Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Luis Bará Torres, cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego pola provincia de Pontevedra

“A estabilidade que vende o Partido Popular o que significou foi parálise”

Hai catro anos atopábase vostede nunha tesitura moi similar á actual. Encabezando a lista do BNG por Pontevedra, neste caso ás xerais. Que cre que ten cambiado dende aquel entón ata hoxe para atopar agora cando menos demoscopicamente un panorama tan positivo para a súa formación?

Eu creo que é o resultado da coherencia, do traballo rigoroso e da aposta por un proxecto propio para o país cun liderado atractivo e integrador na figura de Ana Pontón, que está sendo clave como revulsivo e como incentivo para achegar ao BNG non só a votantes que se poidan sentir nacionalistas ou galeguistas, senón a moita outra xente que quere un futuro diferente para o noso país. Entón, neste sentido, eu creo que estamos mobilizando a ilusión e a esperanza de moitísima xente e isto supón un panorama non só antitético ao de hai catro anos, senón que o convertemos nun panorama de ánimo e esperanza para o país.

En Pontevedra, sobre todo, e en Galicia en xeral é vostede unha das voces máis prolíficas no referente á memoria histórica. Tanto dende as institucións, como fixo na concellaría de Cultura de Pontevedra como no eido divulgativo con publicacións propias e colaboracións con outros autores. Neste senso, son o Pazo de Meirás e a Casa de Cornide, a excepción ou a norma na memoria histórica en Galicia? Cales son as propostas do BNG neste eido?

Aquí hai un problema de fondo que é que hai que desmantelar toda a pervivencia do franquismo en distintos niveis institucionais. É ter unha Lei de Memoria Histórica acorde cos tempos no Estado baseada nos principios do dereito internacional: o dereito á verdade, á xustiza e á reparación.

Unha das patas dese proceso debe ser desmontar os restos, desafiuzar o franquismo de Galiza, e reverter para o público os bens roubados, e aí nos propuxemos non só os casos de Meirás e a Casa Cornide, senón a realización dunha investigación exhaustiva sobre todos os bens roubados pola familia Franco. Hai outra parte que é a propia lexislación galega, nós propoñemos a creación dunha Lei galega de Memoria Histórica que nos sitúe na vangarda máis avanzada do Estado no referente ás políticas públicas de memoria, que ao fin e ao cabo son políticas de dereitos humanos.

A industria é un dos asuntos máis importantes na contenda electoral. Aos problemas de Alcoa en San Cibrao e A Coruña, hai que engadir os do sector naval en Vigo e agora tamén o conserveiro, cun claro risco de perda de 175 empregos en O Grove e Mos polo peche de Thenaisie. Como o valora?

Nós entendemos que a industria é a columna vertebral dun país, sen a cal non hai ningún tipo de futuro. Esta crise tamén demostrou o importante que é tanto a produción de alimentos como a produción de bens e facelo aquí no país. Nos últimos once anos de goberno do PP houbo un proceso de desmantelamento, de desertización da industria e de perda dun grande número de postos de traballo na industria que segundo algunhas fontes chegou a 20.000 empregos. Entón, trátase dunha situación que hai que reverter, hai que ter un plan industrial para o país, evitar as deslocalizacións, artellar un núcleo financieiro para apoiar a iniciativa empresarial, e ententendemos que neste momento é fundamental a intervención pública de empresas estratéxicas como é o caso de Alcoa, ou como pode ser algunha empresa do naval en Vigo como Barreras para garantir a súa viabilidade.

Xa referíndonos á provincia de Pontevedra, hai que apostar por consolidar e fortalecer ámbitos e sectores industriais que son estratéxicos como o naval e a automoción en Vigo, e a partires de aí potenciar tamén uns sectores onde temos moito potencial para medrar e xerar emprego como o son o sector da industria aeroespacial, o farmacéutico, a biotecnoloxía, o sector da enerxía, o forestal e a transofrmación de alimentos do campo e do mar, coa industria agroalimentaria e co complexo mar-industria. O que hai é que apostar pola industria e sobre todo, ter un goberno que pense en clave galega na industria, non que pense en traer investidores de fóra, que en moitos casos son especuladores como aconteceu co caso de Thenaisie no Grove, e apoiar os proxectos nados no país.

Hai agora dous exemplos claros tanto en Thenaisie como en Vulcano, que hai empresariado galego que está apostando por revitalizar esas industrias e atópanse con obstáculos constantes e coa falta de apoio por parte do Goberno galego. Onde a Xunta, ou desapareceu do mapa como en Vulcano, ou a falta de mediación en Thenaisie cando o peche sería tan letal para O Grove como o peche de Alcoa para a Mariña.

