Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ TWITTER ON THE ROCKS CON TRES GOTAS DE RON }

Abel Caballero emula a Julio Iglesias e Santi Abascal profana un tractor

hey, qué andas presumiendo por ahí. Quenes son os homes de camisa remangada que están ao lado de Abel Caballero? Nin o elegantísimo (nas formas e no fondo) ministro Grande-Marlaska pode eclipsar ao alcalde de Vigo. Caballero, o tío do candidato do PSdeG, alza a man co signo da victoria, leva a mascarilla da cor que lle dá a gaña... E arrasa máis que Julio Iglesias con gafas de aviador no seu jet privado.

herexías no agro galego. Seguro que entre cacerías e Arribas Españas, Santiago Abascal ten tempo para ir prantar as patacas e despois botarlle un viño con gaseosa. No catálogo de aberracións estilísticas desta campaña, vemos ao lidérrimo de Vox en clara profanación dun tractor galego. A formación ultraverde leva de suplente por A Coruña a unha médica que traballa en Canarias: María Perpetuo Socorro Hermida de Castro García. Socorro é o que berro eu ao ver esta foto.

contra os vampiros. Como no chiste de Drácula, Abascal vai en tractor para sementar o pánico. Contra o vampiro do fascismo loita desde hai tempo Ferrol. Na imaxe, @anaponton no último mitin ofrecido nun Ferrol tantas veces Pretty in Pink contra a ditadura.

Para desvelar ese mito do Pretty in Pink ferrolán, temos que remontarnos a aquel cálido verán de 2002. Con Xaime Bello de alcalde, a cidade enfrontábase como nunca ao seu pasado e retiraba a estatua ecuestre de Franco da praza de España na noite do 5 de xullo. E atrás quedaban as incursións en cor rosa contra a simboloxía da ditadura, a cargo de Nós-Unidade Popular. Ou como Franco e o cabalo amencían certo día pintados como a Pantera Rosa. Os vellos e bos tempos da nosa mocidade.

O MARIDO DA ‘COLLARES’. Franco non só liderou unha ditadura con demasiados cómplices. Tamén esquilmou Ferrol, A Coruña e todo o que tivese sangue galego. No seu botín de pirata marcado cunha X (e non precisamente a Solidaria), destacaba o Pazo de Meirás: escenario de festas con merengues, vestidos de cóctel, e zánganos merodeando entre copas de champán. Iniciouse o xuízo para a recuperación desta peza para o patrimonio público. E alí estivo @AntonGomezReino con partidos e entidades antifascistas.

I love rías galegas. Novamente, o PPdeG pon os nosos dentes longos coa súa escenografía electoral. Desde Cambados ata Oleiros, @FeijooGalicia parece sacado de anuncios turísticos para promocionar as nosas eróxenas rías galegas. Dan gañas de deixar o confinamento para percorrar todas as terrazas con vistas sobre o litoral, para saltar de Denominación de Orixe en Denominación de Orixe (falamos de viños, pero tamén de queixos). Non pensan o mesmo na Mariña, o territorio con máis incertidume de Galicia: que reabrirá as súas portas para ir a votar. Moito ánimo para eles. E esperamos brindar todos, aínda que sexa para afogar penas.

07 jul 2020 / 00:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.