El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Elecciones  |   RSS - Elecciones RSS

"Os indecisos vanse decantar por Casado de aquí ó domingo"

"A fortaleza do PSOE consiste en que unha parte dos votos populares acaben en Cs e Vox" // "As ameazas ao emprego no sector industrial e forestal pasarán factura a Sánchez"

“Os resultados son dun partido e non dun candidato e moito menos cando non leva nin un ano sendo líder” //  “Eu teño un contrato cos galegos até finais de 2020” // O que crea que o PSOE xa gañou as eleccións é adiviño e cre que Vox e Ciudadanos vanlle sacar o triunfo ao PP”
“Os resultados son dun partido e non dun candidato e moito menos cando non leva nin un ano sendo líder” // “Eu teño un contrato cos galegos até finais de 2020” // O que crea que o PSOE xa gañou as eleccións é adiviño e cre que Vox e Ciudadanos vanlle sacar o triunfo ao PP”

XAIME LEIRO SANTIAGO   | 26.04.2019 
A- A+

Visto o visto, Pablo Casado ten a tiro de pedra a Moncloa? A campaña foi como vostede esperaba?

Hai tantos motivos para votar ao PP como había en xuño de 2016 cando ganamos con 137 escanos. Ademais, hai moitos máis riscos na alternativa porque agora xa coñecemos mellor a Pedro Sánchez. A alternativa é Sánchez cos seus socios da moción de censura: independentismo, nacionalismo e Podemos.

Até que ponto perxudica a C­asado a fractura da dereita?

O risco ao que se enfronta o noso candidato é precisamente esa división do centro e da dereita en tres. Polo tanto, o maior aliado neste momento de Sánchez é a división do centro e da dereita en España. E esa é a fortaleza do Partido Socialista. A fortaleza do PSOE consiste en que unha parte do voto ao PP acabe en Ciudadanos e outra en Vox. Se Pedro Sánchez logra a división do centro e da dereita pode ganar as e­leccións. Se unimos o voto no PP da alternativa a Pedro Sánchez ganará Pablo Casado as eleccións.

Ese obxectivo está ben plantexado na campaña de Casado ou vostede daríalle outro barniz?

Creo que os debates trasladaron que o máis presidente dos catro foi Casado tanto polo contido do que dixo en emprego, economía, impostos, servizos públicos, comunidades autónomas e non nacións autonómicas, como polas formas, porque mantivo continuamente a moderación e a educación. Deses debates quedou que o presidente Sánchez representaba aos que non estaban no plató (independentistas e nacionalistas) e Pablo Casado á única alternativa ao partido actual de Pedro Sánchez.

Como valora o plantexamento da campaña dos socialistas?

Esta campaña foi interesada para Sánchez, onde meteu a Semana Santa polo medio, intentou non facer ningún debate e vetou un cara a cara co líder da oposición, que é un clásico da democracia. Pero nesta recta final vaise decantar o voto, porque a xente se vai dar conta de que se se dividen as papeletas aquelo que se quere evitar votanto a Ciudadanos e Vox provoca xustamente o contrario: permite un goberno de Sánchez co nacionalismo e Podemos. De aquí ao domingo esa porcentaxe de indecisos entre o 25 e o 30 % vaise a decantar pola única alternativa a Sánchez, que é Pablo Casado.

Aquí en Galicia a fragmentación non se notou aínda. Chegarán vigorosos nestes comicios a este bastión inexpugnable Ciudadanos e Vox?

Todas as eleccións son diferentes. As xerais e as autonómicas son distintas. Incluso as municipais son diferentes das autonómicas e xerais. Hai un escenario nacional que inflúe en todos os territorios que conformamos a nación española e o resultado dependerá moito de se Pedro Sánchez é capaz de dividir o voto da alternativa en tres. En Galicia eso ten menos risco, aínda que evidentemente algo de risco existe nestas eleccións. Estou convencido de que nas municipais e autonómicas ese risco baixará dunha forma ostensible.

Por que?

Porque os que votaron a Vox e a Ciudadanos en Galicia se darán conta de que os seus votos non acadaron escanos e, sen embargo, facilitaron os escanos do PSOE. Polo tanto, se Vox e Cs obteñen votos pero non escanos nestas xerais que é o que creo que vai ocurrir en Galicia, na segunda volta, nas municipais, coa desfeita que viven as mareas de Podemos, a crise do PSdeG e coa diminución da influencia do BNG, creo que ese voto volve a unirse ao PP.

Contempla a posibilidade de que o PSdeG poida quedar por diante do PPdeG en Galicia? O Partido Socialista, insisto, ten como aliado a división do centro e da dereita.

O digo porque podería revolucionar o mapa autonómico e proxectarse con máis vigor para as autonómicas?

Cada proceso é distinto.

Contempla a posibilidade?