Feijóo está a basar parte da súa estratexia electoral en axitar o medo con respecto a unha coalición de esquerdas co nacionalismo acuñando termos como o do “multipartito variable”. Dende a pluralidade, conta o BNG con vontade de entendemento co resto de forzas?

Primeiro, Feijóo debería facer un curso acelerado de democracia e entender que en toda Europa existen gobernos en minoría ou gobernos en coalición que están dirixindo moitos países, con exemplos moi positivos. Mesmo no Estado español hai outros exemplos dos que forma parte o Partido Popular apoiados pola extrema dereita. En Galiza hai tamén experiencia de gobernos de coalición nas cidades, eu podo falar por exemplo do caso de Pontevedra, nos que leva 20 anos gobernando a esquerda e nunca se acadou unha maioría absoluta, e é un exemplo de impulso e de transformación. Un concello que sempre é referente no resto do mundo. Nós iso queremos trasladalo á Xunta de Galicia, onde ten que haber un entendemento coas forzas alternativas ao Partido Popular, e en todo caso nós pensamos que para garantir un verdadeiro cambio galego ten que estar liderado polo BNG porque garante que esta nova etapa vai a estar centrada no país, cos pés na terra e sen ataduras. Estamos traballando para iso, porque o que está demostrado é que a estabilidade do PP o que significou foi parálise e que o país fose a menos, de modo que esta non pode ser a solución.

De ser o BNG, o líder e impulsor deste goberno coaligado. Cal cre que debería ser a primeira medida a por en marcha a partires do 13 de xullo?

Hai moitas, pero eu creo que neste momento dado este contexto, hai unha de carácter xeral que xa anunciou Ana Pontón que é sentarse con todas as forzas políticas, sociais, sindicais e empresariais, con todo o tecido tamén universitario e de investigación, e en xeral con toda a sociedade galega; para elaborar un plan de país, un gran acordo para facerlle fronte a esta situación complexa e de dificultade que pode ser tamén un momento de oportunidade para comezar a construír un país novo. Aparte desa cuestión de carácter xeral, para nós é fundamental neste momento facerlle fronte á crise industrial e tamén que o goberno galego teña unha iniciativa potente e ambiciosa para salvar todos os miles de postos de traballo que están en risco en Alcoa e noutras empresas que están agora na picota. E isto tense que facer si ou si, con intervención pública. Entón o goberno do BNG, o que fará será exixir ao Goberno central e poñer tamén da súa parte para que haxa unha intervención pública en Alcoa e outras empresas que estan agora en dificultades.

Tanto como candidato como militante de base leva vostede ás costas unhas cantas campañas electorais. Foi tan substancial o cambio sofrido na contenda por mor da pandemia da covid-19? Peligra a participación como aconteceu en Francia?

Non sei, eu teño dúas sensacións. Por un lado que esta é unha campaña diferente que ten algunhas dificultades, por todo o que ten que ver coa crise da covid. E ao mismo tempo vexo moito entusiasmo e moito ánimo arredor do BNG e eu creo que hai unha palabra que explica moi ben o que está pasando coa candidatura do BNG e a figura de Ana Pontón que é a ilusión e a capacidade de mobilizar a moita xente, sobre todo xente nova, entón con respecto á participación obviamente vai a haber unha incógnita e non sabemos moi ben o que vai pasar. Pero vai ser fundamental no senso de que hai arredor de 700.000 persoas que aínda non decidiron o voto e nós loxicamente o que imos a intentar nestes últimos días é mobilizar sobre todo a xente que quere cambio, que entendemos que é a maioría e obviamente, chamar a que concentren o voto no BNG, que é a opción útil para garantir ese cambio de transformación e galego.

Se tivera que darlle un motivo aos galegos para que o 12-X elixan a papeleta do BNG. Cal sería?

De novo, eu creo que a palabra clave é ilusión. Estamos nun momento de dificultade no que non nos podemos conformar cunha Galiza a medio gas co motor parado que vai a menos e debemos ter a ambición de país de aspirar a todo e ter ilusión e esperanza de que o noso país ten que ter un papel diferente no Estado e no mundo. Neste momento a ilusión por esa transformación para o país é o liderado de Ana Pontón, un movemento de fondo que se manifesta na xente nova e que é imparable e co que imos facer que o goberno do Partido Popular sexa pasado coa A de Ana Pontón e a B de Bloque Nacionalista Galego.

03 jul 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.