El Correo Gallego

Elecciones  |   RSS - Elecciones RSS

Ferrolterra: a eterna campaña obreira

Navantia e Poligal protagonizan mítines e manifestacións // Os operarios do naval esixen un AOR ante a Delegación do Goberno // Losada pedirá traballo

MANIFESTACIÓN Protesta do persoal de Poligal celebrada onte, desde a fábrica de Narón - FOTO: Kiko Delgado
MANIFESTACIÓN Protesta do persoal de Poligal celebrada onte, desde a fábrica de Narón - FOTO: Kiko Delgado

PATRICIA HERMIDA  | 24.05.2019 
A- A+

En Ferrol atopamos a cidade máis polarizada de Galicia. Cada catro anos, oscila entre gobernos de esquerdas e dereitas. E as campañas sempre apararecen marcadas polas mobilizacións do metal. Para este 26M, a comarca cumpre coas súas tradicións. E ten protestas que se alternan ou mesmo coinciden cos mítines. Os traballadores de Navantia e auxiliares reclaman o encargo dun buque AOR para a Armada española. E os de Poligal loitan contra o peche da empresa de Narón.

As reivindicacións destas empresas protagonizaban a xornada deste xoves. O persoal de Poligal manifestouse ata o edificio da Xunta. E os comités de Navantia en Ferrol e Fene, xunto cos delegados das auxiliares, marcharon en caravana ata a Delegación do Goberno en A Coruña para reclamar un AOR que "aportaría 32 meses de ocupación". Tras reunirse con eles, o delegado Javier Losada comprometeuse a pedir ao Executivo de Pedro Sánchez un novo contrato antes das F-110.

O naval aparece nas oracións de todos os partidos: o PP aposta por un BAM para Navantia, PSOE e Ferrol en Común defenden o AOR, BNG e Ciudadanos tamén urxen a lograr carga de traballo.

Tal e como adiantou este diario, a primeira das fragatas F-110 non se iniciará ata febreiro de 2022. E o encargo de dous barcos para Australia finaliza despois do verán. Xa no pasado mes de febreiro, este diario informaba sobre a aspiración de Navantia de construír un AOR ou buque de apoio loxístico para a Marina española. A planificación interna da compañía estaría preparada para poder inicialo en abril de 2020. Segundo Javier Losada, "trasladaremos aos ministerios implicados e a Navantia as demandas dos traballadores, para conseguir ocupación ata que se produza o primeiro corte de chapa das F-110".

Debido á inminente finalización do contrato australiano, as auxiliares poderían padecer "ata 1.500 despidos", segundo indicou o presidente do comité de Ferrol. Javier Galán reclamoulle a Losada "que nos bote unha man na medida que teña para facilitar unha entrevista cos parlamentarios do PSOE, despois de que este partido gañase as eleccións xerais". Recordou que "unha comarca tan deprimida como Ferrolterra necesita ocupación e por iso reclamamos un barco como o Patiño, que xa ten 24 anos de singladura e hai posibilidades de dalo de baixa". A pesar de atender as peticións dos operarios do naval, o delegado do Goberno tamén puntualizou que "as cinco fragatas supoñen unha inversión de 4.317,8 millóns de euros entre este ano e 2032, crean un valor engadido de 5.400 millóns con 7.000 empregos directos e indirectos".

Xa pola tarde, as protestas de Poligal reunían a políticos como os alcaldes en funcións de Ferrol e Narón, Jorge Suárez de FeC e Marián Ferreiro de Terra Galega; ou a deputada Yolanda Díaz de En Común Unidas Podemos. O ERE de extinción está suspendido durante cinco días ata hoxe, á espera de alegacións. Segundo o presidente do comité, Rafa Souto, "o Igape dixo que hai tres empresas ou liñas de actuación interesadas por nós: unha da India, outra coa Universidade e a terceira de poderío económico pero confidencial". Pide máis implicación do Ministerio de Industria.