Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Entre trincheiras

Durante séculos, o simple feito de achegarse ó campo de batalla foi practicamente sinónimo de morte. Tanto polas feridas na contenda como polas enfermidades derivadas do ambiente sabíase que se alguén entraba en combate, non tiña moitas posibilidades de volver á casa. Curiosamente, a historia da filosofía e da literatura levan desenvolvido este tema en numerosas ocasións: a vida consiste nun feito gradual, nunha construción efémera, lenta e tediosa que en calquera momento pode rematar de forma abrupta. Así, a través deste factor común, conséguese a redución entre distancias físicas e cronolóxicas ata chegarmos a niveis ínfimos. Resulta paradoxal pensar que a intimidade e os medos dun samurai xaponés no contexto do asedio de Osaka durante o período Edo non debían de distar moito dos temores dun irmandiño compostelán. Probablemente a incerteza, os degoiros e os sufrimentos polo porvir que puidese sentir un partisano da resistencia italiana acubillado tras dunha silveira serían semellantes ós que experimentaría un guerreiro inca do Perú mentres mastiga folla de coca. O contexto histórico, político e socioeconómico, as motivacións, as armas ou as divindades protectoras poderían cambiar en tódolos casos, pero a decisión de loitar corpo a corpo e antepoñer a propia vida en favor dun ideal é común.

Se noutro tempo, a natureza das cruzadas era complexa de explicar, a da actual –que moitos dan en denominar así– roza o surrealista. Fálase dun inimigo que, aínda que ninguén poida ver, a xente si pode tocar. Advírtese sobre un invasor que deixa un tráxico regueiro de vítimas mortais, pero no seu día non foi declarado o estado de sitio, senón o estado de alarma. Fanse contínuas referencias nos medios de comunicación a “unha guerra na que todos debemos loitar, na que todos estamos implicados”, pero as autoridades instan á cidadanía a que lave as mans. Aínda que poida parecer contraditorio, mobilízase a poboación para que, de se atopar co seu opoñente, permaneza calma no seu domicilio.

Os feitos falan e apuntan a que quizais a terminoloxía bélica non sexa a que mellor se adapta para referirse á situación que se está a vivir. Con todo, algo é certo que cambiou. Mentres antes os aliados loitaban para matar, agora mulleres e homes loitan, en primeira liña de fogo, para salvar vidas.

18 jul 2020 / 20:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito