Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Tolemia

Privación do bo xuízo, pero tamén gran desacerto ou facer algo desacertado ou que xera sorpresa.

Amar con tolemia. Parecer unha tolemia. A quen non lle fallou algunha vez o semáforo do paso de cebra mental? Quizais o tempo destes tempos veña para traernos entre os seus refachos de vento a risa de nós mesmos, soños para soñar novos desvaríos e facernos un pouco tolos da vida, para axudarnos a sacar o mellor de nós mesmos e a recapacitar sobre como se debe de ser, aínda que se corra o risco de non chegar a ser. Que é tolemia?

«Que atractivos resultan moitos tolos cando non o están! Moitos deles habitan nese grao que os fai superar as regras dos homes da súa xeración e alcanzan a dar coa porta que os leva a onde os normais non consentirían chegar». Que é tolemia?

O amor gústanos tolo e o agarimo sensato. A covardía limita os impulsos e, por iso, a posibilidade de acabar tolo ou no cárcere. «Detrás da violencia intrafamiliar, un home que “estaba fóra de si”, que “perdeu o control”, que “estaba tolo de amor”, que “o cegaron os celos” ou que “a quería demasiado”. Que máis dá! Só sei que unha muller ante un home manifestamente celoso ten dúas posibilidades: evitar darllos, o que ás veces resulta imposible, ou deixalo». Que é tolemia?

«Un día, en Alcalá de Henares, fronte á casa onde din que naceu Cervantes, na rúa Maior. Eu, alí, sentíndome no medio dos seus e, por suposto, tamén dos que naceron da súa pluma para alcanzar a ser eternamente inmortais, creados para representar as dúas caras da mesma moeda, o idealista e o práctico, o tolo e o cordo, o fraco e o gordo, o lido e o iletrado, o avezado e o pacífico, o heroe e o antiheroe, eu no medio, mentres eles falan das súas razóns e desatinos, baixo a penumbra dunha noite agradable, onde un defende os seus motivos para chegar a ser o máis famoso cabaleiro andante e o outro só pregunta cando lle chegará o momento de ser gobernador dunha ínsula. Alí, no medio, pregúntome canto teño de don Quijote e canto de Sancho Panza. Alí, no medio, respóndome a min mesmo que estou no sitio xusto, sentado onde debo, equidistante, no medio dos dous, que teño algo dos dous, que hai días que me pode a cordura e outros a tolemia».

«A falsidade das primeiras impresións: cando o naturalista alemán Alexander von Humboldtlle dixo a un amigo, un doutor parisiense, que quería coñecer un tolo, o doutor planeou unha cea. Uns días máis tarde, Humboldt atopouse sentado á mesa do comedor entre dous homes. Un era cortés, algo reservado, e case non participaba na conversación. O outro, vestido con desaliño, non cesaba de parolar sobre o que fora, xesticulaba salvaxemente e poñía caras horribles. Cando acabou a cea, Humboldt volveuse cara ao seu anfitrión: “Gústame o teu tolo”, díxolle, indicando o home que non paraba de falar. O anfitrión engurrou o aceno: “Pero o tolo é o outro. O home ao que ti sinalas é Monsieur Honoré de Balzac”» (Arthur Krystal). Sempre hai algo de tolemia no amor, pero tamén hai sempre una certa razón na tolemia (Nietzsche). Penso que non é malo embelecerse cun toque de tolemia e quizais por iso mesmo sempre me gustou especialmente o humor que se desprende do refrán cuáquero que di: Todo o mundo é estraño, excepto ti e eu; e ti, ás veces, es un pouco raro. De louco todos temos un pouco (refrán galego). Non hai tolo sen idea (refrán galego). Cada tolo co seu tema (refrán español).

Se perdes a túa ilusión, incluso a túa dose de tolemia, perderías a forza necesaria para cambiar a realidade, volvícheste:

Un Alonso Quijano

de regreso de todo,

de regreso de todos os desenganos,

máis aló de todo,

alén de todo,

detrás de nada.

30 may 2020 / 22:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito