Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Historias orais: o fútbol rexional na Galicia do século pasado

Os derbis entre as parroquias galegas do século pasado marcaron a vida social no rural galego. Non había parroquia sen o seu equipo de fútbol, de xeito que en en cada concello o que sobraban eran derbis. Na década dos 60,moitos dos partidos xogábanse con zocos eos equipos non estaban nin federados. Os campos eran leiras onde agromaban os cañotos dos toxos, que foron deixando sitio á area ou máis tarde á grava que sobraba das estradas, como no do Lombao, en Ames. No de Portomouro, por exemplo,deixáronlle augas cara a un costado e presumíadun bo anaco de peneda viva na beira dunha das áreas. Nesta situación estaban a maior parte dos terreos de xogo, sen auga quente, mellor dito, sen auga. Ás veces, os xogadores tiñan que sacar a lama nos regatos próximos, fose verán ou inverno. “Os equipos da montaña” tiñan fama de correúdos e moi físicos, nunha época en que o deporte non estaba exento de violencia. Nunha ocasión, o Santa Cruz de Montaos dixo que a auga estaba morna e foron bañarse ao Gato Fero, en Grixoa, nun domingo de invernada. Era unha mostra de ostentación e valía. A eles non os tramaba o frío.O nome do río, tampouco lles puxo medo.

Os partidos de solteiros contra casados eran o referente das festas parroquiais. Ninguén quería perder para non pasar a vergoña de saír despois á noite no palco da música, vítima das chanzas e burlas. Porque a entrega da copa era un acto institucionalizado no descanso do baile. Estatisticamente, poida que os solteiros gañasen en máis parroquias, pero eu sei de varias que tiveron equipos senlleiros, onde os casados foron duros de roer e gañaron ben anos seguidos.

Case todos os equipos tiñan, como os filósofos, unha frase propia ou un alcume, e como non, algún xogador que destacaba non só polas virtudes técnicas. Un que sacaba de fóra de banda con máis forza que co pé, outro que tiña un tiro descomunal, outro que era moi grande... porque aquel Mikasa enchoupado,era moito Mikasa!

Foron famosas as vellas de Tapia que encirraban aos seus:

- Dálle! Dálle! Mándamo para aquí que lle dou eu!

Ninguén quería xogar de interior ou extremo, e algúns contan que as puntas dos paraugas entraban e saían pola liña de banda, ata cando quentaba o sol.

As avoas e as nais eran grandes afeccionadas. Os domingos era un día no que non só a misa congregaba os veciños. Gañarlle aos equipos da contorna era unha cuestión de honor, que non sempre remataba ben. Pero a agresividade e a violencia no deporte non foi unha realidade exclusivamente galega. A entrada a Amancio ou a do pai do xogador de moda, Haaland, por parte de Roi Keane tiveron lugar na Premier e na liga española, por poñer dous exemplos, e non na Rexional Galega. Aquí había moita linguaxe verbal, acompañada da xestual:

- Jabalí! Jabalí! Volves por máis? Vente! Vente! que vas ir quente!

E case sempre, da man dalgún que outro xuramento, que moi frecuentemente o árbitro non quería oír, para non abrir a caixa de Pandora. Tamén é verdade que a Garda Civil tivo que comparecer en non poucos encontros por conatos eactitudes de violencia entre xogadores ou co árbitro. Foron situacións, afortunadamente superadas para ben, porque o deporte foi deixando atrás estes tristes comportamentos asociados. Algúns destes equipos parroquiais correron sortes dispares. Uns poucos seguen co mesmo nome e outros, ou se fusionaron, ou, como o Grixoa, que chegou a competir na terceira división galega, desapareceron, sen deixar máis rastro que as lembranzas, os goles e as páxinas de Juan A. Fernández Ducrós, nun libro de recompilación da súa historia.

En todos estes equipos,nacidos a carón dunha parroquia había unha persoa ou persoas que traballaron de forma altruísta para que os rapaces puidesen practicar deporte. Os pais non acostumaban a levar aos seus fillos, como agora. Estas persoas,ás que non lles vou poñer nome, pero que todos os que vivimos esta época temos presentes, carrexaban aos xogadores cos seus coches particulares aos partidos e aos adestramentos. Grazas a eles, a Liga de Rexional Galega foi unha realidade no último terzo do século pasado. Hoxe, entendemos que ao igual que se paga unha clase particular ou unha formación específica, teñamos que sufragar a formación deportiva dos nosos fillos, entre outras cousas, porque diversos profesionais e adestradores botan con eles, ensinándolles os valores deportivos, varias sesións durante a semana. Trinta anos atrás, ninguén pagaba por iso e foi o labor desinteresado destas persoaso que permitiu a práctica deportiva e a intensa vida social, marcando unha época e unha xeración.

Permítanme contarlle unha, das innumerables historias reais. Podería dicirse que cada campo galego ten a súa:

No campo do Grixoa, ao pouco de iniciarse a segunda parte, o equipo local dispoñíase a sacar un córner, mentres toda a grada apremaba enriba da cemba e embaixo dos carballos, ao tempo que soaban os improperios ao árbitro, propios da época. Hai que dicir que, estoicamente, tiñan que escoitar o que non estaba escrito. Neses instantes previos ao lanzamento do córner, entre tanto ruído e tensión, un vello pousado na varanda díxolle, non moi alto:

- Árbitro! Vai escollendo carballo!

Os dous equipos viron como o árbitro botaba a correr cara aos vestiarios, sen saber o porqué. Pasaban os minutos e o árbitro non volvía. Os xogadores nun primeiro momento pensaron que lle dera un apertón. Os capitáns baixaron e foron petarlle á porta.

- Está vostede ben? – Preguntáronlle.

-Estou. Estou. Pero, ameazáronme de morte e ata que veña a Garda Civil, eu de aquí non saio!

A cantina traballou ben aquela tarde. A xente riuse do conto. O patrón nunca pensou nas consecuencias nin menos na literalidade da súa ameaza. Pero, terían que pasar moitos anos para ir entendendo que, sen respectar o xuíz, os compañeiros e adversarios dun deporte, non se practica ningún deporte. Historias reais como esta forman parte de moitos dos campos abandonados pola xeografía galega. Se nos achegamos a eles, aínda podemos escoitar o público berrando ou, como no caso do Grixoa, apañar as landras dese carballo, que foi quen de parar un partido.

21 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito