Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“Debemos ter un Goberno como o vasco, que pule polos intereses propios”

Tras unha vida adicada á música primeiro con Fuxan os ventos, posteriormente con A Quenlla; e sempre simultaneando co dúo co seu inseparable Mero. Falemos de política cultural. Como valora a xestión da Xunta neste eido?

A Xunta do Partido Popular nunca tomou en consideración a cultura. Eu creo que incluso a considerou como un enimigo. A cultura se perde a liberdade e o espirito crítico, non é cultura. A cultura tense que estar facendo e refacendo, e faise e refaise en contraste co que ve, co que encontra e co que xestiona. Por tanto, a cultura e o mundo do cultural o que necesita non é protección, senón liberdade e medios. Estes son os dous puntos cos que non conta agora mesmo. A política cultural da Xunta foi desastrosa.

Cre que a polarización existente a día de hoxe na política, supón un perigo en termos dunha regresión en canto a dereitos e consensos que xa estaban previamente asumidos?

A crise do 2008 foi aproveitada para unha regresión en dereitos e liberdades e nós, dende o BNG, temémonos que esta crise, que xa comezamos a albiscar producida pola pandemia, vai ser aproveitada para iso. O medo, a inestabilidade económica... Témome que vamos a ter que pelexar moi duro para frear esta nova regresión. Ademais eu creo que o covid non nos debe atemorizar, debe facernos permanecer cautos e prevenidos, pero sobre todo debe facernos sacar a grande lección de que os servizos públicos son esenciais. Uns servizos públicos básicos ben dotados: sanidade, educación e a atención á vellez. Esta última dunha maneira seria, dunha maneira digna e sen discriminación, hai que pensar na xente que conta cunha pensión de 600€ e non pode pagarse unha residencia, nin pública nin privada. Iso hai que atallalo, en lugar dunha regresión, fai falta unha progresión e dedicar efectivos a isto. Máis tras unha pandemia que reforzou a importancia destes servizos públicos. Onde estivo a sanidade privada con camas e respiradores?

“Nada vos queda por facer / A vosa teima fai crecer / A nosa loita”, esciribiu na canción Aquí. Hoxe esta loita parece que pode levar ao nacionalismo de novo a ser segunda forza no Parlamento galego. Que cambiou dende entón? Foi premonitorio?

Non creo que sexa unha frase premonitoria, é unha frase de resistencia, é dicir, non mudou nada. É unha realidade, o nacionalismo entendido non como unha corrente política, senón como a necesidade de defensa dun país e dunha identidade esta aí. Ten vaivéns, pero con nós non poden. Pódennos achacar todos cantos males queiran, todas as pestes bíblicas, pero non é certo, sempre rexurdimos de novo. E esta vez con forza porque creo que por primeira vez hai un asentamento do noso programa, unha seriedade e unha tranquilidade manifesta. A mensaxe do BNG é unha mensaxe de defensa, pero tamén de esperanza e ilusión nun país que pode e debe ser. Porque non hai país mellor no mundo, témolo todo. Temos un clima benigno, unha xente emprendedora e reflexiva. Saímos fóra e fixemos mundo, e aquí podémolo facer se nos dan as condicións. O difícil está en crear esas condicións e o reto é crear esa ilusión na xente e iso é o que pretendemos.

Pilar García Negro di que o nacionalismo non pode reducir a súa acción electoral a pedir o voto, senón que debía exercer en certo modo a pedagoxía, concorda?

Somos un país moi compartimentado. Eu fun mestre, e coñecín un país do s.XIX en pleno final do s.XX. Con isto quero dicir que a pesares das enormes potencialidades, Galicia foi un país maltratado secularmente.

Do ano 1980 ao 1995, pasamos de ter dúas vacas cada familia nas beiras das cunetas e por prados pequeniños. E pasamos a muxir con ordenadores, e con salas de ordeño do último grito. Que quero dicir con isto, pois que o capital humano que ten é capaz de facer o esforzo e a modificación necesaria para ser feliz. A felicidade non a conseguiu con estas modificacións, porque chegaron as cotas e a durisima recesión económica. Pero a potencialidade haina, só necesita un Goberno que se sente co país , e reflexione en conxunto con el. Crendo no país e proporcionando esperanza: ‘Imos facelo, podemos facelo’.

