Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Un ano de literatura en lingua galega letras para unha nevarada

Tal vez o ano 2020 non fose o mellor dos últimos, en ningún dos aspectos das nosas vidas. Pero literariamente, a literatura galega ofreceunos algunhas obras que merece a pena destacar, e que están a ser moi celebradas polos lectores.

A colleita literaria de 2020 cae agora suavemente sobre a gran nevarada de xaneiro. O novo ano sorpréndenos e prométenos moitos bens, envolvendo a terra derrotada nun celofán branco de curvas felices, pero moita foi a dor acumulada. As negras costas de 2020 sosteñen os peores meses da nosa vida. O illamento, o confinamento, as restricións, a perda de liberdade e de saúde, leváronnos tal vez cara á un novo contexto literario. Non porque os escritores fosen máis prolíficos neste tempo inclemente da pandemia (de feito, a maioría deles aseguran que non foron capaces de escribir algo coherente no medio do silencio abraiante), senón porque agora fomos inoculados co veleno literario de Joyce, Kafka ou Thomas Mann, escritores de fronteira, ese veleno que nos coloca no medio do fermoso e o terrible. Vivimos no duelo e no sufrimento, no temor do fatal, vivimos tecendo e destecendo a esperanza, pero na fría claridade de xaneiro é posible atopar fermosos exemplos de literatura galega que se construíron no ano máis terrible, no silencio máis estrondoso, quizais nesas habitacións solitarias á que os autores están tan afeitos. Mentres no exterior o sol trepaba sobre rúas baleiras nas que se empezaba a escoitar o canto antigo dos paxaros.

Creo que, como moitos analistas literarios, ‘Virtudes (e misterios)’, de Xesús Fraga, publicada por Galaxia, é probablemente a novela máis importante do ano. Manexando diversos rexistros, como é propio deste autor de profunda educación sentimental anglosaxona, a novela parece destilar o mellor de Fraga, que xa presenta unha longa traxectoria literaria. Penso que é necesario mencionar ‘O estado intermedio’, de Rexina Vega, publicada tamén por Galaxia. Outra novela excelente, outra gran achega de 2020. Vega tennos afeitos a textos moi líricos, a poderosas envolturas emocionais, cun dominio extraordinario da linguaxe. Un libro cheo de perfumes míticos e referencias literarias.

Xa nos últimos días de 2020, Xerais sacou do prelo dous volumes que considero imprescindibles. Por unha banda, ‘Zona a defender’, a nova colección de ensaios e columnas de Manuel Rivas. Hai tempo que Rivas, máis aló da súa grandiosa obra en prosa e en verso ao longo de décadas, auténtica literatura fundacional para este país, está embarcado nunha loita pola dignidade e pola defensa da natureza. Un libro escrito con linguaxe de activista, pero tamén, inevitablemente, con linguaxe de poeta.

Doutra banda, outro imprescindible adoita ser ‘Un señor elegante’, a última obra até o momento de Suso de Toro. Estamos ante un libro de difícil catalogación, tan complexo como engaiolante, que responde a unha das liñas literarias de Suso de Toro, que beben do pasado, da memoria, dunha Galicia sen dúbida esquecida. ‘Un señor elegante’ é unha longa viaxe cara á familia Baltar, froito, como o propio autor di, dun intenso traballo de documentación. Unha gran novela de madurez.

Non hai espazo aquí para mencionar polo miúdo outros moitos libros de 2020 que merecen a pena. Pero permítanme citar, aínda que sexa brevemente, a María Rei Vilas, con ‘Flores de ferro’ (Galaxia), premio García Barros, onde alcanza unha grande altura literaria. Tamén a un dos nosos mellores autores, que nunca defrauda: Antón Riveiro Coello. En ‘O paraíso dos inocentes’ (Galaxia), asistimos a unha viaxe profunda ao interior do conflito sirio.

Hai outros moitos libros que querería citar. O último de Antonio Tizón en Xerais merece ser tido en conta, e desde logo a excelente calidade literaria de ‘O libro da filla’, deLópez Silva. Un thriller propio dunha autora que domina tanto o plano público e político das historias como o plano doméstico. Singular paréceme tamén a penetración histórica e memorística de ‘Desvendado’, de Manuel Pombo Arias, libro de difícil clasificación.

Neste ano que acaba de terminar publicou tamén unha novela emocionante un dos nosos mellores coñecedores da lingua galega, Xavier Queipo. ‘Corazón de manteiga’ (Galaxia), un estudo existencial sobre a construción dos aparellos da vida. E Francisco Castro publicou a súa última achega, ‘Tantos anos de silencio’ (Galaxia), unha historia que agroma das moitas escuridades que invadiron a vida da xente en 1936.

