Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 26 octubre 2021
02:31
h

Historias orais: os xemelgos de Bachao

En Santa Cristina de Fecha, en fronte dos restos do castelo de Portomeiro, augas arriba do mosteiro de Novallis, o Tambre lembra os matíns do priorado das Cernadas, cando o aire está do vendaval. Curioso que aos canóns do Tambre se acheguen ingleses e alemáns, guiados por GPS para visitar a “Casa Grande do Bachao” ou os restos dunha ponte colgante esfiañada e manca, que reclama a berros unha restauración, e que os composteláns non saiban nada do que ocorre nos seus dominios.

Na última conversa cos actuais propietarios da Casa rural, recoñecida polos grandes operadores internacionais, como un dos mellores establecementos hoteleiros de toda España, bramaban por un exceso de normativas e impostos, cando teñen o acceso por estrada (dependente do concello compostelán) deplorable e cheo de fochancas, como a única queixa reiterada no libro de visitas. - Unha vergoña! - Confesaba a propietaria, logo de amentar os máis de 5000€ de IBI. Non tiven máis valor que lembrarlle aquelas palabras de Tácito: “cantas máis leis (normativa), máis corrupción do Estado” (corruptissima Republica, plurimae leges, Annales, lib. III, 27) que non sei ben, se serviron moito de consolo.

Dicía hai nada, que só sobreviviu desta ponte colgante, un dos estrobos de aceiro daquela enchente de outubro de 1987, cando houbo que evacuar Noia e a Serra de Outes, ante o temor de que rebentase o encoro de Barrié de la Maza. Un servidor, de mozo, cruzouna ben veces co cesto, coas botas “Gaviota” e a cana. Os arames por varandas, non axudaban a gardar o equilibrio. Iso, si era atravesar unha ponte colgante! Hoxe, cando me lembro, aínda me sinto como Indiana Jones.

Dicía tamén, que era moi salientable que toda Compostela ignore o que o seu concello agocha cara o seu reino do Norte: castros da idade do ferro, como o de Fontoade, en Lamascal, ou o Castro Maior, ambos en San Xoán de Fecha; petróglifos como a “Peneda que fala”, único por gravarse nunha pedra case vertical e que perdeu a fala por mor dos eucaliptos que a afogan, ademais de pirófilos, verbofílicos.

Foi un poeta do bronce, quen lle deixou no corpo esas marcas. “O carballo do inferniño”, que cada 33 anos sobrevive a escorreduras na Corga. “O campo do mercado”, que lembra unha feira baixo-medieval. “Auga Santas”, coas súas sete fontes derredor da capela, moi preto da Casa Rosinda, en Chaián. “A corte das cabras”, unha gran peneda no castro de Xavestre, que dispón dunha sala interior sobre un meandro do Tambre, e que conta nos parrulos coma se fosen herbas. “Os campos da barca”, que evoca os barqueiros do Tambre, sendo a única barca que non tivo un uso de pasaxeiros... “o Camiño dos defuntos”, que...

Máis alá do reino do norte, nos montes que fendeu o Tambre, Bermúdez de Castro lembraría o seu liñaxe naqueles vixiantes de Portomeiro, protexendo as terras dos Montaos cara o val de San Mamede de Piñeiro e o paso do Dubra. E augas arriba, cara Ponte Albar, noutro castelo sobre o monte Pica, da man dun infanzón, D. Pedro Albar, vixiando o paso cara a cidade do Apóstolo. A ponte que leva o nome, ben sabe do estupro dunha moza do lugar, á que guindou ao Tambre morta, logo de forzala; pero desta historia falarei noutra ocasión. Non sei se estas cousas interesan aos composteláns de hoxe, pero dou fe que si o foron, non hai tantos anos.

Na revista mensual Vida Gallega (1909-1938) un artigo asinado por Ortiz Novo, (nº433, decembro de 1929), titulado “Por tierras de Fecha”, recolle nun tono bucólico todos estes paraxes do reino do Norte: “Esta fábrica fue la mejor de Galicia, antes de surgir la grandiosa de Noya (...) Según descendemos repetimos las palabras rituales de un exorcismo, que nuestro cicerone aldeano dijo al relatarnos: «Auga bendita ás miñas leiras! Meigas e bruxas pras silveiras!»” (pp. 15-16). Artigo que se publicaría, case idéntico, un ano despois no diario El Compostelano (nº 2910, Santiago, 3 de xaneiro de 1930) baixo o título: “Caminando por tierras de Fecha”.

Outra columna no Ideal Gallego, tamén nese mesmo ano, baixo o epígrafe do “Arzobispado de Santiago, Descripción histórico-geográfica de sus feligresías”, adica a “San Juan de Fecha, Enfesta” unha atención especial nos seguintes termos: “En el muy notable Castro grande de esta feligresía se ve una gran piedra de forma de hongo que los paisanos conocen con el nombre de «pedra do parágoas», y que sin duda alguna debe ser el menhir a que se refieren varios autores. En los altos montes que forman la cordillera del Tambre, llenos de vegetación (...) (Ano XIV, nº 3221, 13 decembro 1930).

Unha morea de cousas agardan por un “roteiro” do norte de Compostela, mais, porén, algunhas delas non se poderán atopar, como por exemplo por onde atravesaron os romanos o Tambre ou que foi dos xemelgos de Bachao. Respecto da primeira, o Itinerario Antonino, o mapa de estradas da Roma antiga, que divide as vías en mansións (distancia media para acometer nun día) e as mide en “milia passum” ou en “stadia” (medida preferiblemente náutica) sitúa tres das vías romanas (Vía XVIII, XIX e Vía XX, ou per loca maritima) atravesando a Gallaecia desde Bracara Augusta, nó importantísimo ao que chegaban e saían, ata seis Vías ou arterias de comunicación da península.

Pois, a “Per loca maritima” é o maior reto para os investigadores. Se ten parte marítima, se non a ten, se vai pola costa, se a mansión Ad Duos Pontes é Pontevedra, ou Portomouro... Un galimatías!, porque, ata que apareza algún milario que nos quite de dúbidas, ninguén pode afirmar con rotundidade por onde pasou Roma a cabalo do Tambre. Coido que é un segredo inconfesable, que o Tambre non quere contar.

Respecto da segunda, tiven que falar cos descendentes do Enfermeiro Maior do Hospital Real de Santiago, Manuel Mansilla, que no s. XVIII, tomou posesión do seu cargo, para deixar parte da súa familia en Bachao. Os enfermeiros maiores tiñan que ser célibes, coa obriga de durmir e permanecer no Hospital, salvo excepcións autorizadas.

Pois, probablemente familia e sobriños deste Enfermeiro Maior asentáronse en Bachao e foron testemuñas dunha historia, tan macabra, como propia dun romance popular.

Dous nenos que sempre xogan, / o seu medio irmán que mira; / cobizas que veñen soas, / antes de vir a partilla. Que de noite os enganaron, / aos xemelgos, / cando volvían de Bargo, / de moer centeo. / Pitos ten a galiña, / todos xuntos nunha eira. / Dá gusto velos piar, / ata que un pilla unha herba. / Que de noite os enterraron, / aos xemelgos, / en Santa Cristina de Fecha, / a carón dun rego.

Fora por unha falsa becha ou fora por unha mala herba, os xemelgos da devesa de Bachao nunca regresaron, nin nunca máis se soubo deles. Os máis vellos din que os arroupan os carballos, cada outono, con estima.

01 ago 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito