El Correo Gallego

Elecciones  |   RSS - Elecciones RSS

Candidata de En Marea ao Congreso pola Coruña

Ana Seijas: "Queremos sumar sen deixar Galicia atrás como pasou ata agora"

Ana Seijas Candidata de En Marea ao Congreso pola Coruña
Ana Seijas Candidata de En Marea ao Congreso pola Coruña

MATEO GARRIDO SANTIAGO  | 19.04.2019 
A- A+

Cal será a súa primeira proposta no Congreso de ser elixida?

Pediría primeiro uns investimentos xustos para Galicia, sobre todo en infraestruturas que permitisen o desenvolvemento económico do país.

Poderíase dicir que é vostede a man dereita de Luis Villares. Canta responsabilidade ten este último na ruptura de En Marea?

É o momento de falar de propostas. Non houbo ruptura en En Marea, segue habendo un proxecto sólido e coherente que foi o que deu inicio en 2016, de base cidadanista, un proxecto de adscripción individual, que aposta por poñer a Galicia, dende Galicia, no mapa buscando un futuro para todas.

Que ofrece agora En Marea que non ofrecera hai catro anos?

En Marea defende os intereses dos galegos e galegas, o desenvolvemento económico do país, a democracia, a ética e dicir non aos recortes que levamos sufridos co goberno do PP. O que queremos é que avance o país. Polo tanto, o que ofrece. É dicir, o mesmo que propoñiamos hai catro anos.

Que lle diría a aqueles que tras o seu Plenario teñen dito que o proxecto da En Marea na actualidade é moi similar ao do PNV?

Non fai falta máis que ver as nosas propostas do lado da xente para darse de conta de que En Marea é unha forza progresista.

É vostede licenciada en Ciencias Políticas. Que valoración fai neste eido da simultaneidade da súa formación, de En Común e do BNG? Cal cre que será o punto que fará decidir ao votante entre as tres candidaturas?

Nós ofrecemos un marco diferente. En Marea non se manexa nos marcos no que o fan outras forzas políticas. Somos unha forza cidadanista que vai buscar defender os intereses de Galicia no Estado, pero que vai a apoiar unha gobernabilidade de progreso. Queremos sumar para o conxunto do Estado, sen deixar atrás a Galicia que é o que aconteceu ata este momento.

Como explica vostede o acontecido en Ferrol, onde Luis Villares apoiou a unha candidatura decidida a fragmentar o espazo cidadanista de Ferrol en Común?

O espazo cidadanista en Ferrol non é Ferrol en Común senón a Marea de Ferrol. Un espazo construído por persoas en pé de igualdade, superando as siglas, en relación directa cos colectivos sociais. Ese é un espazo cidadanista, aquel que se constrúe sen cotas e só en base á adscripción individual, e iso é o que representa a Marea de Ferrol.

No caso de non obter escanos nos vindeiros comicios. Cal cre que será o futuro de En Marea?

O futuro de En Marea é claro, seguir loitando para defender os intereses dos galegos, en calqueira das institucións. De calquer xeito creo que imos acadar respresentación nestes comicios.

Renegan vostedes da etiqueta de nacionalistas. A que se debe esta reticencia?

Porque en En Marea convivimos nacionalistas e non nacionalistas, é un espazo inclusivo, que non pon etiquetas e que supera outros marcos que non deron resposta aos problemas da xente.

Polas enquisas, semella que é En Común o que está a rentabilizar o traballo parlamentario de En Marea durante a última lexislatura. Como o valora?

As enquisas son volátiles. Estamos nun momento no que os sondeos din un día unha cousa e ao día seguinte a contraria. Ao final a única enquisa que vale é a que fan os cidadáns o día das eleccións ao depositar o seu voto e eu creo que a xente si que vai valorar o traballo realizado por En Marea e sobre todo a nosa coherencia dicindo non a uns orzamentos xerais do Estado co voto da nosa deputada Alexandra Fernández. Nós entendiamos que non eran unhas contas xustas para Galicia.

 









Galiofer es un portal de ofertas y descuentos en Galicia. Las mejores ofertas en Salud y Belleza, Hogar, Regalos, Restaurantes, Escapadas...