Igualmente, non podemos deixar pasar ‘Illa decepción’, de Berta Dávila, unha das nosas mellores escritoras. Unha das grandes obras de 2020 que, como outras moitas da nosa literatura, se constrúe ao redor da memoria, da enerxía orgánica das casas que un día habitamos.

Outros moitos libros merecerían ocupar un espazo nestas breves liñas. Poetas como Olga Novo e Lupe Gómez, Baldo Ramos e Eva Veiga, Lado e Aldao, Isaac Xubín e Fernández Rial, por citar só algúns. Tarefas editoriais de gran forza e sinificado, como a de Apiario, a de Chan da Pólvora, a de Kalandraka, a de Medulia... Ou a Biblioteca Nós de Galaxia coa Xunta de Galicia. Pero de todo iso falaremos con máis detalle noutra ocasión.


OS LIBROS DO ANO DE JAVIER PINTOR (Asesor e formador cultural, A Coruña).

1. Para min o gran libro galego deste ano é ‘Virtudes (e misterios)’. Xesús Fraga é un autor moi interesante, moi constante. Eu creo que esta novela é unha das mellores da literatura galega dos últimos anos, non só de 2020. Por suposto, estamos ante un relato diferente da emigración. Non é Cuba, non é Arxentina, senón a emigración máis próxima, europea, que para Galicia foisempre moi importante.

2. Gústame moito Antón Riveiro Coello. Paréceme un dos máis grandes narradores que temos. Este libro, ‘O paraíso dos inocentes’, que foi premio Torrente Ballester, é un retrato caleidoscópico de Siria, do mundo dos refuxiados.

3. ‘Flores de Ferro’ (Galaxia), de María Rei Vilas, abunda nesta temática tan galega de enfrontarse ao pasado. Fai un gran estudo da familia, analiza a volta ao lugar de orixe.

4. Manuel Rivas volve dicirnos verdades incómodas que non podemos obviar. ‘Zona a defender’ (Xerais), paréceme simplemente un libro necesario. Eu diría que é unha guía para enfrontarse ao mundo en que vivimos e ao mundo que vén.

5. O último libro de Suso de Toro, ‘Un señor elegante’, (Xerais) debe destacarse polo seu aspecto documental, moi profundo. Trátase dunha historia pouco coñecida, magníficamente narrada.

6. Quero citar ‘Os incurábeis’, de Antonio Tizón, en Xerais. Como sabes, Tizón leva moito tempo analizando o universo das enfermidades mentais, as súas implicacións, a súa diagnose, etc. Tizón indaga en como se debe considerar a estas persoas. Aquí, utilizando ao seu inspector Sánchez, lévanos polo barrio de Os Castros da Coruña (é unha novela cun gran compoñente local), a través dunha crúa historia negra.

7. ‘Dicionario irreal para un país imposible’, de Xavier Seoane (Xerais), ilustrado por Ramón Trigo. É un libro peculiar, moi especial. A forza poética de Seoane está aí, pero tamén a súa imaxinación e a súa erudición. Seoane recolle a alma de Galicia. É algo que sempre fai moi ben.

8. Olga Novo é a gran poeta galega. Paréceme indiscutible hoxe en día. Por suposto é unha opinión moi persoal. ‘Feliz Idade’ (Kalandraka) é un libro marabilloso. Todos os seus libros son admirables. O tema da maternidade, do desacougo, como gran concepto, paréceme cheo de forza, de enerxía. É unha poeta das entrañas.

9. Gustoume moitísimo o ton poético desenfadado que ten María Lado, aínda que ‘Gramo Sthendal’ (Apiario) é diferente. O que escribe está cheo de forza, mesmo de furia. Xa sabemos que en Apiario só fan delicatessen, e as propias editoras deste selo son grandes poetas, como é ben coñecido.

10. Que Ana Romaní sacase un libro despois de moito tempo, ‘A desvértebra’, paréceme algo moi destacable. Se a iso engadimos as magníficas edicións de Chan da Pólvora, pois mellor. Tampouco podo deixar de citar ‘Clave de bóveda’ (Col Tambo, Kalandraka), do imprescindible Álvarez Torneiro. Estamos a falar dun poeta grandioso e necesario. Para rematar, gustaríame mencionar ese libro, ‘Ninguén morreu de ler poesía’, de Aldao e Lado, en Xerais. Moi interesante e moi peculiar.


OS LIBROS DO ANO DE MERCEDES CORBILLÓN (Libraría Cronopios, Pontevedra e Santiago).

1. En narrativa a miña novela favorita foi ‘O libro da Filla’, de Inma López Silva (Galaxia), ambiciosa, incómoda, adictiva e tan emocional como política. Un exercicio de literatura comprometida que non esquece o entretemento.

2. ‘O estado intermedio’, de Rexina Vega (Galaxia). Unha fermosa construcción literaria desde a mirada dunha filla cara ao pasado.

