El Correo Gallego

Elecciones  |   RSS - Elecciones RSS

PORTAVOZ DE EN MAREA

Luís Villares: "Temos o mellor do PSOE e Podemos, pero non o malo"

Luís Villares, deputado autonómico e portavoz parlamentario de En Marea - FOTO: Lavandeira Jr./Efe
Luís Villares, deputado autonómico e portavoz parlamentario de En Marea - FOTO: Lavandeira Jr./Efe

XAIME LEIRO SANTIAGO  | 24.04.2019 
A- A+

{ Lugo 1978 } Maxistrado en excedencia, enfróntase por primeira vez ás urnas cun proxecto cidadanista sen ataduras a partidos políticos. Coloca a En Marea na órbita progresista con vontade de participar na gobernabilidade do Estado sen complexos en favor da xustiza social, pero con anclaxe no país para impedir unha aldraxe a Galicia.

Con que ánimo anda En Marea á marxe das enquisas que deixan todo moi aberto?

Estamos metidos nunha maratón, pero nunha maratón bonita, porque cando un está convencido do que fai nada pode saír mal.

Eso é optimismo ou realismo?

Eu son un optimista impenitente. Ademais, senón non estaba en En Marea.

No sprint desa maratón, como están de folgos?

Plenos de enerxía, con moitísimo folgos, porque estamos atopando moitísimo cariño entre a xente, que nos está a dicir que xa era hora de que En Marea soltase amarras e que defendese ate o final todo aquelo no que cría. Estamos vendo un retorno moi positivo e que este é o camiño, con moita xustiza social, preocupación pola xente, polo medio ambiente e por Galicia. O guieiro é unha En Marea sen ataduras que defende o progreso social en Galicia e en toda España.

O 28-A servirá para afianzar a marca dentro do paquete de siglas que hai á esquerda do PSOE?

Creo que si. Estamos afianzando a marca porque a xente está recoñecendo en nós o mellor dos valores do que foi no seu momento a nova política e o espacio progresista e galeguista. Digo esto porque a xente sabe que Podemos e o PSOE nos pasados orzamentos xerais do Estado fixeron unha fotografía na que se esqueceron de Galicia. A representante de En Marea no Congreso foi a que representou a dignidade. Pero, ademais, En Marea foi decisiva para o progreso do país; é dicir, para a moción de censura, subir o salario mínimo ou as pensións. Os votantes teñen en nós o mellor de Podemos e do PSOE e non teñen o malo de Podemos e do PSOE, que é esquecerse de Galicia.

Haberá deputados de En Marea nas Cortes?

O importante é que a xente teña claro que o voto a En Marea é máis que útil, é fundamental. É imprescindible para que haxa políticas progresistas e galegas. Eso co PSOE non está garantizado porque, se pode, pactará con Ciudadanos. Con Podemos non sabemos se o acordo progresista será desde o primeiro día ou deixarán pasar un ano, como fixeron nesta lexislatura, e, en todo caso, con PSOE e con Podemos sabemos que se van esquecer de Galicia nos orzamentos e nos van aldraxar porque teñen outras preferencias. Nós, como forza galega, reivindicámonos como forza da gobernabilidade. Nós temos capacidade de chegar a acordos co PSOE e con Podemos. Eso nos fai construir en positivo. E temos exemplos, renta básica universal, salario mínimo, pensións, sanear a ría do Burgo, pechar Ence... somos capaces de entendernos con eles. Outros non poden dicir iso.

Subido na onda favorable que lle da o goberno, o chamamento ao voto útil do PSOE impactará negativamente sobre En Marea?

O voto útil progresista en Galicia é só a En Marea. Calquera que aposte polo progresismo e vote PSOE sabe que os socialistas vanse botar en brazos de Ciudadanos. Frear a dereita e apostar por forzas que garanticen que vai haber unha maioría progresista e que a vai haber dende o primeiro día. O noso programa parte dun punto básico: ten que haber un goberno progresista. Apoiaremos unha investidura progresista dende o primeiro día e non tardaremos anos, como tardaron outros en darse conta de que había que facer unha moción de censura a Mariano Rajoy.

Que os diferencia do BNG?

A diferenza desas forzas que se din moi galegas, nós estamos implicados na gobernabilidade do Estado, porque sabemos que e bo para nós e bo para todo o Estado. Nós queremos participar desa gobernabilidade para ampliar dereitos sociais. Queremos despenalizar a eutanasia, derrogar a Lei Mordaza, derrogar a reforma laboral, a transición ecolóxica xusta, a igualdade real das mulleres, e non só implicarnos na transferencia da AP-9. Hai outras forzas que non son capaces de chegar a acordos con forzas estatais.

Ve posibilidade de que gobernen as tres forzas de dereitas?

Non. A sociedade é maioritariamente progresista e a proxección electoral é clara. O que nos xogamos e se o PSOE pacta con Ciudadanos e fai políticas conservadoras ou se, pola contra, vai ter aliados e políticas progresistas e de esquerdas.

Os resultados das xerais de En Marea, BNG e En Común, derivarán na recomposición de siglas?

Nos reclamámonos herdeiros dun movemento político cidadanista para superar os vellos partidos e tamén para superar os novos que envelleceron demasiado rápido. A nosa aposta é seguir fieis a eses movementos sociais e cidadanistas que reclaman rexeneración democrática e xustiza social.

Os resultados condicionarán o seu cargo de portavoz parlamentario e líder de En Marea?

Non. Estamos nunhas xerais, non en autonómicas. En segundo lugar, a miña lexitimidade non vén do grupo parlamentario, vén das eleccións autonómicas ás que me presentei e tamén das primarias internas ás que me presentei e que ganei. É dicir, a lexitimidade dáma a cidadanía de Galicia e as persoas inscritas.

"Calquera que vote ao PSOE ten que saber que os socialistas se van botar en mans de Ciudadanos" // "A diferenza desas forzas que se din moi galegas, nós queremos participar da gobernabilidade do Estado para ampliar dereitos sociais"