El Correo Gallego

Elecciones  |   RSS - Elecciones RSS

Gonzalo Caballero Míguez. Secretario xeral do PSdeG

"O Goberno cumpre con Galicia, e a Galicia vaille ben con Pedro Sánchez"

Gonzalo Caballero, deputado e líder do PSdeG - FOTO: Pepe Ferrín
Gonzalo Caballero, deputado e líder do PSdeG - FOTO: Pepe Ferrín

XAIME LEIRO SANTIAGO   | 08.11.2019 
A- A+

O PSOE ía á repetición das eleccións xerais coa idea de mellorar este domingo os resultados acadados o pasado 28 de abril. Vai ser así? Terá Pedro Sánchez máis de 123 deputados no Congreso?

Se hai unha movilización masiva e unha alta participación, Pedro Sánchez e o Partido Socialista acadarán uns resultados electorais nítidos e claros para seguir construíndo unha senda de progreso para España dende o Goberno.

Coa convocatoria tiveron un pequeno retroceso e logo un estancamento nas enquisas. Notan unha remontada agora?

A medida que transcorre a campaña electoral o nivel de mobilización e ilusión vaise incrementando de forma clara. No debate electoral vimos como Pedro Sánchez gañou con claridade ó resto dos candidatos e estivo á altura das circunstancias. Fronte ao Partido Socialista, as dereitas están entregadas a un pacto coa ultradereita, que é unha ameaza real para a sociedade na que vivimos. Queren eliminar o Estado das Autonomías, queren facer retroceder os dereitos sociais e as liberdades políticas... A campaña transcorre cunha intensidade crecente a favor do Partido Socialista.

Ve a Pedro Sánchez forte fronte aos demais candidatos?

Pedro Sánchez está en condicións de acadar un resultado contundente. E os socialistas, se hai mobilización, conseguiremos u­nha maioría ampla e clara.

Semella que a única opción para Sánchez é que o PSOE quede como primeira forza e as demais o deixen gobernar en minoría. Pódese abrir paso esa opción, que foi imposible até o de agora?

A dous días da cita coas urnas toca intensificar todo o noso discurso de cara ao electorado, porque a España lle interesa manter a senda de progreso. Se o facemos, haberá unha maioría ampla para que o Partido Socialista poida gobernar con maior claridade.

Non sería un goberno inestable por ter poucos apoios e ademais de corta duración?

Pedro Sánchez gobernou con menos de cen deputados durante dez meses e amosou como se poden subir as pensións, universalizar a sanidade, aumentar as becas na educación pública, subir o salario mínimo interprofesional. Se isto foi posible con tan poucos deputados, a partir do 10 de novembro, cun apoio maioritario, levaremos a cabo un proxecto transformador e de impulso da sociedade española pensando en quenes teñen máis dificultades. O risco de inestabilidade represéntao unha dereita entregada á ultradereita de Vox, que racha con todos os consensos e que implica unha ameaza real. O risco para España é que as dereitas sumen coa extrema dereita e que Pablo Casado sexa un presidente títere en mans de Santiago Abascal. Non lle podemos perdoar ao PP a súa entrega á ultradereita cando debería establecer un cordón sanitario contra ese neofranquismo demagóxico que perturba a política en España.

Sánchez ten diante de si o reto de neutralizar o problema catalán e de tranquilizar fronte os nubarróns dunha nova crise económica global. Poderá contar co PP para afrontar eses dous problemas de calado?

Pedro Sánchez é un magnífico presidente, porque está combinando unha axenda de políticas sociais compatibles co crecemento económico e ademais está a fronte dun goberno constitucionalista que respecta o Estado de dereito e que entende a importancia de restablecer a orde política con responsabilidae e proporcionalidade. O PP foi unha máquina de multiplicación do independentismo cando gobernaba Mariano Rajoy porque as dereitas non son unha solución para ningún dos grandes problemas deste país.Ademais, é unha satisfacción que o presidente do Goberno promova a unha galega como Nadia Calviño, acreditada nas institucións europeas, para desenvolver as tarefas da vicepresidencia económica dun goberno socialista.