Na miña opinión, non as vai ganar, aínda que todo o seu obxectivo non é gañar el, senón dividir o voto gañador. Divide e vencerás, acuñaron os romanos cen anos antes de Cristo. Os galegos, que votaron unidos nas autonómicas, danse perfectamente conta de que coas mareas de Podemos nunha situación de deterioro e desbandada, e un PSdeG onde en cada provincia mandan dous socialistas distintos, saben que a alternativa ao PPdeG sería a parálise e bloqueo da Xunta.

Agora están as xerais, en maio as municipais e europeas e a un ano vista as autonómicas. Vivimos nunha campaña permanente en Galicia? Non se tensionará e crispará moito o ambiente?

Dende que Sánchez se meteu a política vivimos anos de ines- tabilidade. Fixo perder a España todo o ano 2016 e volveu tensionar a política a partir de xuño de 2018 coa moción de censura. De xuño de 2018 até agora outro ano perdido. E non sabemos canto tempo imos perder coa formulación do novo Goberno. Durante todo este tempo a Xunta estivo gobernando. Garantizo que os galegos van ter estabilidade até que acudan ás urnas, porque votaron estabilidade. Pode ser que haxa ruido, estamos acostumados, pero o único Goberno estable que hai en España é o de Galicia. E nós imos manter a estabilidade. Non haberá desestabilización da política autonómica en Galicia pese a quen pese.

Vostede denunciou, xunto co BNG e a dirección de En Marea, a discriminación de Galicia nas contas do Estado. Se gana o PSOE, haberá borrón e conta nova?

Non. Hai moitos problemas, como a ameaza sobre os 5.000 empregos no sector electrointensivo en Galicia (Alcoa en A Coruña, Alcoa en San Cibrao, Ferroatlántica e Megasa), tamén a ameaza a outros 5.000 empregos no sector forestal co peche improvisado de Ence, sumado as 200.000 familias galegas que venden madeira todos os anos, que supón 300 millóns de euros de ingresos e que van a ver diminuido o prezo como consecuencia de que non terán quen a compre. Ademais, hai que engadir a baixada histórica do orzamento do Estado e o intento de bloqueo do superávit das contas de Galicia para poder gastar un diñeiro que é noso en servizos públicos. Todo esto vaille a pasar factura o PSOE.

Se Pablo Casado non chega á Moncloa e o PP queda por debaixo dunhas expectativas razoables as vistas volveranse cara a vostede. Tera que dar outra roda de prensa multitudinaria para enmendar o que dixo no seu día e aterrizar en Madrid?

Os resultados son dun partido, non son só dun candidato e moito menos cando leva menos dun ano. É como nós o valoramos.

Quen está á fronte ten que proxectar ter madeira de líder.

Estou onde quero estar e onde os galegos me dixeron que estivera, que é en Galicia. Non cambiei de opinión nos últimos dez meses. Foi unha decisión que tiven que tomar en moi pouco tempo e na que entendín que as institucións de Galicia merecían un respeto e que en dez días ninguén pode facer as maletas e irse. Foi unha decisión meditada e, do mesmo xeito, a coherencia esixe que neste momento se diga que o resultado do PP será o resultado de todo o partido, non dun candidato. E engado, se polas enquisas fora, eu non sería presidente da Xunta e levo dez anos como presidente, e Rajoy empataría as eleccións de 2016 e sacoulle 50 deputados ao PSOE. Imos ver o que ocurre.

En todo caso, está aberto ao que digan os acontecementos?

Non. Teño un contrato cos galegos até finais do ano 2020 e sempre cumprín os contratos. Se ademais son contratos electorais e esta é a terceira vez que é asinado polos galegos e ademais é o único contrato de maioría absoluta en España, siguen sendo razóns moi poderosas para manter as decisión. Pero, reitero, o que crea que o PSOE xa gañou as eleccións é adiviño e cree que Vox e Ciudadanos lle van sacar o triunfo ao PP.

BARÓN CON PESO ESPECÍFICO

Urnas contra enquisas

Alberto Núñez Feijóo (Os Peares-Ourense, 1961) lidera o Partido Popular de Galicia dende o ano 2006, data na que tomou o relevo do histórico Manuel Fraga, con quen ostentara o cargo de vicepresidente primeiro da Xunta na fase final do seu mandato marcada pola catástrode do petroleiro Prestige. Contra todo pronóstico, Feijóo recuperou para os populares o Goberno galego no ano 2009, tras tumbar nas urnas ao bipartito formado por socialistas e nacionalistas encabezado por Emilio Pérez Touriño. Considerado como un barón con peso específico a nivel de España pola acumulación de tres maiorías absolutas nos momentos máis duros para a formación do charrán, sostén que haberá que esperar ao domingo para ver o que arroxan as urnas, convencido de que as enquisas poden errar, como sucedeu no pasado tanto con el mesmo como con Mariano Rajoy.