Se o BNG acada a Xunta, cal cre que debería ser a primeira medida a pór enriba da mesa?

Eu creo que neste momento tal e como están as cousas, o primeiro que hai que facer é reforzar os servizos públicos xa. Son urxentes tamén as políticas de conciliación, porque o problema de poñer toda a maquinaria a andar de novo é un problema basicamente de conciliación e de políticas públicas. Blindar a sanidade pública, facer acopio de efectivos, a investigación... Son moitas as frontes. Non me podo olvidar da necesidade de pegar un puñetazo enriba da mesa e dicir: que pasa coa nosa industria? Esixir a intervención pública de Alcoa, esixir que Endesa e Naturgy paguen o que lle deben a este país para poñer a funcionar as áreas de influencia industrial deste país, como a comarca de Ferrolterra, a de As Pontes e a de Ordes. En definitiva, debemos ter un Goberno como o vasco, que pule polos intereses propios e sepa negociar en base a eles.

Agora que trae Euskadi a colación, que opina desa semellanza que lle confiren algúns ao PPdeG co PNV?

A diferenza non é sutil, é clara. Primeiro, o PNV é unha dereita moderna, cousa que non é o PP. Segundo, o PNV é unha dereita vasca que defende os intereses do País Vasco, e esa é a gran diferenza. E non os defende en contra do resto de nacións ou rexións do Estado, senón que os defende a favor deles, e a favor dunha lóxica. O PP nunca defendeu Galicia porque está supeditado a intereses máis grandes. Non se pode entender como no medio dunha pandemia que azotou con forza ao Estado español, o PP vote en Bruselas en contra da mutualización da débeda europea só por facerlle a puñeta ao Goberno de Sánchez. É obvio, que o Goberno central errou nalgunhas cousas pero non era o momento de esta facendo guerra. Nós fomos claros, neste momento toca arrimar o hombro e gardar as ‘armas’ e xa falaremos dos erros cando pase a pandemia.

Nun contexto tan volátil como o actual non se poden extraer conclusións dos estudos demoscópicos, pero si tendencias. Unha delas é a forza do BNG entre a mocidade, onde aspira a ser primeira forza entre os mozos de 18 a 30 anos. Vostede como o candidato de maior idade, como valora este feito e a que cre que se debe?

Pois eu teño que facer unha valoración positiva, realmente é grata sobre todo para quen leva moito tempo intentando que este país teña visibilidade. A situación é completamente distinta da que tiñamos nós con 20 anos, pero é cíclica. Volve ser unha situación de, en certo punto, desespero. Que horizonte hai para a mocidade? Que expectativa ten para programar a súa vida? Non hai.

O nacionalismo non é que de esa certeza de que vas ter un traballo, pero da a ilusión de traballar por facer algo, e de poder facelo dende aquí e para aquí. Esa é a nosa máxima. Hai que sentarse a falar do país e non o facemos. O PP e o PSOE non están dispostos a sentarse a falar do país porque teñen outros intereses. É dicir, cando falamos de Navantia, nós somos tres millóns contra oito de Andalucía e para PP e PSOE, os votos mandan, e nós dicimos que iso non pode ser así.

Dous dos problemas estruturais de Galicia son a situación do sector do mar e do agrogandeiro. Dous problemas cun eixo decisorio a miles de quilómetros en Bruselas. Cre que dende a Xunta hai marxe suficienta para dar un cambio de rumbo en ambos eidos?

Si, ademais demostrámolo. No goberno de coalición co PSOE en 2005 tivemos responsabilidades políticas no campo do rural e demostramos que si que se poden facer outras políticas, tivemos responsabilidades políticas en industria e tamén demostramos que hai alternativa. Si se pode meter a pata, metimos a pata nalgunhas cousas pero non en tantas como se di. Pero os eixos esenciais e as políticas esenciais foron certeiras e claras e demostraron que era factible. Factible facer unha política de incorporación de xente ao campo, mostramos que era necesario ordenar o territorio e facer unha política forestal e de montes seria.