3. ‘Virtudes (e misterios)’, de Xesús Fraga (Galaxia). Unha novela de non ficción e de memoria das avoas e da emigración.

4 e 5. Non defraudan endexamais grandes da nosa literatura como Berta Dávila con ‘Illa decepción’ (Galaxia), e Antón Riveiro Coello con ‘O paraíso dos inocente’s (Galaxia). Lecturas que non podemos deixar pasar.

6. O ensaio de Manuel Rivas, ‘Zona a defender’ (Xerais)é absolutamente imprescindible e de grande actualidade.

7. Un grande éxito de ventas este Nadal foi a aposta de Suso de Toro, ‘Un señor elegante’ (Xerais).

8. Sobre todo para festexar, temos a reedición de ‘Que me queres, amor?’, de Manuel Rivas (Galaxia) e de ’Xa vai o Griffón no vento’ (Aira), ambos os dous fitos da nosa literatura que non caducan xamais.

9. Os estupendos relatos de Arantza Portabales en ‘Historias de mentes’ (Bululú), e a proposta novedosa de Rosalía Fernández Rial en ‘Árbores no deserto’ (Galaxia), merecen moita atención.

10. Olga Novo (‘Feliz Idade’), ademáis de facerse co Premio Nacional de literatura, meteuse nas listas dos máis vendidos. Por suposto, son moi fan da labor de Apiario, e particularmente de un dos seus libros do 2020, ‘Gramo Sthendal’ de Maria Lado.


OS LIBROS DO ANO DE ESTHER GÓMEZ (Libraría Moito Conto, A Coruña)

1. ‘Virtudes (e misterios)’. Xesús Fraga (Galaxia). Disfrutei moito o estilo de Xesús Fraga, con personaxes recoñecibles para moitas xeracións lectoras, esas viaxes de Betanzos a Londres gozan da aprobación de moitos lectores e producen emocións das que atopamos na boa literatura. Sen dúbida é para mín o libro do ano en galego.

2. ‘O paraíso dos inocentes’. Antón Riveiro Coello (Galaxia). Sempre é unha alegría colocar entre os nosos favoritos a Riveiro Coello, nunca defraudan as súas novelas documentadas e de narración segura e profunda.

3. ‘Fosforescencias’. Lupe Gómez. (Alvarellos). Ler a Lupe Gómez supón entrar nun universo propio de palabras e pensamentos. Este libro de xénero epistolar, malia que publicado a finais de 2019, é un dos máis vendidos en Moito Conto en galego no 2020.

4. ‘Feliz Idade’. Olga Novo (Col. Tambo, Kalandraka). Unha grande alegría o Premio Nacional de Poesía para esta obra da que namorei nada máis saír ao mercado no 2019. Un poemario existencialista e esperanzador que reflicte liberdade.

5. ‘Zona a defender’. Manuel Rivas. (Xerais). No espazo que ocupa a literatura galega sempre ten que haber un lugar para as palabras de Manuel Rivas, esas palabras que defenden os espazos e os conceptos vulnerables e necesarios de preservar para que a humanidade e a natureza sigan rexendo as nosas vidas.

6. ‘Flores de ferro’. María Rei Vilas. (Galaxia). Unha agradable sorpresa esta primeira novela de María Rei, unha trama de secretos e silencios nunha familia con mulleres protagonistas.

7. ‘Illa decepción’. Berta Dávila. (Galaxia). Un ano importante nas librerías galegas para Berta Dávila, primeiro con ‘Carrusel’ (publicado no 2019) e a continuación con ‘Illa decepción’, sen esquecer no medio a publicación en banda deseñada de ‘O derradeiro libro de Enma Olsen’ (Galaxia), xunto a Pablo Prado.

8. ‘Entre Donas’. Varias autoras. (Bahía edicións). Penso que é moi importante a publicación de obras corais de voces tan potentes da literatura galega que cheguen a públicos diversos tal como pretende e consegue este libro con dez relatos moi diferentes, que parten dunha reivindicación feminista para un mundo, o literario, nun desequilibrio constante.

9. ‘Un señor elegante’. Suso de Toro. (Xerais). A Suso de Toro sempre se lle agarda como un gran narrador. Por iso a publicación dunha obra súa é unha boa noticia para ás librerías e para os lectores. ‘Un señor elegante’ lévanos por una non ficción que empeza no XIX e continúa no XX na indagación e seguemento dun personaxe pouco coñecido e dunha Galicia sorprendente.

10. ‘Granito’. Alex Alonso (Xerais). Case poderíamos dicir que ‘Granito’ é unha novela negra, pois está centrada nun múltiple crime sucedido en Nigrán nos anos 90. Unha obra coral de escritura áxil cun narrador principal que pon en cuestión o papel do xornalismo deses anos.

17 ene 2021 / 00:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito