Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Outras pandemias na Galicia. A peste

A palabra pandemia, procede do grego “pan”(todo) e “demos” (pobo). O que se expande por todos os territorios. Hai matices diferenciais coa palabra epidemia, que comeza co prefixo “epí” (sobre). Nalgúns casos é moi difícil saber con exactitude histórica o axente causante desa doenza.

Que teñamos pouca memoria histórica semella que non só é cousa dos peixes. As enfermidades camiñaron canda o home desde os seus inicios e algunhas, polo alto grao de contaxio ou pola súa mortaldade, foron especialmente virulentas. A palabra pandemia, procede do grego “pan”(todo) e “demos” (pobo). O que se expande por todos os territorios. Hai matices diferenciais coa palabra epidemia, que comeza co prefixo “epí” (sobre).

En Galicia, e os que aquí viviron antes que nós, estiveron máis protexidos dunhas e menos doutras. O mar foi a gran porta de entrada da maior parte delas. Nalgúns casos é moi difícil saber con exactitude histórica o axente causante desa doenza, como a Praga de Atenas, cuxos síntomas relata Tucídides na súa Historia da Guerra do Peloponeso (430 aC), e que a comunidade científica debate se se tratou de peste, tifo, varíola ou xarampón...

É obvio, por exemplo, que a Praga de Atenas ou a Peste antonina, descrita por Galeno, e que concorda cos síntomas da varíola tivo pouca ou ningunha incidencia na Galicia do século II dc. O mesmo poderiamos dicir da Praga de Xustiniano, en canto a súa afectación por terras galegas. Recentemente, un estudo coordinado entre investigadores da Universidade de Tubinga, de McMaster e de Carolina do Sur, dirixidos polo profesor Johannes Krause, do Instituto Max Planck, logrou reconstruír o xenoma histórico da bacteria, Yersinia pestis, publicando as súas conclusións en “Nature Communications” (xuño, 2018). A causante desta pandemia de finais do imperio romano foi documentada en cadáveres na rexión de Samara, Rusia, con 4.000 anos de antigüidade. O que supón unha orixe para a peste bubónica ou peste negra, ben diferente da medieval.

Se hai unhas liñas afirmabamos que a vía de entrada en Galicia para estas pandemias foi o mar, e así o foi na súa maioría, outro estudo recente do CSIC (marzo, 2017) na revista “Scientific Reports”, apunta, sen negar a relevancia das rutas comerciais (Ruta da Seda), que o Camiño de Santiago tivo a súa importancia e moito que ver como entrada principal da enfermidade en Galicia. Porque esta pandemia si foi continental e terrible, fulminando a un terzo da poboación europea e asiática. Mais, á hora de decidir como en cando entrou na Galicia, conviven dúas teorías, propostas por dous grandes historiadores do século pasado: unha, adefendida polo profesor E. Portela Silva coa súa entrada por Baiona. Precisouna con posterioridade ao 25 de xullo de 1348, concretamente sobre o mes de outubro, a raíz do testemuño que deixou por escrito o mercador, Durán Domínguez, en xaneiro de 1349. Nel explica non poder pagar as rendas polo foro dun forno e outros bens en Baiona, remitíndolle ao abade do mosteiro de Oia “que sempre pagaran ao dito moesteyro ata este dia de Santiago de jullio”, e pedindo unha rebaixa das mesmas porque, “despoys de esto que veera ao mundo tal pestilençia et morte ennas gentes, que a mayor partida dellas eran finadas, en tal maneira que elles non podian manteer o dito foro nen dar a dita renda, no dito dia en cada ano”. Outra, a do profesor A. Ubieto Arteta, quen suxeriu e adiantou un brote pestífero entre os meses de marzo a xullo de 1348, a través dalgún peregrino ou peregrinos, infectando directamente a Compostela. Se a teoría marítima tivo máis predicamento ata agora, este recente estudo sobre o Camiño de Santiago e a peste vén a asentar estoutra proposta.

Este bacilo chegou, foise e veu durante séculos. Galicia sufriu como outros territorios, sucesivos gromos cíclicos. Achados episcopolóxicos, actas capitulares das dióceses galegas, escritos particulares de cóengos, traballos compiladores de historiadores posteriores, arquivos municipais... reflicten, de norte a sur de Galicia, a incidencia das mortes, seguidas de fames e episodios dantescos cada certo número de anos. Lembremos que o propio rei Afonso XI, que morre en 1350 pola peste, sitiando Xibraltar, deixa escrito na súa crónica que “como quier que dos años desto fuera ya esta pestilencia en las partes de Francia et de Inglaterra et de Italia, et aún en Castilla, et en Leon et en Estremadura...” aclarando que, en 1348, xa chegara a pestilencia a diversos reinos peninsulares. A peste foi virulenta en Galicia en 1348. Volveu con forza en 1517, facendo a cidade de Santiago, voto a San Roque para que protexera á cidade. En 1597-98, procedente de Flandes e, posteriormente, no S. XVIII, en dúas quendas:en 1710, onde causaría estragos en Santiago e na comarca do Xallas, pasando máis desapercibida en comarcas como a ferrolá e, particularmente, a de 1768-69, que sería devastadora en case toda a comunidade. Entre medias, o s. XVII deixaría unha pequena tregua. Algúns testemuños, dos moitos que poden rastrexarse son:

José de Santiago, sobre o cruceiro da Santísima Trindade, de finais do s. XV: “es tradición en este pueblo, que este monumento fue construído en ocasión que una terrible peste había invadido las comarcas vecinas, para que sus habitantes pudieran oír Misa desde larga distancia (...) evitando así la comunicación de los apestados con el pueblo de Bayona” (Bayona, antigua y moderna, p. 211). “Eran los años 1438 y 39 y dejóse sentir en toda España una extremada carestía y una pestilencia y mortandad espantosas, siendo las comarcas de Tuy y Portugal las que sufrieron con más viveza sus rigores. La ciuda de Tuy hubo de quedar como desierta”. (p. 254)

B. Barreiro de Vázquez Varela dá conta que en: “1569. La ciudad de Coruña, acuerda presentar al rey su despoblación y decaimiento a consecuencia de que la Real Audiencia de Galicia se había trasladado a Orense, por motivo de la peste que afligiera aquella ciudad”. (Efemérides del Reino de Galicia, pp. 32-33).