Porque o problema non estaba no servizo de prevención e extinción de incendios, o problema estaba na ordenación do territorio. Obviamente é preciso ese servizo pero non pode estar continuamente actuando nun caos. Mostramos que tantos anos de políticas do PP, con el e despois de Franco, deran como resultado un caos no ordenamento urbanístico de tal modo que o monte entrou nas casas e as casas entraron no monte.

Respecto da cuestión agrogandeira fai falta un grupo lácteo potente, que este sector tivese base territorial para baixar os prezos e depender menos dos insumos das materias primas de fóra e ter máis marxe de ganancia, sen necesidade de ter que endebedarse. Non se fixo ningunha política neste sentido.

Necesitamos ter unha horta propia, que non está na PAC,é dicir, a horta galega non está na PAC e resulta que ten unha potencia e un futuro tremendo.

É preciso e básico implementar un cultivo ecolóxico, xa que todo tende aí. Non podemos perder a nosa capacidade produtiva, ter unha superficie agraria útil exigua que anda entre o 21 e o 23 por cento, cando en Europa a media é de como mínimo un 40 por cento. E agora coa pandemia veuse que necesitamos que o país teña un mínimo de provisionamento de bens básicos, e transformar aquí para que o valor engadido quede aquí.

Despois no relativo á pesca, que se deixen de historias, nestes momentos o mar ferve de sardiña. É dicir, hai sardiña por todas partes, os mariñeiros din ‘a sardiña non colle no mar, hai que sacala’. E o único que levantou a voz foi Néstor Rego que conseguiu 1.800 toneladas máis. Debemos contar cunha cotas dignas, o que non pode ser é que a flota do cerco pare mañán, ou que a pesca artesanal teña cotas igual, cando non depreda.

É certo que non temos as competencias para decidir que cotas pescamos, pero si temos a vontade política de dicir non, con nós hai que contar. E sobre todo, dicir non, nós temos 7 ou 8 deputados en Madrid e nós non asinamos ese proxecto. Exercer presións a prol dos nosos sectores.

E para rematar, é preciso darlle unha volta ao saneamento das rías e restauralas, porque estamos renunciando paulatinamente a unha riqueza inmensa tanto económica como medioambiental.

Vostede non é un político profesional a pesares de estar vinculado ao nacionalismo dende hai anos. Como valora a súa primeira lexislatura no Parlamento galego?

É un traballo ímprobo, moitas veces desesperante, porque son mil temas aos que hai que atender e claro chegas sen experiencia. Pero, por un lado positivo porque conseguimos facer visibles unha serie de problemas, conseguimos acuñar solucións e conseguimos algunha victoria pequeniña.

Pero é que aquí hai un problema de base, e é que o Parlamento debe saír á rúa e que a xente teña noticia do que alí se discute e alí se debate.

Que o ten agotado nun maior grao: a rixidez da actividade parlamentaria ou a precariedade da actividade cultural?

Non o sei, eu tiven sorte en canto a precariedade da actividade cultural porque o compaxinaba coa labor de mestre, entón non foi tal, pero vina en moitos compañeiros. Mira hai que afirmar dunha vez que Galicia foi sempre un país de artistas; de moita cultura.

Eu nos meus anos teño visto a xente analfabeta que sen saber ler nin escribir pero que era capaz de compoñer pezas mestras. Un país con este potencial non necesita axudas, necesita que lle permitan, que non lle poñan trabas.

A cultura hai que permitirlle que saia a flote e impregne á sociedade, e dende logo hai un plano que hai que potenciar e protexer e é a lingua. Porque a fala é un dereito e unha ferramenta útil para quen a utiliza; e todo galego non só ten o dereito e a necesidade, ten o deber de coñecer a súa lingua.

30 jun 2020 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.