Pedro Sánchez folou de que haberá fondos para solventar os problemas industriais de Galicia. Non cre que debera haber máis dilixencia e posta en escena sobre ese asunto que tanto preocupa? Ou esa dilixencia se deixa para ser unha arma na posterior campaña electoral galega?

O Goberno socialista cumpre con Galicia plenamente. En primeiro lugar porque a axenda social implicou que máis dun millón de galegos e galegas aumentasen as súas pensións ou os seus salarios mensuais. Pero, ademais, cumpre con todas as inversións posibles para a chegada do AVE a Galicia, cumpreu con 4.300 millóns de euros coa construcción de cinco fragatas en Ferrol, que é unha inversión histórica, cumpre adicando 42 millóns de euros para empresas electrointensivas por emisión de dióxido de carbono, sendo Alcoa en San Cibrao a que máis axudas recibe de toda España. Polo tanto, a Galicia vaille ben cun goberno socialista. O PP perdeu as eleccións xerais, municipais e europeas. E dende entón vai de mentira en mentira buscando a confrontación co Goberno socialista.

O PSdeG volverá ganar de novo o domingo ao PPdeG en Galicia como sucedeu o 28 de abril?

Nós plantexamos que hai unha maioría social de progreso liderada polo PSdeG que volverá darse nestas eleccións xerais e tamén cando se celebren os vindeiros comicios autonómicos.

Pero o PSdeG volverá a quedar o domingo por diante en votos e deputados do PPdeG?

Se hai unha mobilización masiva o noso resultado electoral será claro e contundente en Galicia. O que si sabemos e que o PP perdeu fuelle en Galicia e que a medida que avanza a campaña electoral as mentiras de Feijóo xa non llas compran os galegos e as galegas. O tempo de Feijóo como líder maioritario en Galicia chegou á súa fin. E, dende logo, nós pedimos a todos os galegos o voto útil ao PSOE para que España e Galicia progresen fronte ao risco de involución que representa o Partido Popular pactando coa ultradereita.

O PPdeG quere truncar o seu argumento de que os conservadores xa non son a primeira forza en Galicia, que o pode beneficiar a vostede para as autonómicas. É consciente da vantaxe que lle daría ao PP volver a ser a primeira forza e facer que vostede teña que variar o seu discurso?

Os votos do progreso superaron amplísimamente os votos da dereita en todas as eleccións que houbo en 2019 e esa maioría social progresista vai volver producirse o domingo. Cando haxa eleccións autonómicas, o PP vai perder o poder político en Galicia. Hai unha senda de declive que non lle posibilita maiorías absolutas no país e Feijóo sabe que o tempo das súas maiorías consecutivas está finiquitado. Entendo que estén moi preocupados, pero o erro do PP é non recoñecer o positivo que ten para os cidadáns do común un goberno socialista en España e utilizar a Xunta para confrontar con mentiras fronte ao goberno socialista de Pedro Sánchez. Feijóo engana aos galegos cando fala da defensa da autonomía galega, da industria, ou das infraestruturas, porque é o Executivo socialista o que cumpre con Galicia mentres que o de Mariano Rajoy retrasaba os investimentos no AVE, gardaba nun caixón o investimento nas fragatas e conxelaba as pensións. En todo ese proceso, Feijóo foi cómplice da dereita de Rajoy e, o que é peor, agora Feijóo é un cómplice da dereita neoconservadora de Pablo Casado que pacta cunha forza política como VOX que debería ser rechazada por todas as forzas moderadas e constitucionais.

"O erro do Partido Popular é utilizar á Xunta para confrontar con mentiras fronte a Madrid. Núñez Feijóo engana aos galegos"