El Correo Gallego

Elecciones  |   RSS - Elecciones RSS

Coñecemos as propostas dos políticos?

Estamos xa en pleno camiño cara as eleccións xerais e máis ou menos os cidadáns van tendo claro a quen votar, pero se preguntamos por algunha medida en concreto de calquera partido a cousa non parece tan doada

SILVIA CASTIÑEIRAS  | 19.04.2019 
A- A+

"Teño a sensación de que están máis patentes as propostas de determinados partidos como son Vox e Ciudadanos que as doutros como o PP ou o PSOE". É o que nos comenta na rúa unha moza que prefire non identificarse pero que ten moi claro que as medidas anunciadas polas distintas forzas políticas de cara as vindeiras eleccións permanecen na memoria segundo de onde veñan e onde aparezan.

Con isto quere dicir esta cidadá que as primeiras accións que se lle veñen á mente son as de Vox porque, di, "están máis presentes nos medios de comunicación e tamén porque son máis disparatadas e dan máis que falar".

E ao parecer, non vai tan desencamiñada esta muller niso das proposicións que chaman máis a atención. E é que, precisamente, ao preguntar entre os viandantes sobre algunha acción mencionada polos candidatos á presidencia nestes últimos días as respostas lévannos ao mesmo punto.

É o caso de María, unha mestra xubilada que nos explica que así a bote pronto " penso nesa de facilitar a adquisición de armas, que non me gusta nada". Unha iniciativa que, segundo os seus defensores, premiaría dalgunha maneira a alguén que utilice esas armas na súa defensa, por exemplo, na contra dun ladrón. Pero máis alá disto, esta muller asegura que sí está atenta e lle preocupa coñecer os programas electorais na medida do posible, "e máis aínda este ano, creo que é moi necesario estar informado", afirma.

E é que non todos son da mesma idea. No extremo contrario atopamos a José, que confirma claramente que non sabe nada das intencións de cada formación se chegan gobernar o país. As súas razóns ten este pensionista. "Estou moi asqueado de todo. Para que me vou molestar en coñecer as súas liñas se total ao final todo é mentira porque eles son todos uns mentireiros", asevera. Así as cousas, sí ten pensado ir votar pero "coas miñas ideas de sempre, eles que se maten".

Non é o único que está confuso en canto ao que nos venden os posibles futuros dirixentes. Joimer, que estuda Historia na Universidade de Santiago, cre que se decantará por Podemos porque "gústanme os seus ideais sobre a creación de emprego, aínda que non estou seguro de se esas accións se acabarán levando a cabo ou quedarán só en palabras". Polo resto, "dos partidos grandes como os populares ou socialistas coñezo máis ou menos o básico".

Para Santiago, un mozo informático, a clave, como xa nos apuntaban outros veciños, está nos medios de comunicación. El cre que "hai que estar actualizado de cara aos comicios e saber que propón cada un pero penso que hai que molestarse en buscar información e non quedarse só co que sae na prensa ou na televisión. Aínda así, agora as miñas dúbidas xa non van cambiar".

REACCIÓNS

Santiago Informático "Creo que hai que estar actualizado de cara ás eleccións xerais para decidir a quen votar. Eu opto por buscar información máis alá do que sae nos medios de comunicación. De todas maneiras, a estas alturas non me van resolver ningunha das dúbidas que teño, non penso que vaia cambiar de opinión de aquí ao 28 de abril"

José Pensionista "A verdade é que non podería falar de ningunha proposta concreta porque non as sei. Paso de todo de largo porque estou moi asqueado e aínda teño que pensar se vou ir votar. Se o fago será seguindo as miñas ideas de sempre porque polos programas electorais nin me intereso. Para que o vou facer se total son uns mentireiros"

María  Mestra xubilada "Procuro ler e interesarme polos programas de cada partido. Hai que saber o que din e máis aínda este ano. Así, agora mesmo se preguntas por unha proposta concreta teño na cabeza a das armas, que non me gusta nada pero quedou aí gravada. Con todos os partidos teño algo co que estou dacordo e co que estou en desacordo"

Joimer Estudante de Historia "Dos partidos máis grandes como PP e PSOE coñezo o básico máis ou menos, pero eu creo que me vou decantar por algo tipo Podemos. Gústanme as súas ideas con respecto á creación de emprego. Teñen boas accións previstas pero claro, non sei se ao final conseguirán levalas a cabo tal como din ou quedarán só en palabras"