El Correo Gallego

Elecciones  |   RSS - Elecciones RSS

Peticións: conciliación e axudas para a dependencia

Falar de creación de emprego ou, por exemplo, de políticas sociais en xeral, adoita ser o habitual cando se están achegando unhas eleccións, pero se imos ás experiencias concretas de cada un, que reclaman os cidadáns?

SILVIA CASTIÑEIRAS  | 15.04.2019 
A- A+

É tempo de anuncios, propostas, intencións, cambios, paquetes de medidas... Estamos encamiñados cara as eleccións do 28 de abril e cada vez temos máis información sobre os propósitos que se fixan os distintos candidatos a gobernar España tralos comicios.

O caso é que non sempre os cidadáns acaban de enterarse de cales son eses programas electorais de cada formación e non sempre ven claro como se van concretar en feitos os ideais que airean os políticos nesta época.

E é que cada un vive os seus problemas particulares do día a día, lonxe de grandes e complexas proposicións xeralizadas, aínda conscientes de que o que se dicte en Madrid repercute en moitas desas cuestións que afrontamos diariamente. É por iso que por pedir que non quede.

Diego Javier é un mozo de 21 anos que sofre complicacións familiares moi concretas e especiais. O seu pai é totalmente dependente debido a unha invalidez. É nesta situación onde, a través da experiencia persoal, detecta moi pouco apoio por parte das administracións á hora de recibir axudas no fogar, por exemplo para que a súa nai, a coidadora, poida descansar un pouco. Tamén solicita becas de estudo, xa que os recursos no seo da familia non son os que poderían ser se todos os seus membros estiveran en plenas facultades.

Na mesma liña se expresa Beatriz. Ela tamén se centra nas políticas sociais, neste caso en que se facilite a incorporación ao mercado de traballo de persoas con algunha discapacidade. Ela, aos seus 52 anos, está a atopar moitas dificultades para atopar un posto, despois dun accidente laboral que lle deixou mal unha man. É técnico de laboratorio e ve un futuro difícil nestas condicións para ela e a xente que estea a experimentar o mesmo ou algo parecido.

A conciliación, a dependencia e a integración son polo tanto tres cuestións que realmente acaban indo unidas e que na actualidade están moi presentes na vida de calquera cidadán. É curioso que ao preguntar na rúa non escoitamos tantas respostas relacionadas con que baixe o paro, se reduzan impostos ou peticións deste tipo como se podería agardar, máis ben a xente comeza a ter moi en conta o benestar.

Vanessa, de 30 anos, refírese igualmente a temas sociais. Cre que as administracións deberían estar máis pendentes de ofertar prazas para o coidado dos maiores en residencias e incluso tamén para os máis pequenos en escolas infantís. O certo é que as competencias ás veces nestes asuntos non están tan claras, xa que nestes ámbitos hai que dar entrada a outros entes como os locais e os autonómicos, reiterando de novo que as decisións nas altas esferas sempre acaban tendo efecto nos outros eslabóns da cadea política.

Os pensionistas queren un aumento das prestacións. Olga ten 63 anos e cre que hai moita xente que cobra pouco e vive moi axustada despois de estar toda a vida traballando. Coa súa opinión volvemos ao punto de partida. Sostén esta muller que en xeral os que manda teñen que mirar máis polos maiores, para que poidan ter unha vida mellor, aínda que tamén nos advirte que a súa confianza en que iso pase é mínima.

Agora queda por ver se verdadeiramente os que aspiran a dirixir o país teñen esa sensibilidade con estas solicitudes.

 

REACCIÓNS

Diego Javier

21 anos

"Eu polo que máis sufro é polos meus pais. Meu pai ten un problema e por iso creo que debería haber unha implementación maior de axudas para familias que teñen persoas dependentes porque miña nai está as 24 horas a disposición del. Tamén nestes casos podería haber axudas para estudos porque os gastos son moitos".

Olga

63 anos

"Eu son pensionista e o que me gustaría é que nos aumentaran as prestacións porque hai moita xente que cobra moi pouco e vive moi axustada. En xeral creo que se lle debería prestar maior atención á xente maior, facer algo máis por ela, axudalos a ter unha vida mellor. De todas maneiras non creo que se chegue a facer nada".

Vanessa

30 anos

"Non se me ocorre así ningu­nha petición en particular que me gustaría que fixera o próximo presidente pero si que se dependera del gustaríame que se mirara máis polo que é público, tipo as prazas en residencias para maiores ou para os máis pequenos en garderías. Que haxa máis preocupación por este tipo de cousas".

 Beatriz

52 anos

"O primeiro que hai que pedir é que deixen de roubar os políticos. Xa concretamente no meu caso, porque o sufro, penso que se tería que facilitar a entrada no mercado de traballo de persoas con algunha discapacidade. Eu, por exemplo, sufrín un accidente laboral e despedíronme. Agora non dou atopado emprego, non é doado".