénero negro e a mirada aos que viven á marxe, un ‘noir’ ourensán que non ten nada que envexar aos grandes do xénero.

Marabillosa é ‘Golpes de luz’, de Ledicia Costas (Xerais), que nos agasalla cun personaxe inesquecible, unha avoa algo demente, poderosa, agarrada a un martelo como o deus Thor, un relato familiar cheo de tenrura e humor onde tampouco falta unha trama que desenredar.

Destacaría tres poemarios dentro da inesgotable e excelente creación poética galega: ‘Lixeiro’ (Xerais), de Ismael Ramos, tamén en castelán en La Bella Varsovia, ‘Humanario’ (Ed. Galaxia), de Pilar Rego e ‘O que fica fóra’, de Manuel Rivas, unha xoia editada magníficamente por Apiario.

PACO LÓPEZ BARXAS (XORNALISTA, ESCRITOR). Na ficción elixiría a Francisco Castro, co excelente ‘O cemiterio de barcos’ (Editorial Galaxia). Unha estupenda novela de aventuras e misterio.

Vou citar, aínda que o orixinal sexa en castelán, a tradución galega de ‘O infinito nun xunco’, de Irene Vallejo. Un libro aclamado en castelán, mais agora traducido magníficamente por María López Suárez en Edicións Xerais. A oportunidade de ler en galego un texto imprescindible.

No terreo poético, destacar a edición bilingüe de ‘Catorce retratos de muller’ de Antonio Colinas (Medulia Editorial), en edición de Luciano Rodríguez, que xa dera a luz previamente, no mesmo selo coruñés, ‘Leccións de poesía para nenas e nenos inquietos’, de Luís García Montero. Moi recomendable.

ESTHER GOMEZ (LIBRARÍA MOITO CONTO, A CORUÑA). E aquí a miña listaxe dos mellores libros en galego no ano que vén de rematar.

‘O que fica fóra’. Manuel Rivas (Apiario). Esta obra é moito máis que un poemario, é tamén unha cartografía particular e colectiva con esa mirada única que crea o poema onde estamos afeitos a ignorar, no que nunca ocupa o centro, co que sae polas marxes, esa línea do horizonte que non te cansas de imaxinar, un libro conmovedor cunha edición e unha estética espléndida.

‘As malas mulleres’. Marilar Aleixandre (Galaxia). O retrato social que contrúe a autora mestura ás mulleres de clases baixas de familias máis humildes ingresadas no cárcere da Galera, onde van parar as mulleres de “mala vida”, coas personaxes femininas que ocupan espazos privilexiados na sociedade do momento. Unha ficción para deixar a un lado a desmemoria e potenciar o alento que poder ser a lectura nos momentos máis desesperanzados.

‘Os libros que hai en min’. Emma Pedreira (Cuarto de inverno). Unha das sorpresas do ano que está facendo máis felices ás lectoras e lectores é ‘Os libros que hai en min’. Unha grande idea tramada probablemente polas editoras de Cuarto de inverno propoñendo a Pedreira reunir experiencias, recordos e vivencias en torno ao que supoñen os libros nasúa vida.

A escritora abre o texto a xogarcunha estructura divertida, ao tempo que conta moitas anécdotas con humor e referencias literarias sen fin. O conxunto achega frescura para calquera letra ferida. O convite a tomar un té literario con Emma Pedreira seduce desde a cuberta cunha fermosa ilustración de Lorena Conde.

‘‘Canto eu e a montaña baila’. Irene Solá (Kalandraka). Estupenda tradución de María Alonso Seisdedos. Sabendo que esta xoia da literatura catalana chegaría neste 2021 ás miñas mans en galego agardei para gozar dun texto que viña con grandes referencias de crítica e público. Unha historia marabillosatecida con outraspequenasnarracións do pasado, do presente e do futuro. Un texto evocador e poético que da voz a homes e mulleres reais e tamén a seres fantásticos nunha oralidade de perfecta polifonía narrativa.

‘O cervo e a sombra’. Diego Ameixeiras (Xerais). Esa tensión que aporta Ameixeiras a calquera novela tamén é o que nos fai desfrutar coas súas historias de personaxes que buscan engancharse á esperanza. Na historia de Mateo hai moito de novela negra, ese xénero no que o autor medra cómodo mentres desasosega ás que o lemos con gusto polo seu estilo.

Mención aparte e especial para o ano de Xela Arias e o importante que resultou a súa obra para librerías e lectoras. A ‘Poesía reunida’ publicada xa hai uns anos por Xerais, acadou lugar de honor este 2021 no que tamén se publicaron outras obras importantes que resaltaría como conxunto.

E outra mención especial para a tradución que a editorial Chan da Pólvora fixo da Premio Nobel Louise Glück da man de Samuel Solleiro. Neste ano foron as obras ‘Receitas de inverno desde a comunidade’ e ‘Noite fiel e virtuosa’. Un gran luxo ter e posibilidade de ler a Glück en galego.

09 ene 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.