O bispo Solórzano, desde Mondoñedo, en 1570, escribe: “por estos tiempos el Reino de Galicia, que por nuestros pecados en muchas partes este mal tanto daño á echo”. (Hombre cristano, Lib. I, cap. 13). Dous anos máis tarde, o historiador e cronista Ambrosio de Morales non viaxa a Mondoñedo por mor da peste que padece a cidade, e certifica o recoñecemento das reliquias o por entón bispo, D. Antonio de Luxán. Así nolo conta José Villa-Amil y Castro en:La catedral de Mondoñedo: su historia...(p. 60).

Frei Tomé de Peralta, monxe cronista de Oseira escribe unhas memorias fundacionais do mosteiro onde recolle que, en 1598 a fame e a peste foron importantes: “de mil personas passaron las que cada día se sustentavan a la puerta del Monasterio por algunos meses, y porque los enfermos y que vivían distantes no podían acudir, servían las hazemilas de llevarles a sus casas sustento. Acabábanse los granos, la castaña, las verduras y las mieses no maduravan. Llegáronselo a advertir al abad...” (Historia de Osera, I, c.I, p. 5). Outra testemuña deste gromo de 1598, figura na Vida do arcebispo compostelán, D. Xoán de Sanclemente e Torquemada, escrita por Pedro Sanz del Castillo, onde se dá conta destoutra onda: “después del hambre se siguió inmediatamente la peste, que fue muy rigurosa y terrible en Santiago, en donde murieron como unas seis mil personas(...) A muchos, que estaban enterrados por los caminos los hizo traher a enterrar en Sagrado.” (Vida del Exmo...pp. 46-47)

Un cóengo de Santiago de Compostela, D. Pedro Antonio Sánchez, expón falando dos curtidores as claves dalgúns ciclos pandémicos. Ás veces, a fame non vén despois, senón que vén antes, e as enfermidades son a consecuencia: “se saben los peligros a que están expuestas en aquel país las cosechas. Un verano excesivamente lluvioso, una noche de hielo en la primavera, una mañana de niebla seca es bastante para agotar las mieses y cubrir de luto al cultivador (...) Así se ha visto en el año de sesenta y nueve (1769), en que se perdió la cosecha, reducido todo aquel reino al hambre y a la epidemia, despobladas las aldeas, y parroquias enteras casi desiertas”.(Colección de los escritos del Dr. Pedro ... p. 47).

Segundo o profesor E. Martínez Rodríguez, o gromo de 1710 deixou na cidade de Santiago uns 2.500 mortos, cinco veces máis que nun ano ordinario. Soterrábanse na Quintana ou en Santa Susana, sen cerimonia relixiosa e con cal. Pero a peste de 1768-69 foi, como xa quedou dito, aínda peor. Veu precedida da fame polas chuvias incesantes durante interminables meses do ano anterior, e os mortos roldaron os 6.000. Nesta pandemia sobresae un dos arcebispos máis lembrados da cidade: Bartolomé Rajoy y Losada. Con máis medios que o concello, o arcebispo enviou o racioneiro a Francia e uns 18 barcos con cereais e millo foron chegando ao porto de Carril para socorrer a Compostela. Case un millón e medio de reais de vellón, sufragados a metade polo propio arcebispo e outra polo cabido. Pasada a crise, xurdiu un novo problema:que facer cos superviventes que quedaban na cidadee que se conformaban con vivir da esmola? As ordenanzas municipais estaban en consonancia coas Reais Instrucións do momento: erradicar a mendicidade profesional e a vagancia.

En 1775, o concello de Santiago recollía: “todas las personas que se mantuviesen ociosas en esta ciudad, se dediquen inmediatamente a aprender algun oficio u otra ocupación onesta, en la que puedan ganar lo suficiente para su manutención o inmediatamente salgan de ella, dentro del termino de dos dias, con aperzibimiento que los que se hallasen de esta clase después, se les aplicara al real servicio, y a los que no fuesen actos para ello se les ympondran las penas establezidas en la Reales Ynstrucciones”. (AHUS, 1775, f. 471). Serían enviados como levas para a mariña ou man de obra para o recente Camiño Novo, a estrada que unía Santiago coa Coruña, que iniciara as súas obras en 1764, durando as mesmas, máis dunha década.

Outro debate foi se se podía ou non recaer na enfermidade. O Pai Feijoosostén que si: “No es, pues, tan cierto lo que Vmd. asienta como tal, que los más estrictos Autores dan por rara (en la Peste) la segunda invasión; pues, aquel saepius del Texto, que acabo de alegar, significa, que la segunda invasión sucede, no alguna vez rara, sino muchas veces”. (Cartas eruditas, IV, Carta XI, p. 131).

Plinio o Vello xa intuíu, hai máis de 2000 anos, osorprendente que é, que unhas enfermidades rematen nunha xeración e outras duren ou permanezan: “Id ipsum mirabile, alios (morbi) desinere in nobis, alios durare”; así como os rostros dos homes revelarán novas doenzas, descoñecidas en todos os tempos pasados: “Sensit facies hominum et novos omnique aevo priore incognitos” (HN, XXVI, 1).

11 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito