El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Elecciones  |   RSS - Elecciones RSS

Reclama o BNG os 5,5 millóns que establece o estatuto de capitalidade

Goretti Sanmartín afirma que será necesario un estudio para actualizar custos

ECG SANTIAGO  | 16.05.2019 
A- A+

A candidata do BNG, Goretti Sanmartín, comezou a comparecencia de prensa cunha mensaxe de forza á muller galega que sufriu esta mañá u­nha agresión machista en Vimianzo para que poida recuperarse. "Temos que combater a violencia de xénero en todos os ámbitos para que estas situacións non acontezan, toda a forza para ela, para a familia e amizades", expresou.

A medida que presentou, acompaña de Pilar Lueiro e Xosé Quintáns, da candidatura do BNG, vai encamiñada a que Santiago consiga o financiamento que lle corresponde por ser capital de Galiza. "Sabemos que se estabeleceu un orzamento extraordinario polos custos que ten a capitalidade en exencións tributarias de edificios, exencións de impostos de vehículos, vados, seguranza, rehabilitación do patrimonio e limpeza, entre outras cuestións".

"O primeiro que propoñemos é que se actualice a contía, que se cifraba en 5,5 millóns de euros no estudo do profesor Caramés Viéitez da USC a partir dunha análise rigorosa dos gastos ocasionados e que se usou de referencia", sinalou.

Explicou que unha das primeiras medidas que ten que tomar o novo goberno municipal é encargar un estudo de actualización dos custos "porque seguramente que hoxe son máis elevados pola cantidade de persoal, de edificios, de custo patrimonial, de limpeza, de rehabilitación e de promoción turística. Compre realizar esa negociación coa Xunta para que non deixen de asignar nin un euro menos do que nos corresponde a Compostela", concluiu.